A casa

Claudia Castro

n2claudiacastroacasa.html

En Corme os nenos
xogan a esconderse do mar.

Teño unha casa en Corme.
Non vexo o mar, pero sei que está cerca.
A casa non ten tellado,
as estrelas con caruncho acampan no faiado
e pola noite poño a radio para non sentir os ratos bailando.
Aquí o mar está interrompido
por gamelas verdes, azuis, vermellas e bautizadas
polo Roncudo. Pola Fin. Polo Cabo.
Aquí os versos saen para interrogarte
coma as cabezas da xente,
coma o neno loiro que nada no peirao,
é líder de grupo e te desafía cando pasas.
En Corme Porto os pensionistas
desgastan a baralla do Bar de Lao que-non-se-chama-así.
E hai gatos, moitos gatos que nacen co sol.
A Rúa do Gafote é o paraíso dos gatos.
Tamén é o meu Paraíso.
Fíxenme gata para emigrar a Corme
e vivir sen traballar.
Gañar o peixe resulta máis doado en porto de mar
e a mellor caldeirada cocíñana as garzas.
En Corme o mar méteseche dentro.
Triste e calado. Intenso. Inexplicable.
Crávaseche.

Teño unha casa en Corme e sei
que nunca será miña.
Alugouna, por sempre, o mar.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega