Camiño

Charbonnier

n2charbonniercaminho.html

Camiño inerte
baleiro de toda ilusión
cuberto de morno limo
día tras día.

Camiño de pedra
que triste empuxa a vida
co desgaste do vello tempo
emocións perdidas.

Camiño da morte
lembras centos de historias
que reverberan nas corredoiras
cicatrices de desidia.

Camiño esquecido
cruzas leiras, son xesteiras
cruzas prados e lameiros
que foran grandes riquezas.

Camiño do vello
que recorda tempos de neno
abordan as bágoas no seno
da perdida esperanza.

Camiño da vida
morte, sangue e teipas
perturban a túa enteireza
nun senfín de sensacións.

Camiño de todos
cargado de pozas dos desexos
encáraste coa néboa
e insultas as estrelas.

Camiño rosmón
non acepta-la túa morte
longo padecer de dous milenios
e agora
e agora
a friaxe da auga escorregada
envía lembranzas do sol.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega