O instituto Xenroso, ó igual que outros
centros de ensino de Galiza, celebrou unha das festas tradicionais máis
esperadas: o magosto.
Tralo comezo do curso, aló polo mes de
novembro, os profesores e alumnos do instituto puxémonos mans a obra
para preparar, un ano máis, este acontecemento.
Recordo perfectamente, que os días previos á
festa, xa se sentía a inquedanza dos profesores, que se movían coma
raios para que todo estivese organizado; ou as faladurías dos alumnos
máis novatos á hora do recreo, pensando como se ía desenvolver o
día. En fin, todo estaba en marcha para a chegada do magosto.
O propio día, un luns pola tarde, o sol xa non
quentaba moito porque os días eran máis curtos e o inverno
achegábase, pero xa todo estaba listo: os xogos preparados, o lume
acendido, as castañas xa picadas e como non, nós, os alumnos e
profesores do Xenroso.
A festa comezou oficialmente cun descurso de
mans do profesor de ximnasia no polideportivo, a través do cal, tentaba
darnos, entre o balbordo e a algarabía dos rapaces, unha serie de
instruccións.
Ó rematar de falar, todos saímos a fóra
dispostos a desfrutar da tarde cos numerosos pasatempos que se
prepararon.
Como non, as castañas, imprescindibles nunha
festa de magosto, agardaban xunto ó lume á espera daqueles que
quixeran probalas e, mesmo se o desexaban, repetir. Pero para esa xente
non afeccionada a comer, moitos xogos e murais puxéronse a punto para
participar neles: na porta principal, unha exposición adicada ós
productos típicos do magosto adornaba a entrada e, polo patio do
colexio, xogos tan coñecidos como o de saltar a corda, o das cadeiras
ou a carreira de sacos eran os encargados de facernos botar unhas risas.
Lembro ademais, o xogo de tirar da corda, no
que participaron profesores contra alumnos, e que por certo, gañamos
nós; ou outro xogo de levar ovos enriba dunha culler apoiada sobre a
boca, no cal, ó final do día, só faltaban as patacas para facer unha
boa tortilla.
En fin, como podedes comprobar, as risas e o bo
humor non faltaron neste magosto 2004, no que, debo facer unha mención
especial ós alumnos que colaboraron co seu traballo e esforzo e a todos
aqueles profesores que intercederon para que esto se levara a cabo e
que, o día do magosto, deixaron a un lado a súa profesión e se
converteron en rapaces cos que tamén se podía xogar, rir e mesmo
gastar bromas.
A verdade é que esta festa foi un auténtico
éxito, e é que calquera ocasión é boa para recordar as nosas
tradicións de antano, para botarnos unha troula e, por qué non dicilo,
para perder clase.
|