Falas do que acontece II

Francisco Alvarellos Maceira

n2franciscoalvarellosfalasdoqueacontece.html


Falador





CÓDICE FALADOR:

- A imprecisión da Fala non é mentira.
- A cultura oral na Fala está vixente, nen rexeitada, nen esquecida.
- NÓS Falamos entre NÓS e ás veces con VÓS.
- As Falas sonche un medio para acadar un fin dende o principio.





FALAS:

- O mellor licor.
- Do Anxo que apostatou.
- Do terrorismo legal e da anarkía. (¡Uf!)
- A Nova Nova da rúa Nova.
- Das Queimas rituais.
- Merda de bar.
- Morreu un Home.







O mellor licor




Compras o mellor licor e non tes a quen invitar.
Un coche e non tes onde ir, nen a quen levar.
Un gps e non sabes onde estas, nen onde vas.
Un cento de libros que non les.
Unha cámara que non recolle nengunha festa.
Un teléfono que non soa nunca.
Un millón de canais que non verás.
Unha ducia de discos que non escoitas.
Un millar de películas que non disfrutas.
Unha finca enorme. Terra sen froito.
Unha mascota que abandonarás.
Úsa-lo traxe un día. Non che gusta o teu traxe.
Recórdame á necesidade inmediata e transitoria dos nenos.
Sepultas de comodidades a túa vida e xa non vives.
Moitas cousas non valen o que costan. Outras non costan o que valen.
¿E ti para que vales? ¿Canto costas? ¿Que sabes facer ti? ¿Que fas?

     - E cóntame... Ti es un individuo que ¿que?...
     - Eu teño...
     - Nada. Non oes.


Coñezo un normando que é bretón, e "à la tête de cons " e fai o truco da "septe boule". Levanta sete bolas no aire en continuo movemento. Non precisa medalla. E sabe facelo. É cApAz.
François sabe moitas cousas amais desa, e unha delas é que ignora máis das que coñece.

     - ¡Enfànts!... ¡Mademoiselles! ... ¡ Regard le encroyable truque de la "septe boule"!
     - En Vigo lle din "bolingas".


En troques hai quen fai os malabares coas facturas.
Conxuntura diametralmente oposta á primeira. Si.





Do anxo que apostatou


     Apostasía: Abandono da relixión que se profesa.

     Un día deses, estando na gloria, botei unha partida cun anxo colega e mestre meu.

-e4 . Ataco.
-c5 . Apostato.

     Disque estaba convencido. Xa o cabilara. Xa tomara unha decisión. Non lle cambiaría a palabra. Pedíallo o corpo.
     A non ser, comentaba, que cambiara de opinión.
     Porque cando era neno (anxeliño...) según él, ninguén lle preguntara. Agora que era adulto e comprendía quén era, replantexouse o tema da relixión.


     Pasoulle a un fulano que construíu unha catapulta nun pobo de Alaska para lanzar unha vaca. (Cada ún é capaz do que se propoña. Con todo, pobre animal...)
     Enterouse de que iso xa o fixeran os Monty Pyton, e acabou lanzando un piano incendiado.


     -Porque ó fin e o cabo... ¿qué nos deu a igrexa?
     -¿Aparte de educación, ostias, misiones, caridade, amor, festivos, pan e viño, e bo rollito?


     É difícil negar que hai cousas BOAS. E MALAS. Son homes (non mulleres). Ó estar integradas as igrexas por homes, están a mercede dos erros, intencións, e intereses, e entón aparece un cura decretando o satanismo inherente ó condón.

     -¡Mi madriña!...Este non sabe o que é un condón.
     -¡Con la Iglesia hemos topado!


     A igrexa adaptarase ós novos tempos. Xa o está facendo. Sempre o fixo.
     Pero salvando o mito, non semella conveniente unha cidadanía que dependa ou fale a través de institución relixiosa nengunha. Parece máis lóxico un sistema laico.

     Dicía o meu divino interlocutor, que sempre lle falaban a él tamén de laico:


     -Eu non quero vivir nun estado laico. Eu quero convivir nun estado laicista.
     -Vese que o miraches no diccionario. Sei...sei.


     Con todo, o seu inmediato obxectivo era "borrarse da lista para que non puideran falar dun membro máis da congregación que está dacordo con eles dicindo barbaridades como din e molestando tanto ó PaPa, que era o único que lle caía ben".
     Dicía tamén que cando o bautizaron non lle preguntaron se estaba de acordo neso de non ter sexo (cousa que lle molestaba en exceso).


     -Cando lle entro a unha fermosa Anxélica, bótase a rir.
     -Sonche todas iguais...


     Que non recordaba él cometer pecado nengún na orixe.

     -É que foi antes de que naceras. Non chegaras ti aínda.
     -¡Boh!...Entón, normal que non me lembre...


     Disque non quería que falaran no seu nome.
     O peor de todo, é que vía a humanidade de tantos e tantos cristiáns ó seu redor que lle doía ver malogrados tantos esforzos.


     -Qué pena que non lle fora tan ben á Seguridade Social -dicía- en vez do benestar mediríase a CALIDADE de VIDA.
     -Eses non teñen vista para os negocios... ¿Non ves que son funcionarios?


     Eu coñezo varios deuses. A xente sempre creou deuses. Sempre. Son cada un máis humanista, ou máis racionalista...., teñen esas características humanAs, porque os crearon humanOs.

     -Se Eu fora can, molábame de deus un Montaña dos Pirineos como o de Isa.
     -Sí. E de satán un Gremlin Malo.


     Eu non vexo cousa máis bonita que reunirse os domingos os Paisanos que queiran, xuntarse nun centro cívico, Falar do que está mellor e peor e a ver qué facemos, e levar ós nenos para que xoguen na Alameda.
     Outra cousa é andar recibindo sermóns.


     Hai tempo que non estou na gloria, igual cando volte por alí este anxo meu xa apostatou.
     Tereillo que preguntar, porque non vou nota-la diferencia.






Do terrorismo legal e da anarkía (¡Uf!)



     -Falas andrómenas túas...
     -¡Non home!... eu Falo dos cómics.


     Non puiden evitar o outro día escoitar a conversa de dous chavales sobor do primeiro número do "Punisher". "O Castigador". O Ultraheroe acaba planexando a morte dun fulano por tirar ó chan un periódico có que tapaba a cabeza. Caían chuzos de punta.

     Eu pensei para min:

     -¡Ostia!, o do terrorismo legal.

     Home, esto eche un cómic, pero sería como se ás tabernas de rico xolgorio xeneralizado de estilo medieval se lle obrigara a te-la infrastructura do auditorio Grande ¿de Galiza? para que algún gaiteiro, ou músico, lle tocara unha peza para amansa-las feras. E mandar ós XEOS.
     Sería como vixiar con funcionarios os movementos da xente pola rúa con cámaras.
     Dá a sensación de que ninguén ten a intención de arranxar nengún problema. Porque solucionalos todos lexislando en troques de educando; priorizando os intereses económicos, turísticos, industriais ou comerciais á tranquilidade, benestar, comodidade, saúde ou liberdade da xente é bem doado, porque do lado da lei están as forzas armadas de seguridade, as sanciós administroteativas, e a grúa que os leve a todos a Boisaca.

     -Ora había que poñer ó alcalde a picar pedra.
     -¡Non ho!... que ese é capaz de facer do Pedroso unha gran rotonda. (Respetando o Monte Pío, como fixo un pouco-xunteiro eco-loxístico).


     O único que deixa a "pré" o chalé que se fixo na zona verde non edificable mentada, é que se pode vixiar dende calquera sitio do pobo.
     Eu pensaba que as leis estaban para regula-la convivencia. E en troques de adaptarse as leis á vida da xente, semella que hai que adaptar a vida de un ás leis. O mundo dado a volta.
     Eu pensaba que primeiro eran as xentes dun pobo, e a maiores os benvidos que se pasen por alí.
     Porque cando marchan as marabuntas, esas ordas deboradoras de Mundo, o que queda coa leira jodida é o labrego ¿Ou qué carallo pasa?...


     -Varias ciudades y lugares han sido declaradas hoy "zona catastrófica", víctimas de determinadas exolutivas naturalezas humanas.
     -Non caerá esa breba...

     Falaron tamen de "Daredevil". "O Home sen medo". Ese me mola. O Superheroe loitando el soliño contra tódalas bandas armadas máis criminais das mafias, nunha xungla de asfalto destruída polos Mangantes da $ociedad€.

     Eu logo caín na conta:

     - ¡Ostia!, o da anarkía.

     Sobor disto non encontrei tantos paralelismos, porque iso sería se houbera superpoderes e voluntarios para poñelos ó servicio do ben.
     Como "SuperOferta". "A Super Heroína das Grandes Super Ficies".






A Nova Nova da rúa Nova



     Atopei un documento na rúa Nova. Na súa carpetiña. Estaba timbrado:

     -Santo Vaticano. Pazo di Roma.
     -Non sabía aínda a santo de qué.


     Os minutos que pasei léndoo, mantiven a respiración. Era unha testemuña.

     Lego as miñas posesiós á Igrexa Católica.

     A toda a igrexa. Aos membros da miña congregación. Nomeo meus sucesores ós verdadeiros donos da cristiandade: os cristiáns.
     Lego tódolas posesiós, cartos, edificios e misiós ós necesitados.
     Chegou o momento de comparti-lo noso pan cos pobres. Esta decisión é consecuencia de comprender ó fin a mensaxe do meu deus. Sonno iluminato.
     Cada sacerdote, bispo, xerarca ou magnífico mandatario da nosa organización queda relevado neste instante do seu cargo. Adicarase ós demais o que decida facelo, e fará evangelio da nova Igrexa.
     Falaredes a Nova Nova polo Mundo.
     Non Falo dende o máis alá. Isto escriboo VIVO. En vida non puiden facer todo isto. Pasaríame coma ó meu predecesor J.P.1º: Que tería un papado curto.
     Á miña morte estou seguro que haberá peregrinos e cartos. Moitos cartos. Ben. Fago uso dos meus dereitos legais sobre a miña imaxe.Todos eles, serán transferidos a Médicos do Mundo para proxectos de terceiro e cuarto Mundo.
     Será suficiente para evita-la morte de alomenos 1.000.000 de persoas por inanición ou falta de medicamentos. Góstame pensar iso.
     Adxunto, documento os detalles da operación.
     Cancelaranse ipso-facto tódalas operaciós monetarias do Banco Vaticano que non estean relacionadas có salario que se lle dará a cada un dos/as membros/as da congregación que adique o seu traballo ós demais, ou ós que traballen na súa coordinación.
     Admitiranse as teorías científicas de Darwin, e polo tanto a humanidade do home.
     Subastaranse tódalas reliquias e crearase un museo de cada igrexa para financiar labores humanitarias, conservando o aspecto de punto de encontro para os paisanos, incluídos os que acodan a rezar.
     O funcionamento na nova igrexa, será paralelo ó dunha ONG no senso de que o seu último fin é desaparecer e deixar de funcionar por non seren necesaria.
     Aproveitarase a nosa infrastructura de sedes, oficinas, albergues e parroquias para axudar ó próximo e para denuncia-las inxustizas dos pobos contra os pobos.
     Polo que a mín respecta non quero ser recordado Santo, senon Home.
     Dou o paso da santidade no outro sentido. Paso da Divinidade á Humanidade.
     Este é o meu miragre.



Asinado
J.P. 2º.




     Algún gracioso.

     Mirei con calma, e nunha esquina da carpeta escrito a bolígrafo rezaba:

     -Materia: Relixión. Redacción sobre o papa.
     -Alumno: José Pousa
     -Aula: 2º


     Xa me parecía a min.
     Esa era a verba que me rondaba: Inxenuo. Andrómenas dun neno.
     E despois din que a clase de relixión non serve para nada.






Das Queimas rituais


     A veces a prensa escrita déixate aquelado en calquera rincón cunha noticia.
     Esta é para Falala.
     Resulta que nunha pequena excavación arqueolóxica levantada sobre unha humilde peza lítica de enterramento atopada no lugar de Adoufe, a caron do pobo auténtico de Brión, atopou hai meses un dos estudiosos (un tal Anxo Rueiro) determinados restos dos que xa tivera noticia por curiosos.
     Acabou publicando un informe no que demostra cómo nalgún momento do século X (A.d.X), introducíronse dende a zoa da actual cidade de Lugo cara ó sur e ó oeste, o costume das Queimas Rituais en zoas sagradas.
     Estas Queimas eran parte de rituais ou xuntanzas nos pequenos asentamentos prehistóricos. Consistían na queima no lume comunal dalgunhas ramas de cánnabis sativa sativa. Suponse que ó redor deste lume ritual contaban historias (cultura oral básica por aquel entonces... que agora xa non), e recordaban ós que xa marcharan. Sempre en zoas sagradas ou de culto.
     Era de seguro algún tipo de intervención do gurú ou vello da aldea.
     Digo eu que sería algo así como o ghamberro da festa.
     Hasta 123 mostras documentadas en distintos asentamentos galegos avalaban o estudio.
     Asegura no documento que non soamente resultaba curioso ou entrañabel, senón que era probablemente un dos máis antigos costumes que se conservan na zona.
     Dicía na entrevista (non sei se en serio) que seguía estudando o tema, e que tiña evidencias sobre o mesmo costume (aínda que con variantes) a día de hoxe.

     - Ó xornal non lle hai que facer moito caso.
     - Dilo ti... pero se o pon é por algo.





Merda de Bar


     Dille á túa raíña, sicario, que eu o que como é pan. Heivos mete-lo ikea polos fociños.

    
Foi o único que se me ocurreu escribir na resposta comercial sen franqueo do instituto ese de consumo. Queren saber no que gastas os cartos para dirixir mellor a oferta e que poidas gastar máis e mellor. E non tes que paga-lo selo. Xa o paga o ministerio cos teus cartos. Sortean entre os participantes da encosta varios premios de €kus (algún de consolación).

     -Según las encuestas, los hábitos de consumo de los españoles...
     -¡Merda de bar! -dí sempre Ramón- ¡Eu bebo, non consumo!

     Efectivamente parece que o consumo é por fin un hábito. Un costume. Como a Navidade. Poida aínda que sexan o mesmo.
     O que non recibín foi nunca unha carta ou encosta do Ministerio de Saúde, se o hai, preguntándome se me doe aquí ou alí, ou qué enfermidades sufrín, sufro, ou vexo vir.

     Igual con esa información melloraban os servicios sanitarios. Nono sei. Pode que non haxa presuposto ou igual haxa que empezar a desmantela-los hospitais á vista de todos porque a enfermidade non é rentabel.


     - Eu se enfermo, me compro un remedio.
     - ¡Vas oh...!


     Cando me veña a encosta de Saudade vou poñer que aínda que agora mesmo me encontro bem, neste ano sufrín ós demáis igualiño que me sofren a min, e que estou vendo vir a resaca de mañá.





Morreu un Home


Morreu un Home. Deixounos tristes.
Morreu nun lance. Contra un dragón de dentes de aceiro.
Arrincaba vida das rochas. Foi extraordinario.
Foi amigo noso porque o foi ata que marchou.
E fíxonos o felices que agora sexamos.
Grazas.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega