El tiña unha canteira de cuarzo na mirada e a
faísca a arderlle dentro. Era néboa e orballo, e posuía a destreza de
rizar a ledicia na liña do horizonte.
Ela tiña gorrións nos beizos e os ollos
tinguidos de arume. Era un pozo de auga fría que vivía pendurando
caricias na parede do infinito.
Coñecéronse unha tarde de outono, coas
raiolas do sol traspasando as pólas espidas das árbores e o chan
alfombrado de follas marróns. Namoráronse no punto de unión entre o
finito e o eterno, debuxado no corazón dunha rosa branca nunha noite de
Outubro baixo un manto de estrelas perennes. E a mirada de Casiopea
bendíxoos.
El era po de ouro; ela, granito limado.
Moitas noites frías pasaron sobre os seus
corpos xuntos e as súas almas unidas.
O amor fíxose hedra e cubríu as súas
deficiencias coma un manto indemne ás súas cadencias disonantes;
Trigris e Éufrates, asolagaron a chaira que os rodeaba..
Abandonados ó agarimo das mareas, mergullados
no licor da súa primeira noite, el buscou a orquídea dos seus ollos e
ela adormeceu na súa pel de sándalo.
El vivía namorado das letras, das palabras, e
amaba devotamente á poesía; ela só quería se-lo seu único amor.
Arrebatada polo cansanzo, unha mañá de Abril
ela díxollo: escolle, a poesía ou eu; e despois abandonouno. El
cubriuse co manto do infortunio e deixou que a bile lle enchoupara o
corazón.
A poesía, esa dor.
E escribiu sobre amores lonxanos en ausencia
dela. Percorreu carreiros sen delimitar, e as bagoas secaron o seu
rostro e a mente metamorfoseouse en golondrina feble.
El, lebre montesa, ficou só co que era. Ela,
anduriña lizgaira, marchou con todo o que o facía real.
Nunha maña de Xuño, coas brevas penduradas
das pólas, volveu a vela, e a súa beleza emerxeu os sentimentos
aochados nos ósos. As nebulosas do ceo uníronse e as estrelas
fusionáronse nunca danza cósmica.
Os seus ollos.
Os seus ollos, mirada cálida, acenderon a
faísca no interior del. E tódolos atardeceres do mundo rizáronse na
liña do horizonte.
Unha maña de Xuño a bubela da ilusión soltou
o elixir do amor entre a mirada del e os ollos dela. Ela, corpo de trigo
e mel.
A poesía, esa devoción.
Unha mirada conxunta renaceu a esperanza da
nova oportunidade. Dous amores, unha ilusión, a posibilidade da
elección correcta.
Máis a vida só transcorre por treitos de
marfil.
No ar nocturno dese mesmo día, el, baixo o
teito desnudo do seu cuarto, escribiu unha oda que falaba dun pozo de
auga fría, dun piñeiro e dun niño de gorrións.
|