O segredo de Henry Miller

Diego Taboada

n3diegotaboadafilosofiagratitude.html
     Hai moitos libros que son capaces de diagnosticar unha enfermidade, pero moi poucos que se propoñan curala. Henry Miller é unha especie de bardo anacrónico en plena modernidade, un "profeta" que se ri de sí mesmo, consciente de que, botando man dunha linguaxe profética, que pode ir dende o delirio místico-relixioso até o surrealismo, ou dende unha hiperbólica exaltación da paixón sexual até a prosa de Rimbaud -adaptada, iso sí, ó mundo que lle tocou vivir dende a súa infancia-, pódese apelar á conciencia dunha modernidade demasiado autosatisfeita dos seus logros. Fronte á calculada racionalidade moderna, Miller eríxese coma un contador de delirantes historias cotidianas, prescindindo da supostamente necesaria estructura de principio-nudo-desenlace; dise que na etapa final da súa vida, Valle Inclán construíu o resto da súa obra acudindo ós seus recordos, cando un le a prosa de Miller, non pode evitar ter esa mesma intuición, porque a prosa de Miller, que se columpia entre a verborrea Rimbaudiana, o surrealismo, a reflexión filosófica e o realismo máis descarnado, tanto na descripción dos ambientes coma no diálogo, é unha prosa autobiográfica, e desa mestura entre "realidade" e "ficción", fai unha atípica pero certeira socioloxía da vida cotidiana nos States. George Orwell, nos seus escritos sobe literatura e política (1940-1948), resalta as semellanzas entre Whitman e Miller, ámbolos dous son profetas da aceptación, mais a aceptación de Whitman está moi lonxe da aceptación de Miller, porque o que Miller acepta son os guettos marxinais da trastenda de Norteamérica, a guerra, a mendicidade, o alcoholismo, o desarraigo, a desorientación, a violencia, o paro masivo e a desenfrenada velocidade da sociedade moderna. A aceptación de Whitman, pola contra, sitúase nun contexto diferente, nunha Norteamérica que aínda non coñecía as consecuencias sociais e ecolóxicas do capitalismo, e que agora, a principios de milenio, deixaron de ser elucubracions profético ou poético-literarias, pra ser certezas, no sentido positivo da palabra.
     Segundo Orwell, a Norteamérica que viviu Whitman era unha Norteamérica con certo nivel de prosperidade económica e política, a pesares da existencia de clases sociais e da aínda persistente estratificación social da comunidade negra. A Norteamérica de Miller é, coas súas propias palabras, ese sistema que : ".. estaba enteiramente podre; era tan inhumano, tan asqueroso, tan irremediablemente corrompido e compricado, que faría falta un xenio para darlle un pouco de sentido ou poñerlle orden, por non falar de bondade ou consideración humanas. Eu estaba contra o sistema laboral americano, que estaba podrido por ámbolos extremos. Era a quinta roda do vagón e ningún dos dous bandos precisábame agás para explotarme. De feito, todo o mundo estaba explotado; o presidente e a súa cuadrilla polos poderes invisíbeis, e os empregados polos executivos".
     Fronte á velocidade e o sinsentido do que insistimos en chamar "modernidade", a solución de Miller é unha receita contra o desarraigo, mais a súa fórmula escapa de calqueira sistema filosófico-político fechado, e escapa tamén de receitas confesionais institucionalizadas en clave de eterna salvación. Non cabe dubida que baixo a prosa de Miller subxace toda unha concepción do mundo, unha concepción no que a enerxía e a pulsión erótica cobra especial relevancia, non só no que se refire á creación artística e literaria, senon tamén en tódolos dominios da vida. A subxectividade de Miller é unha radical subxectividade da aceptación, e por iso pode ferir á sensibilidade da esquerda marxista, que é unha subxectidade da non aceptación perpetua do actual sistema socio-económico e unha subxectividade que apela á acción e auto-organización política. Miller redímese a sí mesmo, é consciente dos males positivos da sociedade moderna, tanto coma calqueira persona de sensibilidade marxista, mais a súa escolla vital é a dunha irónica e bufonesca contemplación dos defectos e loucuras das persoas e da sociedade humana. A mensaxe de Miller é unha mensaxe para individuos, non para masas ou colectivos : fronte ó "caos" social imperante, un individuo pode crea-la súa propia orde, anque só sexa pra guiarse a sí mesmo, anque só sexa para escapar da loucura colectiva. Fronte ó "caos" da sociedade moderna e o delirio colectivo, un individuo illado aínda pode termar do seu propio destino, é máis, debería facelo, e se non o fai, é porque aínda está preñado dos prexuízos que nós mesmos construímos cotidianamente. O que Miller quere é que cada un de nós nos ollemos a nós mesmos, e que non confundamos os convencionalismos sociais cos nosos propios desexos. Mais, o que resalta por encima de todo na prosa de Miller é a súa carnalidade, hai un intento constante por rachar coa puritana separación entre alma e corpo, e que determina tamén a insubstancialidade de moita da creación musical e artística de hoxe en día, asolagada por un estado de excepción mental global sen precedentes, e por un clima socio-cultural de "yoísmo" verdadeiramente abafante :
"Mentras máis cultiva o home as artes, menos se empalma. Prodúcese un divorcio máis e máis sensíbel entre o espírito e o bruto. Só o bruto empálmase ben, a jodienda é o lirismo do pobo. Foder é aspirar a entrar no outro, e o artista non sae xamais de sí mesmo"
     O individualismo de Miller non ten nada que ver co individualismo posmoderno, queda claro que Miller detesta o arte como ensimismamento -o cal non deixa de ser paradóxico, porque si hai alguén que se está a mirar continuamente o embigo, é precisamente él-, a búsqueda de Miller é a búsqueda do home universal, non no senso que a ilustración lle daba a esta universalidade, non, porque o home universal que buscaba Miller era un home de carne e oso, non unha entelequia, fica claro nestas liñas, preñadas de ton profético, tomando partido polos "humillados e ofendidos" de Dostoievsky, a quen admiraba profundamente :
"A terra é un gran ser sensíbel, un planeta saturado por completo co home, un planeta vivo que balbucea e tartamudea; non é a patria da raza blanca, nin da raza negra, nin da raza amarela, nin da desaparecida raza azul, senon a patria do home, e tódolos homes son iguais ante Deus e tendrán a súa oportunidade, senon agora, dentro dun millón de anos. Os nosos irmans morenos de Filipinas poden volver a prosperar un día e tamén os indios asesinados de América do Norte e do Sur poden revivir un día para cabalgar polas chairas onde agora emerxen cidades vomitando lume e pestilencia. ¿Quen dirá a última palabra?. ¡O home!. A terra é súa, porque él é a terra, o seu lume, a súa auga, o seu ar, a súa materia mineral e vexetal, o seu espírito cósmico, imperecedeiro, o espírito de tódolos planetas".
     A máxima de Rimbaud era que o arte debería cambia-la vida, as costumes, o corazón dos homes, a súa máis íntima constitución psicolóxica e afectiva. A máxima de Marx era que a filosofía debería cambia-lo mundo. ¿Comezamos polo home, comezamos polo mundo?, ¿e se, tentando cambiar ó home, deixamos o mundo como está?, ¿e se, tentando cambiar o mundo, deixamos ó home á deriva?. ¿De qué sirve un "mundo novo" con homes mediocres?. ¿E qué pode facer un home válido nunha sociedade á deriva?. A aposta de Miller sempre foi "Rimbaudiana", como proba o seu ensaio adicado a él, "O tempo dos asasinos".
Cada un é libre de escoller, mais quizais sexa reduccionista, por non decir innecesario, separar a apelación á conciencia humana individual da apelación a conciencia colectiva, da mesma forma que, socioloxicamente falando, non ten sentido concebir ó individuo coma un átomo illado da sociedade. Só un "home novo" podería ser capaz de sacrificar os seus intereses individuais inmediatos por un futuro colectivo incerto. Só o que Gramsci chamaba as "verdades do corazón" poderían cociñar o xérmolo socio-cultural pra loitar por unha sociedade máis xusta e humana coas "verdades da razón".

Mentras tanto, sen esperanza laica no horizonte, e baixo o principio de incertidume, os libros de Miller non deixan de ser un consolo, unha afirmación da liberdade humana e do optimismo, en tempos nos que só o cinismo fácil e o pesimismo de bufete semella ser o máis vendido nas nosas librarías.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega