O fantasma e o teléfono

José Ramón Carril Vázquez

O LACAZÁN

O LACAZÁN
Nun lugar da nosa terra había un vello pazo habitado por un rapaz que o herdara do seu pai, que a súa vez herdara do seu avó, quen o herdou do seu pai que herdou................
Ben, a cousa da herdanza era tan lonxana no tempo que case que se podía dicir que o pazo era dos tempos de Adán e Eva, claro que........, como sabedes en tempos de Adán e Eva non había pazos, por non haber nin sequera había roupa, pero ben, nós falamos xa dun tempo no que xa había roupa e pazos, o que pasa é que fai tanto tempo que non sabemos cando comenzaba, o caso e que nun lugar da nosa terra había un vello pazo habitado por un mozo.
O pazo estaba moi, pero que moi vello, xa que o rapaz no tiña suficientes cartos para amañálo, como tampouco os tiña o seu pai...............ben, tampouco é cousa de volver a empezar, así que estamos con que o rapaz non tiña cartos para amañár o vello pazo no que vivía.
Pero iso si, o rapaz tiña todos os adiantos que se poden ter nunha casa de hoxe en día: luz eléctrica, cociña, lavadora, lavavaixelas, TV e teléfono.
Sí, o rapaz tiña teléfono, un teléfono cunha liña moi longa, xa que vivía moi lonxe da aldea, e aínda máis lonxe da vila, e moitísimo máis lonxe da cidade, ou sexa, que o rapaz vivía lonxísimo.
O pazo estaba enriba dun outeiro, rodeado dun bosque de carballos por unha banda, e dun bosque de castiñeiros por outra, así que por unha banda recollía landras, e por outra castañas.
A verdade era que o rapaz non era moi traballador, por poñervos un exemplo só me cómpre dicir que se lle chovia enriba da cama corría a cama. Ou sexa que non se preoucupaba por amañar a goteira.
O rapaz nunca se preocupou de buscar traballo para poder manter o pazo, polo que cando precisaba de cartos o que facía era vender algún dos moitísimos cadros que penduraban polas paredes, ou algunha escultura, ou o que lle viñese en gana nese intre.
No pazo tamén había animais: porcos, galiñas, coellos, cans, ratos. Ben, ratos había pero a verdade é que non eran do rapaz.
Pero todo isto non lle daba ningún traballo xa que el ceibaba aos animais pola mañá e recollíaos pola noite, entón os pobres dos bichos tiñan que buscar que xantar polos arredores do pazo, mentres o amo estaba co lombo ben descansado tumbado na solaina da casa.
A verdade era que tamén lle botaba as sobras da comida, o que ocurre era que tiña poucas sobras, ou quizais tivera poucas sobras para non molestarse en darllas aos animais.
Un bo día pola mañá chegou o carteiro.
O carteiro non viña case nunca porque o rapaz non recibía moitas cartas, xa que coma estaba tan lonxe case que ninguén se lembraba del, digo case porque as facturas chegábanlle igual, de xeito que o carteiro, facendo un tremendo esforzo achegábase de cando en vez a seu pazo, para entregarlle algunha que outra carta.
Aínda que realmente quen facía o esforzo non era o carteiro, senon a moto do carteiro, pero penso que nos estamos a entender igual.
O caso é que o carteiro atopou ao rapaz tumbado á porta da casa co lombo ben descansado e mirando para os seus animais.
-Bos días - dixo o carteiro
-Bos días - contestoulle o mozo despois dos saúdos de:
- como estás?-
- que tal che vai? -
-canto tempo sen verte?-
Ben, o de sempre, o caso é que falaron moito e non dixeron nada, tanto falaron que ata se lle esquecía entregar a carta, ata que cando chegou o momento de despedirse dixo o rapaz:
-E que che trae por eiquí?-
-Ah, xa se me esquecía, tes unha carta da compañía telefónica-
O rapaz colleu a carta e non lle deu máis importancia, así que se despediu do carteiro, máis ou menos da mesma forma en que o fixera cando se saudaron, é dicir, falando moito e non dicindo nada.
Despois de que o carteiro marchara, o rapaz volveu apoiar o lombo no sillón, pensando que xa fixera bastante esforzo por ese día, e tanto tanto descansou que ata se lle esqueceu a carta que lle trouxeran esa mañá.
Cando empezou a caer a noite os animais comezaron a voltar para as súas cortes, porque xa sabían que de non facelo así tiñan que pasala noite baixo das estrelas, polo que pouco a pouco comezaron a desfilar diante do mozo dándolle as boas noites, claro que cada un ao seu xeito, xa que como sabedes os animais non falan coma nós, pero eles tamén teñen o seu propio idioma.
Cando todos os animais entraron e se fixo o silencio, o rapaz entrou na casa e antes de cear decatouse de que na man tiña a carta da compañía telefónica que o carteiro lle trouxera esa mañá.
-Vou ler esta carta-, dixo o mozo, -non vaia ser que sexa importante-. Abriu o sobre e púxose a ler, aquelo era unha factura, e ben longa por certo, tiña un montón de follas con moitos números, polo que pensou que podería tratarse dun erro. Logo foi pasando folla a folla ata que ao final poñía o prezo da factura: 4.300 euros.
O rapaz volveu a ler a factura, 4.300 euros, e volveuna a ler outra vez, total que despois de ler 3 veces decatouse de que era certo, a compañía telefónica pedíalle 4.300 euros de consumo de teléfono.
-Pero se eu non chamo a ninguén?. -Total que cavilando e cavilando deuse de conta de que tiña que ser un erro.
-un erro teno calquera -, así que con estes pensamentos meteuse na cama e durmiu coma un bendito.
Ao día seguinte cando se ergueu da cama xa nin sequera se lembraba do que acontecera o día anterior, así que tomou un pouco de leite, unhas galletas, e coa mesma pensando que xa traballara bastante botouse a descansar na porta da casa mentres os animais volvían a pasar por diante del en busca de alimento, e tamén, coma sempre, dicíanlle ?bos días?, pero naturalmente na linguaxe dos animais, aínda que o rapaz non se decatara de nada.
E con esta rutina volvían a pasar os días e as noites, as noites e os días. Cada vez o pazo estaba máis vello e mais destartalado, porque o rapaz non tiña cartos para amañalo, e ademais tampouco tiña ganas de facelo, de xeito que as cousas ían a peor, e incluso os animais estaban cada día máis delgados xa que tiñan que ir buscar o alimento cada vez máis lonxe.
Un día pola mañá, mentres o rapaz estaba na sua postura habitual, ou sexa deitado, oíuse un ruído detrás das árbores, e pouco despois podíase ver unha grande nube de po.
Era alguén que se achegaba.
O mozo incorporouse facendo un grande esforzo, e puido ver coma outra vez máis se achegaba o carteiro na súa vella moto facendo un barullo coma se fora unha forte treboada.
-Bos días-, dixo o carteiro
-Bos días-, contestoulle o rapaz
-Coma che vai?-
-Menudo tempo temos-
-Xa fai tempo que non chove-
-Vanse secar os campos-
E así parola que te parola, fala que te fala, sen dicir nada chegou a hora das despedidas, e coma a outra vez o carteiro esquecíase de darlle a carta ao rapaz, ata que ao final se lembrou dela e entregoulla.
-carta da compañía telefónica!-
-Xa me esquecía da carta dos 4.300 euros, nesta de hoxe deben de contarme que foi un erro e que non me preocupe por nada, así que a abrirei despois da sesta.-
O día foise pasando ca mesma rutina, ata que a chegar a noitiña decidiuse a abrir a carta, e alí con grande sorpresa puido ler:
Ao non ter recibidas novas súas sobre a factura dos 4.300 euros, pasamos o asunto ao comité executivo, polo que nun prazo dun mes contado desde a recepción desta carta pasaremos a embargar a súa propiedade.
Atentamente.
E seguían firmas e datas e selos, e moita trapallada máis.
O mozo xa non sabía que facer, el non chamaba a ninguén por teléfono, polo tanto non lle podían reclamar nada, e agora por non facer caso da primeira carta queríanse quedar con todo. As propiedades da súa familia, de tantos anos, o pazo remontábase, xa non se sabía a que xeración, xa que el o herdara do seu pai, que a súa vez o herdara do seu avó, que a súa vez......., e así non se sabía ata cando se podía contar cara a atrás.
- Toda a vida traballando para poder manter esa herdanza., e agora isto.-
Ben, iso non, a verdade era que el nunca traballara, pero era igual coma se tivese traballado. Se el non traballou nunca xa o fixeran os seus ancestros, o pai, o avó, o avó do seu avó....., ata chegar a Adán e......, ben iso tampouco, pero case que si.
Buscou na cartilla da Caixa de Aforros, pero alí non había case cartos, logo lembrouse dunha uchiña de porquiño que lle regalara o seu pai cando era neno, así que collendo un martelo, rompeuna contra a mesa da cociña, pero tampouco había moito, contando e contando, xuntando e xuntando chegou á impresionante cifra de 110 euros e 56 céntimos, o que estaba tan lonxe da cantidade que lle reclamaban coma a lúa da terra, ou a terra do sol, ou as dúas cousas xuntas, total que non sabía que facer,
- un mes pasa pronto -, pensou, -e dentro dun mes o pazo xa non será meu, e non terei onde ir, vou ter que buscar outro sitio, e ademais traballar para ter mantenza.-
Todos estes pensamentos poñíano doente, tan doente que se esqueceu de xantar, de cear e ata de ollar coma os animais pasaban cara á súa corte, coma facían tódolos días dándolles as boas noites, claro que no seu idioma, cando comezaba a caer o serán. Cando se meteu na cama foi incapaz de durmir, a cachola dáballe voltas e máis voltas, pero por moito que cavilaba non sabía de onde ían saír os cartos para pagar o que debía, ata que de repente lle veu unha idea ao seu maxín. -Alguén debe estar chamando desde o meu teléfono!,- agora só tiña que atopar ao gastador de teléfono, e logo, zas....que pagara a factura,. E asunto amañado.
Porque o único que estaba claro desa história era que el nunca chamaba a ninguén, e a verdade era que tampouco o chamaban a el, pero ben, entre unha cousa e outra, o teléfono debía de ter teas de araña, e non unha factura de 4.300 euros.
Mentres andaba con estes pensamentos, e tendo en conta que os animais non falaban por teléfono, ou si?, non, non falaban. Ben, mentres andaba con estes pensamentos ergueuse da cama coma un lóstrego e púxose a espiar detrás duns cortinóns a ver quen podía achegarse ao teléfono a falar por el.
E así foi pasando a noite, pero o rapaz non estaba afeito a pasala noite en vela, polo que pouco a pouco foise quedando durmido, ata que as primeiras raiolas do sol lle deron na cara e o despertaron.
- non puiden averiguar nada-, pensou, - outra noite será -.
Efectivamente, á noite seguinte volveu a intentalo, pero esta vez fíxose o firme propósito de non se quedar durmido, así que cando os animais lle deron as boas noites e acocháronse nas cortes, o noso mozo escondeuse detrás dos cortinóns dun dos vellos ventanais sen lle sacar ollo ao teléfono.
Foron dando as dez da noite no vello carillón da entrada do pazo, tamén deron as once, e o rapaz xa empezaba a sonear, e xa tiña unha loita interior entre espertar ou durmir.
Pouco a pouco fóronse achegando as doce da noite, e xa case estaba por deixalo para irse a durmir á súa cama, para que non lle pasara coma a noite anterior, cando de súpeto comezou a oír un zumbido coma se fose un ronquido moi suaviño.
Aí foi cando o rapaz abriu os ollos coma pratos e tamén foi cando se lle foi o sono.
O son era cada vez máis forte, ata que de repente aparece ante el un, un....FANTASMA!, un fantasma de verdade, un fantasma auténtico. O rapaz quedou coma de pedra, non podía moverse, nin respirar, toda a vida vivindo no pazo e agora decatábase de que tiña por compañeiro na casa a un auténtico fantasma, un fantasma de verdade. Que medo!.
O fantasma achegouse ao teléfono, marcou uns números e púxose a falar, así estivo un bo rato, non mellor un largo rato, non mellor un rato larguísimo, nin se sabe canto rato. Logo con toda tranquilidade colgou o teléfono e desapareceu.
O rapaz quedou tan abraiado que non se sabe canto tempo tardou en marchar de alí, o que si se sabe é que cando chegou a porta a descansar o lombo, xa os animais pasaran para pacer nos campos de arredor do pazo.
Unha vez que o pobre do mozo estivo ben sentado, e ben descansado, e coa mente máis repousada comezou a cavilar.
Creo que xa teño a solución do consumo do teléfono, teño na casa dende hai algún tempo a un fantasma que me fai un gasto terrible, e iso non podo pagalo, polo que a solución é falar con el, e que a compañía telefónica lle pase directamente a factura do terrible gasto a el, xa que foi o que máis falou por teléfono.
Claro, solución fácil e intelixente, pero..........., creo que teño un pequeno problema, como vou convencer a compañía teléfonica de que o que chama é un fantasma e non eu.
A compañía telefónica vai pensar que estou tolo, entón vanme internar nun hospital, ou sexa que vou quedar sen casa, e ademais vou ter que ingresar nun psiquiátrico por tolo.
Non, esa non é a solución, teño que pensar noutra cousa, senón vaime ir mal, ou sexa, que quizais o mellor sexa falar directamente co fantasma, pero eu nunca falei cun fantasma, ao mellor non quere falar conmigo e foxe.
Con todos estes pensamentos foise pasando o día, e achegándose a noite, así que cando se decatou, os animais do pazo pasaron por diante da porta camiño das súas cortes, dicindo boas noites!, naturalmente no seu idioma, e por suposto sen que o rapaz se decatara de nada, xa que estaba tan sumido nos seus pensamentos, que non foi capaz de pensar en nada máis en todo o día.
Cando chegou a noite non almorzara, nin xantara, nin ceara con tanta cavilación como tivera, pero de tódolos xeitos non tiña ninguha fame, así que o único que lle importaba era resolver o asunto falando co fantasma.
A noite xa estaba enriba, así que sen pensalo dúas veces, escondeuse detrás dos cortinóns do grande ventanal, onde se escondera as outras veces.
E así deron as 10 da noite, e as 11 da noite, e..........as 12, por fin, xa era media noite, agora chegaría o fantasma e poderían falar tranquilamente.
Pero deron a 1, as 2, as 3 da mañá, e xa non se soubo máis porque unha raiola do sol espertouno ás 10 da mañá, e o rapaz non falara con ninguén porque se quedara durmido, así que o tempo ía pasando e cada vez estaba máis preto o momento en que perdería o seu pazo, e non daba amañado o problema.
Entre tanto cavilar, pouco durmir, e pouco xantar o rapaz estaba a piques de tolear. Entón decidiu poñerse a almorzar pois xa facía moito tempo que non metía nada ao seu bandullo.
Despois de repoñer forzas, tumbouse na solaina a cavilar.
Serían as cinco do serán cando de súpeto: xa o teño!.
-Vou falar co fantasma e que me pague a factura, pero....como vai pagar unha factura un fantasma?. Os fantasmas non teñen cartos, entón penso que esta solución é un erro, de tódolos xeitos vou falar con el.
Pero, é posible falar cun fantasma?, penso que non. De tódolos xeitos el fala por teléfono, entón tamén pode falar conmigo, ou non?.-
Todas estas cavilacións estaba a facer o pobre do mozo, mentres os animais ían cumprindo o ritual de todos os días, volvendo ás súas cortes e saudando ao mozo, claro que, no seu idioma.
Chegou a noite, chegou o silencio, chegou a hora de ir durmir.
Os animais xa non se oían, todo estaba en silencio, tampouco había vento polo que as árbores non silvaban, o silencio era total.
O mozo escondeuse detrás dos cortinóns vermellos das ventás do sobrado onde estaba o teléfono.
No carillón da entrada deron as 11 da noite, deron as 12 da noite. De súpeto, os pasos, logo a aparición, aí estaba outra vez, era el, o fantasma, vestido cun traxe de labrego do século XVIII . Alí estaba achegándose ao teléfono coma se nada pasara. Levantou o auricular e marcou un número, falou, colgou, volveu a marcar, falou, colgou, e así varias veces.
-Espera un pouco fantasma!. Pódemes dicir a quen chamas?-, preguntou o mozo sen que lle tremera a voz.
Coma se o estivese esperando, o fantasma deuse a volta con moita calma e respostou.
-Xa viñan sendo horas de que apareceras neno.-
Agora era o rapaz o que non entendía nada
-Que?- dixo cunha voz trémula.
-Que?- volveu a dicir.
-Que xa ían sendo horas de que apareceras.-
Respostou o fantasma.
O mozo estaba coma se fose de pedra, non se podía mover, nin falar, nin nada de nada.
-Levo case que un ano tentando chamar a túa atención. Encéndoche as luces, fágoche ruídos pola noite e polo día, pero nada. Ti non te decatas de nada porque pasas todo o día tumbado na porta do pazo co lombo ben descansado mirando como pacen os animais e sen preocuparte pola casa dos teus ancestros.-
Son o teu tataravó. Á nosa familia custoulle moito levantar esta propiedade, e ti agora fas como fixeron teu pai e teu avó, ou sexa, nada de nada.
O tellado está a piques de caer, as paredes precisan pintura, as portas non abren ben, o mesmo que as fiestras. E ti sen facer nada, así que se me ocorreu gastar todo o teléfono que puiden para que te decataras da miña presenza.
-A quen chamabas?-
Preguntou o rapaz, que pouco a pouco volvía a reaccionar.
-A todos e a ninguén, eu marcaba números toda a noite, o único que quería era que tiveras unha grande factura de teléfono para poder falar contigo.-
Se o rapaz quedara pasmo ao principio, agora aínda o estaba máis.
Se o rapaz non entendía nada ao principio, agora entendía menos.
-Que?- dixo con voz trémula.
-Que?- volveu a repetir.
-Que, que, qu!. É que non sabes falar?. É que non entendes?.-
-Ti non mereces vivir eiquí, ti non te preocupaches nunca pola herdanza dos teus ancestros, e así está todo, xa non se sabe cal é o pazo e cal é a corte.-
-Verás fantasma, é que eu non teño cartos, e agora coa túa broma teño que pagar o teléfono, así que xa ves.-
-O que tes que ver es ti, parvo!- berrou o fantasma.
Se eu non tivera a solución fuxiría de aquí para non verte máis. Se levo tempo tentando chamar a túa atención é porque quero solucionar o problema, pero ti nin caso, só comer e durmir, nin sequera atendes aos animais.
Vouche contar unha historia que quizais non saibas, escoita:
No século XVIII a nosa familia trouxo de América dous galeóns cargados de moedas de ouro e prata para construír este pazo e mercar todas as terras de arredor.
Cando remataron as obras sobraron moitísimos cartos polo que a familia decidiu agochalos para poder amañalo cando se estragara, pero co paso do tempo esqueceuse o lugar, e agora estou aquí para axudarte a atopalo.
Ou sexa que todos os meus problemas están resoltos, podo amañalo pazo, poido pagar a factura do teléfono, e podo seguir vivindo sen facer nada coma ata agora.
-Non!-, berrou o fantasma do tataravó.
-Non!-, volveu a berrar pero máis forte.
-Vas amañalo pazo, vas pagar a factura do teléfono, pero logo vas traballar para que nunca máis se volva caer, e para iso vou quedar eiquí vixiando para que non volvas a poñer o lombo en vez de poñer as costas.
Agora tes que traballar, quero que fagas unha granxa coma a dos teus veciños, e que esta casa volva a ser modelo como foi antes, cando nos vellos tempos era a envexa de toda a bisbarra.-
O rapaz cavilou rápido, non lle gustaba nada ter que traballar, e menos vixiado polo fantasma do seu tataravó, pero era moito peor que a compañía telefónica se quedara con toda a súa herdanza e el tivera que ir vivir debaixo dunha ponte, ou nunha cova, ou.....vai ti a saber onde. Así que respostou axiña.
-Non te apures tataravó, que hei facer coma ti dis. Ben, e agora imos ver o tesouro.-
Sen tanta presa rapaz, ten en conta que son un fantasma entón somentes poido saír de noite. Mañá ás doce da noite voltarei, e ti estarasme esperando con pico e pala, e unha boa lanterna para picar debaixo da árbore.
E non sería máis doado facelo coa luz do día, contestoulle o rapaz.
Non!, berrou o fantasma, non ves que somentes son visible polas noites.
Perdoa, esquecinme. Entón traerei dous picos e dúas palas.
Nooon!. Eu son un fantasma e non podo picar, xa debías de sabelo.
Ti o que eres é un fantasma lacazán.
Respostou o tataraneto envalantonado xa pola futura riqueza.
Estou por fuxir de aquí e deixarte só co problema, porque ti non te mereces nada. Ti si que es un bo lacazán.
E facendo ademán de saír diu media volta.
Espera, espera!, dixo o rapaz.
Perdoa, pero é que esta noite foi de moitas sorpresas e xa non sei o que dicir.
Está ben, perdoado, pero que sexa a última vez que me levas a contraria.
mañá pola noite ás doce en punto estarei esperándote na porta do pazo. Picarás toda a noite e pola mañá terás xa os cartos para pagar facturas e comezalas obras, así que boas noites.
E coa mesma e sen saber como, o fantasma do tataravó desapareceu.
Boas noites, dixo o rapaz.
Que boas noites se xa comeza a clarexar o día, serán bos días, pero écheme igual, vou durmir.
O rapaz botouse na cama pero foille imposible durmir, polo que se ergueu, almorzou e foi abrirlle aos animais, logo volveu a casa e sentado na cadeira do despacho do seu pai púxose a facela lista de cousas necesarias de amañar no pazo, logo cavilou no que dixera o fantasma e coidou que tiña razón.
El tiña a responsabilidade de darlle á súa herdanza o esplendor de antaño, facer de novo unha granxa que fora exemplo para toda a bisbarra.
E por último cavilou en que a casa era demasiado grande para el só, así que coidou que a mellor solución era convertela nunha casa de turismo rural para que todo o mundo que quixera puidera desfrutar do pazo e do seu entorno.
Hoxe en día este pazo é unha casa de turismo rural moi afamada, se a visitades aínda podedes atopar algunha das moedas que se perderon no traslado, e tamén podedes falar co rapaz, pero ollo, non saiades despois das doce da noite, porque o fantasma do tataravó está sempre vixiando que todo estea en orden, e non lle gustan moito as visitas.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega