A negación do teu canto

Aitor Arronte

n2aitorarronteanegaciondoteucanto.html

Houbo un tempo no que o silencio bruía
entre os teus ollos de finísimo outono,
cando o meu nome non era nome,
alongabas a man cara o frío de con e xacintos
de mármore, sen sombra, coa tépeda luz da verba
non pronunciada, coa voz do gume aceso
na gorxa esfragándose neste canto
que xace no país da negación.










Sei que a friaxe ancorouse en ti de forma definitiva,
sei que das miñas mans agroma un canto acedo de seixos rotos.










Pregúntome agora pola túa destrucción
reflectida na catedral dos soños onde xa non habita
máis que a negación do meu canto,
pregunto e erixo o puño convocando a fatalidade
da existencia perdida silenciada nos teus beizos.










Poño o meu nome nas túas mans alongadas no espacio
que separa a inexistencia e o baleiro sen fondo.

Comeza en min o camiño cara a distancia,
xa nunca máis lembrarei o teu canto.

A negación habita na miña memoria.










Chegará o inverno e desmembrará a imaxe do teu ser que habita en min
e que morre na sombra.
Chegará a friaxe e levantará cumios de gume entre a miña memoria
e a negación.

Loitarei coa forza do meu pasado que se esvae na miña verba
e negarei todo o nome que me foi dado.










Esváeste diante da miña ausencia.

Como comprender esta vacuidade laberíntica de carambos
de ferro.

Afondarei teu corpo no debagar do tempo que se ancora
no rochedo.










E eu, que amaba tanto a lentura dos outonos,
e non quixen máis que acariñar as abidueiras mortas
de ti e frouma desfacendo,
e agora que xa non podo lembro imaxes desazadas
que na choiva máis borrallenta falan dese pasado
que foi meu e quizais noso,
volvendo coma gumes
sobre este inverno
que se confunde coa túa destrucción.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega