Sexo

Gos

n2gosxeso.html
Clic — a tea de araña está tensa,
xa teño unha nova presa,
vítima da máis antiga das trapelas,
un x suxerente entre catro letras,
doce cebo que a todos tenta.


E agora teño os teus ollos na miña brea,
arrastrándoos mansamente por esta senda
vaste dando conta de a onde leva:
pregúntoche cánto de home te pensas
respóndesme cánto de animal che queda.

Foi caer quen se gaba de intelixencia,
Homo sapiens, toda a súa sapiencia
predecible raciocinio de receita
xoguei contigo como cunha boneca,
pequeno títere incauto sen cabeza.

Psicoloxía barata de taberna,
entre xarras de humildade de cervexa,
¡á túa saúde, abelliña da colmea!
se o mundo tivese unha única fenda
alí todos meteríamos a perna.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega