Manifesto da lingua galega. ¿Que é?

Jessica M

n2jessicammanifestodalinguagalega.html

     Quizais poda parecer un desatino por parte dunhas mociñas de dezaseis anos tentar buscar a explicación máis axeitada para definir a nosa lingua, pero cremos necesario que se debe escoitar a palabra sincera dos adolescentes, pois por desgraza, é a única verdadeira.

     Podemos dicir, antes que nada e por encima de todo, que o galego é un heroe, pois tras anos e anos de loitas políticas e conflictos sociais, conseguiu facerse un sitiño na vitrina das grandes celebridades da historia, acadando así, o obxectivo que se propuxo de devolver a identidade a Galiza e o orgullo ó pobo galego.
     Volvendo atrás e recordando tempos de antano, dicimos que a historia da nosa fala comeza aló polo século catro, coa chegada do Imperio Romano a Gallaecia. Nos seus comezos só foi utilizada oralmente, pero pouco a pouco, a beleza desta lingua descóbrese soa, dando lugar a fermosos documentos que aínda hoxe gardan eses sabios museos de Galiza.
     Tempo despois, esa época de resplandor que protagonizou o galego, quedou no olvido coa chegada dos Reis Católicos. Eses monarcas que tan ben se comportaron cos españois e tanto degradaron ós galegos e a súa fala.
     Foron séculos de escuridade cos que naceu un complexo de inferioridade e autoodio por parte do pobo, que trouxo repercusións ata os nosos días.
     Eses anos de negrura ven a luz coa chegada dunha figura de gran importancia para o pobo galego, Frei Martín Sarmiento: home de familia acomodada que adicou os seus coñecementos ó estudo da lingua galega.
     Tras del, foron outras moitas persoas anónimas que tamén loitaron pola nosa dignidade, pero nós, queremos deternos nunhas figuras que levaron a cabo un antes e un despois na Galiza que hoxe coñecemos. Eles son Rosalía, Curros e Pondal.
     O amor por escribir nesa lingua tan querida e a paixón pola patria levaron a estes tres personaxes a embarcarse nunha viaxe para devolverlle a Galiza esa honra que lle fora arrebatada con tan malos modos séculos atrás.
     As súas obras contiñan, en cada verba que escribían e en cada letra que puñan no papel, sentimentos distintos, pero baseados todos eles no interese por restaurar a boa imaxe coa que contaba en tempos pasados esa Galiza que tanto querían.
     Tamén é necesario destacar o traballo de Alfonso Rodríguez Castelao ou de Ramón Otero Pedrayo, grandes personalidades que loitaron a prol de Galiza para conseguir o Estatuto de Autonomía que nos permitira ter unha identidade propia e unha liberdade fora da política que se herexía no resto de España.
     Castelao fundou o Partido Galeguista, formación política que velaba polos intereses de Galiza no Parlamento Español. Ese partido foi mudando ata chegar o que hoxe coñecemos como Bloque Nacionalista Galego, que segue co labor que un día comezou o noso ben querido escritor.

     Todos estes acontecementos que acabamos de describir e que son tan trascendentais para a nosa historia, unicamente reflexan as grandes adversidades que tivo que pasar a nosa lingua, así como a xente que se puxo ó seu favor.
     Falar e escribir en galego é unha decisión de cada un, e nós, non somos quen de coaccionar a ninguén para que actúen dunha maneira ou outra, pois todos gozamos de liberdade; pero é inxusto que se perda a tradición lingüística que nos legaron os nosos devanceiros, pola mera idea de que "mola" máis falar inglés, castelán ou incluso catalán.
     Parece mentira que esteamos facendo campañas para promover a utilización do galego en pleno século vinteún, pois xa deberíamos estar totalmente concienciados de que esta lingua que tantas inxurias acadou ó longo da súa vida, é a testemuña viva de que Galiza é un pobo único, unha nación propia que non precisa estar baixo a tutela de ninguén para sentirse importante a nivel económico, social e moito menos cultural.

     Non debemos esquecer que o galego é, ante todo, o símbolo da patria que un día outra xente construíu e hoxe nos herdamos.

Adicado a Ana, Tita, Lores, Rita e Amaya


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega