Xove

 

 

v2miguelanxomourinhoxove.html


Se vives a cotío o misterio da vida
disfrutando sen traumas do billete de ida,
dos tesouros ocultos que amosa cada xeira
o devalo do tempo na infinita ribeira.
Se te sabes mellor ou igual cós mellores
pero non o pregoas nin reclamas honores,
e acépta-las gabanzas de bocas verdadeiras
sen modestias finxidas nin palabras baleiras.
Se fa-lo que meditas que merece ser feito
e non fúrta-la cara nin agácha-lo peito.
Se calas moitas veces pero dis o que pensas
se falas, anque a moitos lles parezan ofensas,
e prefires menta-las virtudes cós vicios
aínda que obtiveses menores beneficios.
Se militas na vida activo no teu posto
brandindo unha ilusión con outra de reposto.
Se pretendes que as túas son ideas-diamante
e dáslle a quen discrepa un valor semellante,
e sabes que é doado confundir unha alfaia
cunha doa de vidro de magnífica talla.
Se abrazas unha causa que nega a maioría
e ao medra-los atrancos medra igual a porfía.
Se lles roubas aos soños menos tempo ca á cama
e lles rendes aos feitos máis honores ca á fama.
Se un anaco de paz sementas a cotío,
ese pouso inconcreto do tempo fuxidío,
porque sabes que o froito dese orballo inmorrente
fai a vida máis doce, máis lúcida e máis quente.
Se fa-lo teu camiño de cántiga e de verso
e o vento que habitamos no emprestado universo
estreleces con pompas de dourada alegría
que estralan rosicleres na interina estadía.
Se consegues así que o zume se renove
serás eternamente ¡eternamente! XOVE.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega