mecánica zeleste 1996-1998

 

(Escolma)

 

v2estibalizespinosapoemasdeundous.html


I


a lenta aprendizaxe
de ser cosmos
 




abra


Terás que inserirte no verso teimosamente
coa decisión da pedra na auga
que non só insire
mais involucra, incrusta.
Con xesto abismal desencaixarte do barro
abrirte o cranio contra os versos
e que xurren versos.

O que a vida non permite terás que
morrer un pouco
unha vea de morte, non máis
abonda para a pervivencia dos mínimos xestos.

Que comerte os versos, terás que defecalos.
Crucificarte nun texto
pero na mentira.
Soportar un choque brutal
terás que beberte a natureza.
Enfrontamento fundacional doutro ti
ti cara ti contemplándote entimismada.


Pesados coma áncoras. Os versos serán quilos de desexo
estilado
serán crimes incompletos.

Que mutilarte terás. E nascer enteira.
Saír coa forza da poldra, saír dun verso
coma dun labirinto vaxinal
con rebordos inaugurados
terás que abandoarte nunha chaira desolada
proxectar cosmos
por fóra de ti. Rebentando.
Terás inundacións
inundacións líricas para te acugularen eidos
de fóra adentro e de dentro fóra.

Envolveita en versos miserables
porque haberás de sublimar esta nascencia
esta carencia
haberás de desembocar carencias
no mar inmenso que outros beben.

Algo caníbal. Virtual pero
morrerás un pouco.
E que forza
que forza
asolará os peitos
abrirá abras
que pequena almofada triturarás logo
se é que baleiras todo se é que escorrentas ás bestas
que pulso diminuto escoitarás
ti que o perdes todo
se é que todo o desembocas.

 

 

 

 

 

 

 



                                                                               
Cuando termine este verso
                                                                                             empezará a llover


                                                                                                
 Derek Walcott


Non hai ilíadas en nós
pero cantas veces atinximos memoria.

Cae a choiva coma todo o que lentamente cae
para volver a recompórse en futuros versos.

Aquí temos a posibilidade de cruzar unha ribeira.

E de volver a alancear inimigos
cunha batalla grande de xeracións que desembocan.

Maquetas de palabras
e verbos catapultando imaxes
para asolar
un templo cotián
miserable.

Velaiquí o meu potente cabalo oco.
Velaiquí o artificio e a enxeñería: imaxes
só imaxes.


Pero as miñas.

Até onde eu queira
como un país libre heroi lendario.

Até este verso xusto, húmidamente rescatado
este verso que, cando termine,
empezará a secarse ao sol.

 

 

 

 



xuño

Días longos
de bazuca apostada no limiar das horas.


Días coma francotiradores.
Noites sen saír de min.


A lamberme fontes feridas
fontes feridas
mananciais de chumbo nos que non estás
nos que non estás
e que só me agroman balas nésperas

Un tempo
blindado de cereixas

 



novas

Na noite os homes de ciencia véno todo claro
todo nidio.
A transparencia.
Codifican milagres nos seus Catálogos Celestes.
Van a lombos dun Cometa anotando fisións.
Rexistran a cor das Novas para todos nós
que vivimos con ben pouco brillo
e sen máis magnitude que o desexo de ser.
E no tempo dos mísiles na noite
das pirotécnicas batallas nouturnias.
No tempo de acender chisqueiros para morrer...

envíannos cara unha estrela.

Talvez queiran
nascernos a todos
SuperNovamente.
 

 

 

 

 


II

cosmonáutica

 

 

 



Podes chamarlle a isto voyeurismo.

Eu fago da escritura
un ollo que te mira.

 




amenceres globulares

Amenceres globulares.
Porque hoxe estou aquí soño amenceres globulares
alén Orión
as miñas pálpebras atravesan con espasmo
a súa púrpura nebulosa
alén Andrómeda feita do leite
de sabe o ceo que inmensas mulleres
alén batallóns de asteroides e aerólitos errantes

que contribúen á arquitectura polposa deste gran de

                                                                             pó
nadando na nada cósmica.


Pero eu estou a soñar
con eses amenceres globulares
porque talvez creo na incerteza ou na fáustica visión
dun olimpo carregado de raiolas brancas
creo nas metáforas lendarias que fanse apariencia e
realidade
baixo un mesmo conxuro
creo neses piñeirais que o vento fortalece
neses feixes de sol incrible que rozan un aglaiado eu
para transformalo na enteira humanidade
creo na música que soará para entón deliciosa e máxica
coma unha scheherezade arrebatada das sombras
un amencer máis.

Deseño de puros soños a química e a taumaturxia
destes
amenceres grandiosos
coma rosetóns de chumbo
violento e vidros verdes
azuis augamariña
e salmóns de pau de rosa

globulares
ceibando chorretóns de líquidos elementais
intumescentes
fastuosos amenceres
convidando de vez a gardar valiosísimos átomos de
silencio
remoer na soidade de hemisferio a hemisferio
deste noso globo que se nos fai pequeno
nas arelas arreitadas de botalo a voar polo
ceo cosmonáutico mirar polas fiestras pechadas dos
planetas
merendar raios doutros soles
na herba eléctrica


onde escomece unha uránica certeza
o azar
a amencer.

 

 

 



omegaliza


Vivimos nas Dumbrías Portas do alén
entre Friois da montaña
e Gondomares.

O noso país Oroso guía Ríotortos
e Valgas ás Trasmiras.
E por detrás do Paderne
asoma un Cervo Meis.

Xermade,
que por Lobios abaixo
poden escintilar Arnoias agochadas
menciñeiras.

Maside,
porque as Muras levan Láncaras en sí
e certa Lobeira Tui Sada e Sada un Trazo Ourol.


Sober ao Páramo, nunha Oímbra do Sil
e Fisterrar no Barco para sempre
baixo a Bóveda Sandiás
até ir perdendo de vista a Mezquita
na Irixoa dun Brión que nos Melide.
Eu Muxía
mentres ti Ramirás A Guarda.
E dime que Oia
dime Ponte Nova neste momento novo
que viviMos nas Trabadas do Touro bravú.

Teo,
é todo para ti,
para que me Toques
e me enchas Devesos namentres me Dexo.
Son os nosos Esgos
Sarreaus.


Así que definitivamente
Zas Zas.




 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega