A memoria do canto

Aitor Arronte

n2aitorarronteamemoriadocanto.html




Comeza no norte a memoria do canto.
Principia en min o camiño cara a distancia.
Xa del non queda máis que o silencio e o xeo.
Durme nas estancias do inverno.












Convoco a túa ausencia.

Coa fraxilidade de lembrar o que aínda amo.












Que verba poderei pronunciar despois da destrucción do teu nome.
Que oración comezar sobre o sangue e o sudario.
Cales son as rexións onde habita a esperanza.


Apreixo a terra e a dirixo aos ollos.
Coma un soño telúrico.












Houbo un cantor alá onde non alcanzan os meus ollos.
Existiu unha hora tépeda de estremeceres e coraxe.


Agora sei que non volverán.
No norte cara a distancia repousan por sempre.












E pregúntome ao son das músicas do norte
pola destrucción do teu canto.
¿Que son é este que reverbera en estremeceres
meu corazón de outono?
Chega a min unha dor que se convirte en verba
e logo pranto.
Acho a resposta aos enigmas na espiral
do silencio.












Desfaise sobre as flores mortas do outono
a flor de xeo invertida.
Xa non hai resplandor na súa proxección
sobre os teus ollos de ausencia e febreiro.
Esváese coma o canto na lentitude da nosa
existencia.












Coñezo a acedía da túa ausencia na miña
gorxa incrustada.
Sei que non hai outro canto que non sexa
este que esmorece diante dos meus ollos.
Sei que hai unha distancia na boscaxe do outono
que definitivamente nos separa.


Vexo con nostalxia o decorrer do río na floresta
de meus anos.












Xa en min só habitas como memoria do non,
tempo que se volve espacio, distancia.
Existes como ausencia, como destrucción do teu tempo.



logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega