Semente

Diego Taboada

n3diegotaboadasemente.html
Levei rosas ós nichos dos homes que sementaron amor
e xustiza, en terras non fértiles pra tales mensaxes.
Qué difícil dici-la verdade, cando a súa sinxeleza
ofende, qué fácil ser odiado por casarse con tan
mala muller.

Esculquei nos libros de historia, buscando ó home
sinxelo, e acheino soterrado entre cumios de
datas, números e historias de grandes homes.

Esculquei nos textos sagrados, e non atopei as verbas
do xudeu crucificado, representadas nas corredoiras
de Roma.

Busco a redención nun vaso de cervexa, nos versos de
Walt Whitman, e no corpo de mulleres ás que non
amo; non espero a resurrección do fillo do
carpinteiro de Xudea.

Só levo rosas ós nichos dos homes que sementaron
en terras non fértiles.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega