Facelo claro que non é fácil, ¿cando o foi? Dicirlle a alguén que o
queres ... ¡Por favor!, ¡Que vergonza! Poderás dicir toda a túa vida
que te sintes orgullosa de telo feito, que inda que te arrepintas moitas
veces, sabes que non todo o mundo ten o que hai que ter pra facer algo
así.
Pero ...
¡Os Peros! ¡Grandes palabras! Sempre están aí, son coma demos con
tódolos sentidos postos na tarefa de que nunca nada sexa perfecto. Este
tipo de historia ten moitos peros. Poñéndonos no peor, dicirlle a
alguén que o queres leva consigo que che poida dicir que non, ou que
hai outra persoa; con todo, a situación máis complicada é que non che
responda, que ti vaias alí cos teus nervios, coa túa vergonza, con
toda a boa intención do mundo (porque a sinceridade é cousa boa) ... e
que che diga NADA, «non sei que che dicir». Por suposto que se pode
chegar a comprender que quedou pampo, que nise momento non sabe que
dicir ... ti tampouco saberías, admíteo. Pero, o que si sabes é que,
dende logo, ti si que lle dirías algo despois, si que o pensarías, e
inda que lle tiveras que facer pasar outro mal rato (ten por seguro que
sería así), diríaslle algo. Se fose un «si», felices todos, e se
fose un «non», tanto ten, tarde ou cedo iso acaba pasando.
Por isto
todo, agardo que nunca te teñas que enfrontar a unha situación así,
non se lle desexa a ninguién. De tódolos xeitos, se che pasa algunha
vez, a sinceridade é a millor solución pra todo, xa o sabes, ou iso
pensa esta vella tola que inda ten unha conversa pendente. |