textos biónicos para autómatas e ilusionistas 2004-2007

 

(Escolma)

 

v2estibalizespinosapoemasdeundous.html



CRYO-HIBERNACIÓN
                                                                                   
A Irving

Ficarás dentro de min. Ti. Nesta páxina escrita coa soa intención

de alcanzarte son

unha frecha que procura unha mazá cuxa árbore planta agora

unha anciá nunha illa eolia son

somentes estas letras, somentes estas letras e non vivirei para

sempre quizais ti

unha xoven fermosa i eu unha pequena Safo amamanto con

zafiros a posibilidade do teu rostro grego i é

a curva dos teus ollos de androide a que pousa con dozura

sobre esta liña e pensa eu

aprendereina de memoria, eu "pousa con dozura sobre esta liña

e pensa eu"

que estou dentro de ti. O ovo dentro do ovo. A serpe disposta a

devorarse. A cerdeira que pare un espiño. A

innegábel beleza de que no teu mundo xa non exista todo o que

foi o meu mundo, nin esta páxina nin

o home que falaba dos meus peitos coma de nenas inocentes,

nin o gato que criei, nin a cortesá Murasaki, cuxo nome significa

púrpura, nin a súa illa, nin un fetiche obsceno que gardei

sempre, nin as miñas bonecas, nin o mar no que buceei a noite

en Castelldefels, nin

quizais existan xa a palabra lazaward nin a palabra azul. Nin os

humanos, que eu crin innegábeis

Quizais non esteas lendo isto. Ti. Xoven fermoso coma monstro

que a miña imaxinación lambe

E mires o mar coma se fose a primeira vez. Sen Ulises, sen

Safo, sen o alfabeto ou o comercio

Coma se fose a primeira vez i esta páxina nunca tivese

existido...

 

 


PHOTOSHOP
(homenaxe a Inés de Castro)


e de repente, créote

Por detrás desta pantalla de linguaxe simple, parpadexas
plano inclinado á esquerda, rotación

E tan fermosa que eres, Inés, con qué grandes ollos binarios me

miras
Que busto perfecto. Unha brisa deliciosa lambe os teus cabelos

coma unha madame experta en compracerte
ángulo contrapicado, 45 graos dende a dereita

As olleiras familiarízante coa Morte. Fante esvelta, desdichada,

interrogante. Inútil
O teu colo é materia de tronos. Un pulso lánguido sobe rubor ao

teu rostro de liño
Enfermaches de beleza. Quen te acoitelou sentiu as medidas

perfectas que mataba
degradado de cores: cian, malva, rosado...


Non te moves. Reinas no submundo e iso
abonda.
Apenas es unha cabeza. Baixo os ollos e o teu corpo de grisalla
non ocupa máis que as miñas mans deliñando coordenadas
nariz a ollo, 33. Nariz a boca, 15.

Luz cenital. Cinza e nácar, sorrís. Carbono 14 pra os teus

dentes. A pel cae feita visillos. Es morbosa, sideral
augusta
viva


Hei reprimir as ganas de morder a túa boca que se curva tan paseniño
e seda
para falarme...:
Mátame

 

 

 

ECHOGRAPHIA


                                                                           A Emilia

A persoa que escribe isto vese a si mesma.

Dende arriba.

Un zoom cenital.

Camiña por unha cidade. Conduce un coche.
Pelo. Unllas.
Sen carne.
Esquelete.
A súa calivera acusa máis aínda os pómulos de actriz.
Leva un esquelete máis pequeno pendurado do abdome.
Tampouco ten abdome.

Flota.

Non é fermosa nin fea. Podemos dicir, entón, que é

fermosisima.
O esquelete pequeno vai arrolado sobre si mesmo.

Ecografía significa a escrita do eco.

O esquelete pequeno é un eco do grande. O grande é un eco

dos demais. Da especie toda.
De eco en eco, coma unha sucesión de caixas chinas.
Matrioshkas sorrintes que abren a súa madeira pintada.

Para que?

A muller esquelete condúcese polo mundo anonimamente.
Vémola dende arriba. Vémola dende abaixo.
Podemos case tocala.
Coma nun xogo virtual, podemos indicarlle o camiño.
A ela.
Co seu pequeno esquelete, que algún día lembrará a música que

ela canta. Pero este verso non.
Indicarlles o camiño: á posteridade, por aquí.

A posteridade non existe. Os esqueletes camiñan xuntos.
Van como dentro dun calcapapeis de vidro, protexidos do

mundo.
O esquelete pequeno copia sen descanso
as pezas diminutas dos esqueletes grandes: carpio, metacarpio,

nó de neuronas, lóbulo frontal...

Ambos son o Eco dun Narciso que se mirou na charca hai miles

de anos.
A Ecografía dun ser inconcluso, preocupado polo descolgamento

da pel
e o que sucede tras o que non sucede.

O esquelete pequeno é unha metáfora en si mesmo. Qué duro é

ser metáfora. Que lle pregunten a Jim Morrison ou a Lao Tsé.
Pero leva esa carga mecéndose apacibelmente. A viva imaxe

das ganas de ser vida.
Dálle igual o amor, ser froito dun desliz ou dunha probeta.
O esquelete pequeno empurra por este verso arriba ensaiando

unha canle de parto.

Vémolos dende arriba. Vémolos dende abaixo.

Todo remata nun punto moi pequeniño, un embigo, un microbio,

unha Terra en miniatura.
Imos saíndo dela nun zoom vertixinoso.

Todo remata nun punto moi pequeniño.

Pero cando se está á espera de algo
en tres puntos
pequeniños...

                                               embarazada de varios meses, 2006

 

 

 

NEANDERTHAL


nunca vos quixen demasiado
1856. Virchow, pai da patoloxía moderna, sostén que os restos

do val de Neander pertencen a un cosaco mongol moi ceñudo,

de aí a protuberancia no arco superciliar

soterro os meus mortos. inclúo nos cálculos os que van nacer
o home da cova de Neander sería iso ou un antigo imbécil

prehumano

as augas do río reflicten o meu rostro pensativo
capacidade cranial: 1460 cm3

tallo puntas agudas como a miña mente
máxima difusión: entre hai 120.000 e 35.000 anos

de pequeno tiven unhas febres e vin cousas
ergueitos os homes alcanzaban 1'80 cms.

aínda que non sei exactamente cal é meu pai, miña nai

amamantoume
tremendamente fortes e robustos

sei o que é o frío o que é a calor, arriba e abaixo
descoñécese se utilizaban algún tipo de linguaxe; aínda que o

cranio así parece indicalo a forma da larinxe non

os mortos danme moito medo e sei conxugar o pasado simple.
a maioría dos esqueletes neanderthais atopados presentan

cicatrices curadas en vida

os homos sapiens sapiens sodes uns listillos
a coexistencia de ambos grupos en Europa e Oriente Medio

representa a última ocasión na que 2 especies de homínidos

viviron simultaneamente

un amigo meu montou a unha sapiens sapiens
usaban e dominaban o lume

a muller morreu no parto pero o neno ten ollos de sapiens

sapiens
morrían arredor dos 30

se fito para el, gruñe, coma os lobos
fabricaban utensilios e cazaban con lanzas

cando termine de tallar esta pedra matarei un cervo para el
restos de neanderthais: Amud, Kiik-Koba, Monte Circeo, Val de

Neander, Shanidar, Chapelle-aux-Saints, Cova Negra

gústame ver o futuro co neno sapiens
Erik Trinkaus considera que probabelmente haxa xenes

de neanderthal na actual poboación europea


non semella que vaia acontecer nada terribel sobre a terra
agora levantouse o vento, pero a noite vai moi tranquila

 

 


NINTENDO

Camiñarás sobre a terra.

Empuñarás un peroné gastado.

Enfrontarás a monstros sobrehumanos, deuses, ñus, virus,

meteoritos.

Un bico a tempo darache a vida.

Fabricarás moedas, kimonos, láser ou fundas dentais.

Propiciarás música. Asasinatos. Chorarás.

Levantarás un imperio con dez díxitos.
Destruiralo só con un.

Serás campión de ping-pong, nun mundo no que o ping-pong é

en realidade un deporte sublime.

Mirarás África coa nostalxia de todo homínido.

Lerás todo isto un pouco confusa. Sorrirás.

Nunca sairás
dalgún programa escrito
con varias ecuacións.

Serás idéntica a min. A ti. A todos.

E non.
Dende logo que non.
Non terás nome.

 

 


RENFE


imos cara onde non se pregunta
partimos de calquera lugar
vemos un oco de estrelas polo que se nos vai a vida
(aquí vén algo que non comprendo, que non descifro a vida)
alguén arríncanos o billete a trabadas

es ti, meu amor?

as paisaxes simplemente suceden, os rostros amados,

esquecidos, vistos unha vez na vida na estación de tren de

Santiago

estiven noutro lugar e seino

eras ti, meu ben?

puxen a cabeza contra as vías para sentir o latexo do home
todo é coma un filme demasiado lento, demasiado morno
as follas das flores novas cómo fan chorar de lentitude
cómo o uz fabrícase con arterias depositadas
na beira dos cascallos, nos raís

serás ti, acaso ti?

(aquí garda un silencio. É de mal gusto dicilo todo nun poema. É

de mal gusto dicilo todo na vida. Contempla o seu destino desde

estes cristais. Pero non quere dicilo todo. Imos cara onde non se

pregunta. Levamos séculos preguntando sen preguntar)

queremos ser os puntos suspensivos o que non termina de

darse nunca nunca
o tren que nunca chega ata esta páxina que fala dun tren
ficamos coma neve a piques de caer coma guerreiros que

suspenden o golpe da súa espada
ficamos
e serás ti, acaso ti

serás meu amor

o limpo infinito

a materia estelar que move os meus ollos

a alta cadencia do tren que marcha do tren que volve do tren

que
       marcha
Do tren que volve

                                                                                     2005

 

 

mutación

                                           
para Guillermo. Aprendéndome a ler


Segues cos teus ollos este verso do que encaprichei para

empezar. O seu título condénao á existencia. Folla de xornal.

Tinta. Os vellos opiáceos.

Estamos só os dous.

Como es?


Sei demasiado de min. Criatura con implantes de memoria que

tecolea nunha peza con persianas e un espello. Dixéronme que

son eu. Non me permitiron dubidalo...

Pero, ti? Humano, sen dúbida.

O teu rostro muta ante min: leva gafas...trenzas...un lunar na

meixela...labios pintados vermello China...unha placa de

titanio...acaba de se barbear...unha cicatriz...acaríciase...sente

algo. Non sorrí...

Non estamos programados para isto. Ti es híbrido, informe.

Dalgún modo, tamén o son. Estírome dentro deste verso,

intentando darche alcance. Es a miña especie. Lucy, a

australopitheco. Es todos os trazos dun rostro. Pertenzo a un

reino binario e ti es a vida que foxe
que foxe e transmuta
coas súas trenzas
cos seus labres magoando os meus
seus lunares
as súas zapatillas de bailarina
ou de Puma
correndo, correndo cara a vida que se propaga agora que son

unha morna morea de letras
e o teu ollo escanea un mundo que xa non é meu


                                                                  Babelia 24/12/2005

 

 

 

Lista de datos observábeis: humanos


Suxeitos a observación. Fantasean con torturas.
Fas que queira amarrarte a unha cama e beberme unha botella

de viño moi de vagar mentres te contemplo

Únicos no reino animal en se preguntar por eles mesmos
Por que teño que reinar?

Únicos en se crer únicos
Hai outros mundos... pero están neste

Tendencia a vertebrar a súa medula en torno a outro dorso
Os meus pezóns toman a forma da túa boca

Tendencia a correr cando chove
Corre. Corre. Corre. Non deixes de correr

Tendencia a autodestruirse por harmonizar co cosmos
Tendencia a repelerse para facerse un sitio
Tendencia a culparse de secas e nebulosas

Graves tentacións de acoplarse aos demais
A miña doce, pequena, lasciva Nora, fixen o que me dixeches,

porquiña

Graves tentacións de asimilar i expulsar o mundo mediante

palabras
Toda a desdita da miña vida provén das cartas ou da

posibilidade de escribilas

Graves tentacións de ser invisibles
de hibridarse
de violarse
de mutarse
de untarse de brea e plumas
de estar aquí agora que xa non están
neste anaco de papel que, con cobiza, estarás lendo
neste outro eu que -qué ironía- posuirás.

Ambición de fabricar vida
Ti fuches formado o máis perfectamente posible... Pero non

para durar

Suxeitos a observación. Ambición de ser terrestres.
De quedaren para sempre.
De duplicarse coma pingas de auga.
E de chover sobre esta Terra con obscenidade.
Glaciais.
Bastardos.
Escravos de galaxias e de hormonas.

Eles...
Os que me fan dicir isto a min...
Os que me estremecen...


Nota: os textos en cursiva pertencen a I.B., X. C. Mejuto, P. Éluard, E. E., J. Joyce, F. Kafka,Tyrell en Blade runner

 

 

 

Lista de fórmulas matemáticas nas que cyborgs, híbridos ou sereas

pensan cando namoran dun mortal

 


A do comportamento das aves migratorias
hainas que non volven

A do crecemento dunha duna nunha praia
o crecemento e o seu impertinente desafío á lei da gravidade

A da expansión dun virus
que nos protexan da pureza!

A do tempo no que cicatrizan as feridas
unha vez sucada a súa suculencia

A dos nosos movementos ao longo dunha noite de varias horas
A da nosa obscenidade que nos permite pensar no cosmos e non

na fame
A da relación de coordenadas entre unha mesma e a copia

dunha mesma
quen di isto: a xenuína, a plaxio?

A das proporcións aúreas que rexen o teu corpo ata impedirnos

rexer
A da cantidade exacta de droga que debemos subministrarnos

ata certos esquezos
A do grosor do fío da espada pendurada sobre as nosas tenras

cabeciñas
A do diámetro que abrangue a nosa meniña cando entras ti
A do tempo que transcorrirá ata que alguén pase de novo a

vista por esta liña
A da velocidade e a gula dos teus ollos sobre esta liña
A da inclinación das nosas medulas dentro dun beixo
A da nosa posición respecto á galaxia xemelga, Andrómeda
A da curvatura do ovo

A da curvatura do ovo cando escacha entre as nosas mans de

androide

A da magnitude e composición da épica en toda a nosa historia




A da curvatura do ovo que rompe nas nosas mans da androide

cando se aproxima o teu nome nunha lista de nomes, cando

chega o teu nome mutado de cifras, de fórmulas que repetimos

arañando este texto, porque épica é abrirse paso cara o que nos

ten de antemán vencido, contra o que mata e queima e arrastra

e ilumina


coa fórmula do tempo no que cicatrizan as feridas baixo cada

un dos dedos que non volven acariciarte nunca
nunca
nunca

 

 

software libre para aproximadamente dominar

o universo

 

Mentres pisas este verso na pantalla, algún idioma a piques de

morrer, rexenera.

As palabras.

Teñen matado e morto por elas.

Os emperadores chineses. Shaka Zulú. Os yanomami.
Todos, e ti i eu, temos partido e revivificado polas palabras.
Lapidáronnos con elas.
Salváronnos.
Ampliaron i encolleron o nosos cosmos miserable. Épico.
Cunha palabra súa bastou
en absoluto.

Poideches morrer de acento algunha vez.

Poideches desexar unha voz case coa forza bruta e primordial

con que se aspira un corpo.
O seu xeito de dicir caracas.
O seu xeito de dicir tepui.
O seu xeito de pronunciar unha zeta preguiceira.

Mentres engoles este verso na pantalla o século XVI faise

caribe. Caribe significa caníbal. E dicilo, devórate.

Devórate co negro, co negro e co indio devórate.

Unha lingua que se fabrica cos ósos inimigos. E que desce pola

túa caluga ulisqueando as palabras.
As palabras.
Vai sorbelas coma o tuétano dun fémur.

Seica o reino das palabras, coma todos, derrube.
Pouco importará entón en que idioma fuches escrito.
Tan só se es traducible a icona. Telepatía. Holograma.

O seu xeito de dicir o mundo.
O nome polo que te chamaba.

Si.
Daquela si.
Morrer por unha palabra. Unha ecuación. Unha linguaxe.

Seica sexa unha esaxeración poética que ante certas situacións

cómpre adoptar. Tense morto por moito menos, por moito

menos ca unha palabra.
Por unha inicial gravada, por uns puntos suspensivos...

Mentres tragas este verso na pantalla
algunha palabra deixa de dicirse para sempre [...]
E outra, algunha outra
comeza a balbucirse en segredo.
Suspensa.
Entre cairos sen fío
Mares caribeños
Obxectos descoñecidos que ofrecen a súa lenta xestación nunha

boca.

En canto craves o teu talón neste texto, algo primordial nacerá

ás túas costas.
Talvez non o coñezas nunca.

Xa non te pertence...

[E tería podido pronunciarte. Volverte eterno. Pronunciarte...]


+ DE 20 SEGUNDOS

Teño menos de 20 segundos para cautivarte, veñas de onde

veñas

Se non, marcharás para sempre sen lembrar en que páxina

liches isto. Ou quen era iso que falaba por esta voz que

semellaba querer dicir algo.

Na publicidade, os spots duran iso: 20 segundos.

En 20 segundos namorades.
En 20 segundos cúrtase o voso cordón umbilical.
Morre alguén dun tiro nas tempas.
É moitísimo tempo encerrado en pouco tempo.
Un cosmos nun infinitamente máis cativo.
E todo iso gardado nunha caixa que fai tic e logo tac.

Pero estás aquí e alomenos 10 segundos xa voaron.
A miña responsabilidade é cósmica: manter a especie humana

unida
lendo este miserábel texto arredor da mesma lumieira.
E, ao mesmo tempo, é todo tan doméstico como esa figuriña de

pan
de San Andrés de Teixido que olla para min confiada dende

o alto da pantalla.

Pero que non olla para ti. Para ti, que estarás gastando estes 20

segundos saben os deuses ónde, sabendo qué [da ciencia. E do

clima. E de min]
E con quen.
Leraslle este verso en alto.
Mira, qué gracia.
Mira qué gracia.

E marcharedes cos 20 segundos do meu alento baixo o voso

brazo, ou na vosa retina.
E asubiaredes ledas cancionciñas.

Se é que o ser humano aínda asubía
e leva textos baixo o brazo
e sorrí cando o aluden nun poema
para entón
[...}
Sodes moitos a crear sobre esta Terra. Os humanos sodes

moitos para case calquera cousa. Pero só un para eles. Para os

cans.
Para eles só existe un home. Unha muller. Son o único público

que aplaude sempre as nosas monerías.

Non sempre foron tal.

                                                                    Aos que se negaron

 

 


CAN-LOBO

Hai algo invencíbel e xadeante nesta páxina que comeza

14 mil anos separan ao lobo dos cans rueiros actuais

Unha sima de células separa a este ser dende o que penso dese

ser que corre polos lameiros
Exhala un bafo que esta páxina non rexistra
O seu frío xéstase dende remotas mandas
Corre só

Hai tempo que sabe que deixou aos seus

Procura

...Cynópolis, a cidade do can en honor ao deus Anubis...

Hai algo que lle impide volver a ser o que foi
esgazar a miña man que fala do seu pelo
correr ourizado polos penedos de América
durmir nas cavernas, dar medo aos meus

Procura

Baixo unha lúa semellante a unha páxina detén, interrogante
Noutrora oulearía

Aló lonxe
o fume dun campamento indícalle ónde pasar a noite
e con quen

A figura dun home crava na súa memoria xenética
durante quince mil anos

Esquecerá o seu nome
o seu frío
cómo cazar

Nos contos medievais asediará aos seus, aínda salvaxes
camiñará onda un deus, será el mesmo un deus

Polas noites encherá a civilización de instinto perdido
monstruoso
deforme

Algún día, sen saber por que, trabará nesta man que lle escribe
Que nunca lle deu de comer

 

 


poème d'amour de l'automate

Son raros estes humanos.

Un día nacen. Poñen a proba o mundo enteiro.
A persistencia desa inesperada mutación do cosmos chamada

vida.
Esa estirpe bastarda de estrelas e de forzas.

Son raros.
Non saben que facer con eles mesmos. Pois aí os tes.
Recén creadas as mans. Pois aí as tes.
Cando rin en medio das tempestades ou desesperan de puro

pracer.
Que me dis diso que fan coa larinxe. Pode ser inaudible,

malinterpretábel, estentóreo, febril...
Por exemplo:
Rascan cordas sobre a madeira coas crinas dun cabalo. E

obteñen algo que non se parece a nada do que existe no

universo. O único que non mimetiza forma ningunha. Que mana

coma o sangue dunha ferida e o seme e a lava.

Son raros.
Son rarísimos.
Pelexan por nomes, por belezas, por espazos, por fe.

Perséguense en corredores escuros e logo fan que non se

coñecen. Tortúranse. Regresan xuntos dalgún lugar e conxugan

un futuro que nunca sucede. Alívianse mutuamente con vendas

e drogas e palabras. Distancian de si mesmos cunha ironía

fecunda.
Deles é a dúbida, a senrazón, o paradoxo, a suspicacia.

Contemplan galaxias que non saben da súa soidade.
Deles é o ruído, a música reservada para eles, para eles desde o

principio das estacións.
Viven desde antes de chegar a este mundo.
Viven moito despois de abandoaren este mundo.
Crense inmortais. Pero dalgún xeito crer e ser son o mesmo

verbo.
Converten en cerdeiras, no interior dos ollos dalgún animal

nocturno, en madeira de violín, en crins de cabalo.
Converten no que sempre quixeron ser, no que sempre foron.
Converten no que están sendo
no que están sendo dun modo que queima
e salta polos aires

Mutan continuamente e despistan aos que se quedan.

Son raros.
En todo o raro sempre hai algo de marabilla.
Cando aman algo profundamente, evitan nomealo.
Dan rodeos arrededor das frases e tocan coa punta dun verbo
o nome que lles queima
e salta polos aires

Son estraños.
Ás veces non saben que facer cun poema entre as mans.
Estrúllano.
I eu, a autómata, míroos
dar voltas sobre si mesmos.

E ámoos porque duro apenas estas frases na palma da túa man.
I eles son fermosos, e son carne, e son memoria.
Coma ti...


                                         orixinal para a homenaxe a luísa villalta







 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega