Vento mareiro

 

Escolma.

 

m2rcabanillasventomareiroescolma.html

SONO DOURADO

Para a miña muller


                          I



   ¡Ou meu sono labrego! Unha casiña
preto do río, ó abrigo dos pinales,
con piorno e alboios nos currales
e palleiros na eira e na curtiña.

   Ó pé da casa un muíño cantareiro
ó son da lira de ágoa que enche o caño,
baixo o maino agarimo dun castaño
e os amorosos brazos dun cruceiro.

   Todo ó longo da aberta do muíño
tortas e vellas cepas de albariño
cos asios mestos no bendito outono.

   E un ferrado de terra por facenda
pra prantío e xardín, libre de renda,
diesmo a Dios, sin foreiro nin máis dono.


                         II


   Groria e lecer da casa, unha lareira
en que arderan enteiros os carballos,
arrodeada de afumados tallos,
con forno cheo e forte gramalleira.

   E do inverno nas noites, cando o vento
nos altos pinos seus doores laia
e misteriosa rube dende a praia
a rouca voz do mar, no antigo asento

   de meus avós labregos e cristianos,
presidindo o rueiro de aldeanos
que a relocente labarada doura,

   ouír contar, doído, a un xornaleiro
—¡follas sin escribir do Romanceiro!—
a lenda triste dunha reina moura.


                         III


   Ir á misa nas festas e á saída
na paz do adro conversar cos vellos
deses ditos, costumes e consellos
con que a vida do campo está tecida.

   Tralo homilde xantar, mentras que a xente
moza relouca no turreiro, leda,
ler un libro no fondo da arboreda
ou visitar na vila algún parente.

   E ó volver cara á chouza, paseniño,
praticando da anada cun veciño,
baixo a dourada craridá da tarde

   ir vertendo, ó pasar, na aldea en calma,
este saúdo todo mel da alma:
"¡Vaia con ben, paisano! ¡Dios o garde!".


                         IV


   Ás traicións e ás inxurias xordo e cego
sobre todas as cousas deste mundo
arrolar meu amor, nobre e profundo,
á redención do escravo chan gallego.

   E si un día felís contra a inxusticia
nos agros celtas o cramor se escoita,
ser dos primeiros en abrir a loita
baixo a santa bandeira de Galicia.

   Seguila sempre, e ou lavar o ultraxe
dese feudal, sangrento vasallaxe
que lle impón, contra lei, a irmán Castela,

   ou no aberto combate malferido,
ó pé dun valo vello e frorecido,
¡unha mañán de sol, morrer por ela!


                         V



   E si o ceo dispón de outra maneira
meu sinxelo vivir, facerme vello
tendo a honra do nome por espello
e a probeza por dina compañeira.

   Ver os meus fillos, para ben, criados,
amantes do seu chan, traballadores,
sin rebaixarse nunca ante os siñores
nin erguerse xamais ante os coitados.

   E cando chegue o día da partida,
acollendo sin medo a nova vida,
limpa a concencia do mundano lixo,

   morrer cristiano, baixo propio teito,
mandando, como é de uso e de dereito,
o corpo á terra, ¡a alma a Dios que a fixo!


                Encomenda


   A ti, miña muller, arca pechada
que no seu fondo garimoso encerra
o que me queda santo sobre a terra,
van estes versos de visión dourada.

   Eles diranche que, ó través da vida,
sempre, sempre miña alma soñadora
pideulle a Dios que na postreira hora
cerre os meus ollos esa man querida.

   E neles vai, paxaro cara ó niño,
agardando que o colla con cariño,
este meu rogo que a visión compreta:

   Quero na lousa que me dé sosego
esta palabra que ten luz: "Gallego"
e esta palabra que ten ás: "Poeta".





     Á SOMBRA DO PINAL


   ¡Pinal de Tragove!
   ¡Zoador, barulleiro pinal
enraizado nas laxes fendidas
da beira do mar!

   ¡Que dozura no arume bravío
ten a branda resina que cai
das abertas feridas das ponlas
en adoas de limpo cristal!
   ¡Que agarimo e brandura de berce
nas secas faíscas alfombra do chan!
   ¡Pinal de Tragove!
   ¡Fungador, impoñente pinal
que te enrugues altivo,
rei da soedá,
ó frente o misterio calado do ceo,
ós pés o mistéreo bruante do mar!

   ¡Repouso encantado
das tardes do vran!
   En bandadas chegaban as pombas
no teu verde ramaxe a pousar...
a alma viaxaba por terras non vistas
en busca de Aquela que nunca virá...
¡os ollos seguían
unha vela lonxana no mar...!

   ¡Segredo da calma
dos mornos seráns!
   Na sombra do ceo refulxe a mirada
cruel de Aldebarán...
A trirreme do Ensono, en silenzo,
vén da praia nos cons a atracar,
coas bandas e os remos cubertos de rosas
e na proa este nome: "Ideal".

   ¡Soídos lonxanos das prácidas noites
de meigo luar!
   Voz de Scheherezada,
mainiña e levián,
que tece cos fíos de prata da lúa
a máxica historia do vello Simbad...
¡unha fada enloitada que axexa
o camiño de luz sobre o mar...!

   ¡Pinal de Tragove,
rei da soedá,
que rosmas altivo,
diante dos misterios do ceo e do mar,
do pobo gallego
a queixa ancestral!





ACCIÓN GALLEGA

Hino


¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!

Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar.


Antes que ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó mar.

¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!

Xa o fato de caciques,
ladróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.

Antes que ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó val.





        NO ESCURO


   ¡Noite diante dos ollos!
¡Noite no pensamento!
¡As brétemas da Dúbida!
¡Os pantasmas do Medo!
¡Costa arriba, caíndo
sin ver onde tropezo...!

   Soio unha espranza:
¡o raio aceso
dunha estreliña
que brila ó lexos!

   ¡Esquencido dos fillos!
¡Bulrado dos alleos!
¡Afundido na sombra!
¡Magoado polo peso
dunha Xusticia en feira
escrava do Diñeiro!

   ¡Soio un consolo
pon no meu peito
a luz da estrela
que brila ó lexos!

   ¡Nas mans a feridoras
cadeas do foreiro!
¡Ispido, arrodeado
de roxos cans famentos
que con dentes e uñas
gobernan os meus eidos!

   ¡Soio entre a sombra
tenme dereito
a luz da estrela
que brila ó lexos!

   ¡Abafado, sentindo
como funga no vento
o rachador estalo
da tralla do negreiro
que o maldito cacique
mercou, coa alma, ó Demo...!

   ¡Soio me alenta
neste deserto
a luz da estrela
que brila ó lexos!

   —Rube, rube ó Calvario
¡ou Cristo destos tempos!
Un derradeiro esforzo;
¡un paso máis, labrego!
¡A estrela é unha fogueira
que xa está preto!





     LUME NO PAZO


   Prendeu lume no pazo.

A roxa labarada
alumea a campía.

Atronan as campanas
o val.
Quentan o aire
espesas bafaradas
de fume.

Corre a xente
Berrando, atolondrada.

Ó arde-lo cume, as tellas
enroxecen e estalan.

Caien, cruxindo, as vigas,
e o lume ás catro bandas
envolve a torre.

Muxen
de medo os bois nas coadras.

   A xente rube ó adro
pra ver onde é a disgracia
e ó mirar cara ó pazo
detense amontoada.

Érguense as mans ó ceo,
e sanguiñenta, tráxica,
refréxase nos ollos
a roxa labarada.

   E un velliño, moi vello,
de guedelliñas brancas,
que vive de milagre,
xantando cando xanta,
vestido de farrapos
e durmindo onde cadra,
—todo por mor dun preito
de rendas atrasadas,
no que os donos do pazo
deixárono sin nada—,
ollando cara ó lume,
rise, barulla e fala
¡de ir busca-lo gaiteiro
para que toque a gaita!





     CAMIÑO LONGO


   Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
e triste e escuro de día...
¡camiño longo
da miña vida!

   Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
¡vereda torta,
ti onde me levas!

   Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
¡camiño longo
da miña vida!

   Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sin ágoa;
sin carballos que den sombra,
nin chouzas que den pousada...
¡vereda fonda,
ti cando acabas!





          O GALO NEGRO

A Lois Peña Novo

Locindo a crista
como un sangrante casco guerreiro,
a ollada dura e alumeante,
o forte e áxil pescozo ergueito,
empolainado, calzada a espuela
co señorío dun cabaleiro,
en circo o rabo de longas prumas
cheas de escuros, limpos refrexos,
como un rei mouro por antre escravos,
solene, mudo, vibrante, teso,
vai antre as pitas do seu comando
o galo negro.
            
Cando ó seu pazo
rachando o vento
chega o cantío
dun compañeiro,
detén o paso,
fitando ó lexos,
nun solo pulo
rube ó poleiro
e as ás abertas,
inflado o peito,
ventando loita,
rabiado, aceso,
a gorxa chea,
devolve a inxuria nun outo berro
longo, afiado
como firente frecha de aceiro,
méntra-las pitas,
as mansas pitas asoballadas,
fuxen tremendo,
e os probes pitos,
os aparvados pitos coirentos,
acochadiños
chían de medo.

Toda Galicia
é unha ringleira de galiñeiros.
Cada viliña, cada parroquia,
ten o seu galo ¡seu galo negro!
Alma aforcada
de traicioneiro,
nin cre nos santos,
nin cre no demo;
pedáneo, abade,
xuez, porteiro,
nadie se mova sin a súa venia,
sin o seu outo consentimento.
Concencia ás costas,
si no hai diñeiro
vende a xusticia
por un cadelo.
Fai os repartos como lle peta,
torce camiños, troca lindeiros,
e ten as vidas, e ten as honras
encadeadas ó seu deseio.

¡Irmáns, oíde!
¿Sempre teremos
de ser escravos,
pitiñas mansas, pitos coirentos?
¡Irmáns! Galicia
é unha ringleira de galiñeiros...
¡Todos a unha!
¡Matemos todos os galos negros!





          ¡MISERERE!

A Xosé Palacios


Morre abafada Galicia
baixo a pouta castelán:
temos fame de xusticia;
fame de lobo e de can.

¡Probe de nós!
¡Dios nos colla da súa man!

Saien os vapores cheos;
nenos e homes que se van:
cai o pedrizo dos ceos
e deixa arrasado o chan.
¡Probe de nós!
¡Dios nos colla da súa man!

Ó chegar o Sanmartiño
os foreiros voltarán:
ni esquecerán o camiño
ni as rendas esquecerán.
¡Probe de nós!
¡Dios nos colla da súa man!

No hai herba pra darlle ó gando
nin queda palla do vran:
os automobis bruando
carretera adiante van.
¡Probe de nós!
¡Dios nos colla da súa man!

Xuraron nas eleiciós
faguer a vida levián:
ruben as contribuciós;
o ano que vén dobrarán.
¡Probe de nós!
¡Dios nos colla da súa man!

A corenta reás o millo
e non se atopa ni un gran:
eles... dándolle ó sarillo,
faguendo como que fan.
¡Probe de nós!
¡Dios nos colla da súa man!

Temos o frío nos ósos
e no hai follato nin lan:
choran os filliños nosos
pedindo quentura e pan.
¡Probe de nós!
¡Dios nos colla da súa man!

¡Temos frío! ¡Temos medo
de erguer o sacho na man!
¡Bebemos o viño acedo
e xa o sangre é solimán!
¡Probe de nós!
¡Probe dos probes sin pan!
¡Dios nos colla da súa man!

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega