Amadas polos deuses

 

(Texto íntegro)

 

v2hvillarjaneiroamadas.html


I     FRASILIA


Frasilia será sempre nova
porque os deuses a levaron a cabo deles
cando andaba na flor
igual que a primavera.

Frasilia era filla dun pai nobre
que pagou a un poeta
para que compuxese este epitafio
e a un escultor que lle refixo o corpo con branquísimo mármore
para que ela puidese termar intemporal coa man esquerda
do bocho funerario da flor de loto
e estirar coa dereita
a caída da saia inmaculada.

E tamén era filla dunha nai nobre
que chorou desesperada o designio dos deuses
e rodeou de anémonas
                                             -esas que son levadas polo vento-
traídas desde Olimpia
a súa cara carnal.

Frasilia vive agora no museo de Atenas,
rúa Panepistimio, moi cerquiña
da gran praza Sintagma
onde os gregos chaman as cousas de cada día
cos nomes que nós temos atafegados
polas solemnidades.

                                        Atenas, 4 de marzo do 2000




II     ALDARA

Aldara será sempre nena
porque Eolo a raptou entolecido
cun brazo xigantesco e ortopédico
vestida de anorak e de mochila
con libros pizarrados.

Non houbo na paisaxe
follas, flores nin froitos para que resaltase a palidez
do seu corpo deitado entre aquelas canicas derribadas
que o deus puxo no xogo
de namorado.

Quedan en linotipias e papeis
palabras de políticos,
técnicos periciais e ata aseguradores
para un necio epitafio aleatorio
capaz de esborranchar todos os prantos.

Aldara dorme agora no museo dos mortos
para espertar efémera e fermosa
na primeira das rosas que se asome
a cada mes de abril.


                                        Ría de Arousa, 28 de novembro do 2000

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega