Outro conto de nadal

José Ramón Carril Vázquez

Breixo era un roedor


     Nun barrio dunha das nosas vilas, vivía un rapaz que se chamaba..., que se chamaba...

     Bueno, agora non lembro, ou... é que cicais nunca o souben.
     O caso é que o cativo tiña un alcume polo que era coñecido, chamábanlle "O Baldroas".
     Oído o alcume xa é máis fácil saber por que o alcumaban así.
     Veredes, o Baldroas tiña un pelo crecho tan teso coma se fose de arame, aínda que pola mañá entre el e a súa nai se esforzaban en peitealo cun peite case que sen púas e cunha mextura de auga e cuspe, pero nin así, o Baldroas non era quen de baixar o seu pelo de arame.
     Usaba un pantalón de cadros, pero non de cadros cadros, senón de cadros de remendos, e a súa camisa parecía a dun veterano de guerra, digo isto polos costuróns que tiña, feitos con moito cariño, pero con pouca pericia pola súa nai .
     Todo isto acompañábase cuns fermosos zapatóns. Zapatóns que, por certo, lle viñan grandes, sen amallóns e uns calcetíns de lá grosa que lle permitían ter os pés enxoitos no inverno e mollados de suor en verán.
     Cada mañá erguíase, non moi cedo, agás se tiña que ir á escola, e despois de almorzar un pouco de leite e pan duro, saían acompañar a seu pai ao traballo.
     O pai era traballador autónomo, ou traballador liberal, ou pequeño empresario, ou... resumindo, o seu pai era limpabotas, ou simplemente "limpa".
     Como dicía, todos os días do ano, agás domingos e festas de gardar, a familia saía en procesión cara ao centro da vila, que era o lugar onde o xefe da familia exercía a súa profesión.
     Limpa!, limpa!, berraba o pai polas terrazas dos cafés en procura de clientela que lle permitira soster a súa familia.
     Mentres o pai facía o seu traballo, a nai ía en procura dalgunha esmola, ou algún agasallo en casa de xente con máis solvencia económica que eles, e case sempre tiña algún beneficio.
     Baldroas pasaba parte da mañá a xogar con seus amigos polas rúas da vila.
     Os nenos que vivían no centro da vila tiñan máis xoguetes dos que nunca soñara o rapaz, e isto debía ser porque todos os anos recibían a visita dos Reis Magos, mentres que nos barrios a penas os visitaban porque lles quedaban máis lonxe.
     Nembergantes, a falta de xoguetes suplíaa co seu maxín, cun grande maxín que lle permitía imaxinar cousas coas que xogar a cotío.
     Pero Baldroas tiña un grande soño, ter un coche de pedais.
     Un seis de Xaneiro fora ao parque da vila, nun día tan frío como soleado, onde todos os rapaces lucían os agasallos que lles puxeran os Reis Magos na noite da ilusión. Pero de todo o que estaba a ollar: bicicletas, monecas con carriño, papaventos, escopetas..., o que máis lle gustou foi un fermoso coche de madeira a pedais.
     Tiña dúas prazas, a súa cor era amarela e azul, as portas abrían e as luces alumeaban, mesmo tiña bugina, aquelo foi para el impactante.
     O rapaz que o conducía subía e baixaba polas costas do parque ante a mirada orgullosa dos seus pais, a envexa dos seus amigos e a admiración ou o que sexa do Baldroas.
     Nin se sabe canto tempo estivo a ollar para el, o caso é que cando o coche subía tocando a súa bugina e alumeando o sol coas súas luces, o Baldroas ía correndo detrás del.
     Cando o coche baixaba tocando a súa bugina e alumenado cas súas luces, o Baldroas ía detrás.
     E así estivo sobe e baixa, baixa e sobe, ata que o rapaz, collido da man da súa nai, se marchou do parque.
     Baldroas era un rapaz que cavilaba moito, el non tiña xoguetes coma os demais nenos, por iso tiña que facelos el mesmo.
     Tiña unha pelota feita de lá e papeis de xornal que fixera coa axuda da súa nai e que daba xenio vela.
     Era a mellor pelota do mundo, iso si, non botaba pero daba o mesmo, el imaxinábase no estadio de Riazor da Coruña, era o dianteiro centro, corría pola banda e era o que máis goles metía. O estadio posto en pé matábase a bater palmas, e el contestaba brincando e abrindo os brazos cara ao público.
     Bo, o importante era o cariño co que estaba feita a pelota, e a fin de contas que diferenza había entre o estadio de Riazor e o campo da leña onde el practicaba o seu deporte favorito?
     Total que, cavilando e cavilando, chegou á conclusión de que os Reis Magos nunca lle traerían un coche de pedais como aquel azul e amarelo que vira no parque, polo que decidiu que a mellor solución era prepararse para facer un el mesmo.
     O primeiro que fixo foi facer os planos, así que collendo un anaco de tella comezou a debuxar nas pedras do chan o que sería o seu futuro coche, despois fixo a lista dos materiais, isto último fixoo na súa cachola, porque a pedra non a podía meter no peto do pantalón, e logo o lugar onde podería atopar as cousas que precisaba.
     Vai ser un coche ben bonito, cavilaba o rapaz, vai dar xenio velo, seguía cavilando.
     Todos os nenos da vila vanme ter moita envexa, e os meus pais han estar ben orgullosos de min.
     E con estas cavilacións pasou o día enteiro, se ben é verdade que tivo que facer un alto para xantar, xunto á súa familia, no mellor restaurante da vila, "a cociña economica", onde ían a cotío grazas aos bos oficios do señor cura párroco que lle conseguira uns vales de balde por falta de recursos.
     Feitos os planos comezou o traballo de recolleita de materiais.
     Preto da súa casa estaban amañando outra, polo que se dedicaría a recoller puntas vellas que logo endereitaba cunha pedra.
     Na carpintaría recollería os anacos de taboeiro que non valían, e por último precisaba unhas caixas de bólas, ou caixas de rodamentos, dun taller mecánico.
     Isto último ía ser o máis difícil de conseguir.
     E así pouco a pouco nos ratos libres que tiña á volta da escola comezou a montar o seu coche.
     Os compañeiros de traballo do seu pai perguntábanlle:
     —  Eih, Baldroas!, para cando temos coche? —
     — Pouco a pouco —, respostaba o rapaz.
     Tamén as monxas da cociña económica estaban interesadas e perguntábanlle polos seus proxectos.
     Ao Baldroas gustáballe ollar para os coches e soñar que axiña tería un case que de verdade.
     O Nadal quedou atrás e os rapaces e rapazas voltaron á escola.
     No primeiro día de clase todos falaban dos agasallos que lles trouxeran os Reis Magos.
     Bo, todos ou case todos, porque Baldroas a verdade era que non podía falar moito do tema.
     Pero o que si fixo foi comentar cos seus compañeiros de curso os seus proxectos, aínda que...
     Moitos riron del, pero o seu amigo Anxo, o churreiriño, alcumado así porque o seu pai vendía churros polas casas e rúas, churros que previamente mercaba nunha churraría e logo cun pequeño incremento no prezo vendía case que a domicilio, para que a xente ben poidese almorzar churros quentes e recén feitos sen necesidade de saír á rúa, decidiu colaborar con el.
     — Se me axudas, dicíalle o Baldroas, heiche deixar dar voltas e voltas polo parque co meu coche, claro que cando eu estea a descansar. —
     O churreiriño era realmente o único amigo del, xa que tiñan moitas cousas comúns, coma a forma de vestir, o mesmo sitio para xantar e que tamén vivían no mesmo barrio, polo que os Reis case que tamén pasaron de longo pola súa casa.
     Despois de explicarlle máis polo miudo os seus plans, os dous amigos decidiron que ao saíren da escola poñeríanse a recoller os materiais que irían acumulando nunha corredoira que había detrás da casa do Baldroas e, por suposto, vixiando ben, non fora a ser que pase alguen e nos roube o noso traballo, cavilaban os nenos.
     Ese día nin un nin o outro traballaron moito na escola, aínda que a verdade é que nunca traballaban moito, xa que no fondo sabían que con ler e escribir e algo de contas xa lle sería abondo para a vida, pois nin un nin outro pensaban chegar á universidade. Sabían que case seguro o seu futuro iría moi parello ás profesións de seus pais.
     Riiing!.
     Por fín soou o timbre, eran as cinco en punto da tarde.
     Os rapaces saen ordenadamente da escola, ou saen todo o ordenadamente que os rapaces poden saír da escola.
     Baldroas e o Churreiriño saen coas súas carteiras en busca da merenda que seguro que súas nais lle tiñan preparadas.
     — De que é o teu bocata? —, di o Baldroas.
     — De pan con pan, respostou o Churreiriño, e o teu? —
     — De pan con algo de aceite de fritir peixe, — di o Baldroas.
     E así entre bocado e bocado, entre conversa e conversa comeza a recolleita de materiais.
     De vagar a corredoira que hai detrás da casa do rapaz comeza a se encher de cousas, pero faltan as máis importantes, as rodas.
     Como xa dicen, as mellores rodas son as de caixas de rodamentos que só se poden conseguir nun taller mecánico, pero nese intre os rapaces tiveron problemas de subministros, e deben esperar a que teñan máis coches estragados que precisen caixas de rodamentos.
     E así que case que todo os días van de visita ao taller mecánico en procura do precioso material.
     Como o tempo ía pasando, chegou a primavera , e con ela o tempo das chapas, pero os bos xogadores só admiten chapas en boas condicións, as dobradas non valen, nin as aboiadas.
     As chapas teñen que estas en perfectas condicións, senón os xogadores non as admiten como premio.
     Para darlle estabilidade no xogo, é preciso encher as chapas para que pesen máis.
     O máis doado é facelo con tonas de plátano ou de laranxa, pero pola contra apodrécense axiña e teñen que volver a empezar.
     Pero os grandes xogadores tíñanas cheas de cera, e os dous amigos non podían enchelas de cera porque as velas das súas casas só se encendían cando non había corriente eléctrica.
     Aproveitando a privilexiada situación familiar de seus respetivos pais, os dous amigos podían entrar nos bares e cafetarías do centro da vila, tendo así acceso aos cubos de lixo onde estaban depositadas as chapas das bebidas, gaseosas, refrescos, cervexas, e naturalmente as chapas máis cobizadas eran as máis escasas.
     Por aqueles tempos saíra á rúa un novo refresco chamado "boy", e case que ninguén tiña chapas dese refresco.
     Nembergantes os dous amigos tiñan abundantes provisións delas, polo que cando ían xogar ao parque deseguida lles aparecían rapaces para desputar grandes partidas.
     E así chegaron as vacacións de Semana Santa, e con ela as procesións, e coas procesións os cofrades coas súas velas, que alumenando pola noite ían soltando cera que caía ao chan.
     Detrás da procesión ía a banda de música, e detrás da banda ía un fato de rapaces que recollían a cera, aínda fresca, do chan para reencher as chapas das botellas.
     Nin que dicir ten que entre os rapaces estaban o Baldroas e o Churreiriño que ademais eran os máis rápidos entre todos para encher as chapas.
     Así, cando rematou a semana Santa tiñan tal cantidade de chapas cheas de cera que xa non lles cabían nos petos dos pantalóns.
     Nembergantes, todas estas distracións non facían esquecer o seu traballo de deseñadores e construtores de coches.
     A pesares de non teren rodas, o coche case que estaba xa montado.
     Un día ao saíren da escola agardáballes unha boa nova.
     — Baldroas!, dixo o seu pai, estiven limpando os zocos do mecánico e díxome que ten varias caixas de bólas, que pases por alí cando queiras. —
    Baldroas deu un chinpo e sen coller a merenda que súa nai lle tiña preparada foise correndo cara ao taller a recoller o seu tesouro.
    — Boas tardes señor, veño recoller as caixas de bólas. —
    — Son caixas de rodamentos, e serven para facer xirar os motores, contestoulle o mecánico con voz pacente. ?
    — Xa o sei señor, pero nós chamámoslles así, e tamén as usamos para os nosos motores. —
     Ao mecánico deulle o riso, e dando a volta foi cara a un caixon cheo de pezas que xa non servían.
     — Olla Baldroas, aquí tes sete caixas, escolle as mellores, aínda que se queres podes levalas todas, ti verás. —
     — Graciñas señor, levareinas todas e así terei tamén rodas de reposto. —
     E sen pensalo dúas veces comenzou a meter as caixas nos seus petos, e despois de despedirse saíu correndo coma un lóstrego na procura do Churreiriño e poder rematar o coche.
     Atopou a seu amigo facendo reconto de chapas mentres degustaba unha ducia de churros resesos que lle dera seu pai, xa que os excedentes de mercadoría que seu pai non era capaz de vender no mercado consumíanse na casa dous ou tres días despois.
     — Churreiriño!, — berrou o Baldroas.
     — Churreiriño!, xa temos as pezas que nos faltaban. —
     O rapaz apoiou os churros no chan e limpando as mans na camisa dixo.
     A ver, amosa logo.
     Baldroas sacou de seu peto o seu tesouro.
     — Olla temos as catro máis estas de reposto por se pinchamos. —
     — Pero como que pinchamos se son de ferro!.—
     — Tes razón, pero dicímolo así coma quen.—
     Despois de ollar un rato para elas coma se dun verdadeiro tesouro se tratara, fóronse tranquilamente parolando ata a corredoira onde tiñan as outras pezas.
     Agora xa podemos montalo!, dixeron case que a coro.
     Pouco a pouco deseñaron o plano de montaxe para ilo facendo ao día seguinte.
     Esa noite case non durmiron nin un nin outro.
     Cada un na súa cama iba imaxinando como sería ese coche que, según eles, ía ser a envexa de todos os nenos que xogaban no parque a cotío.
     Ao día seguinte, despois de saír da escola, Baldroas púsoxe a montar o coche.
     Comezou por xuntar as táboas con puntas, aínda que o traballo non era nada doado, xa que primeiro tiña que poñer as puntas dereitas, pois todo o material era de refugallo.
     Esta tarefa supuxo levar unha morea de golpes nos dedos das mans, porque moitas veces non atinaba.
     De súpeto cavilou:
     — Churreiriño!, onde se metería ese. —
     E deixando todo saíu cara ao parque a ver se o atopaba.
     A época das chapas xa quedara atrás, e agora era a época dos papaventos, e Anxo O churreiriño, estaba no parque vendo como outros nenos voaban os seus papaventos, e como a outros lles era moi difícil elevalos.
     — Churreiriño!, esquecicheste do coche?
     — Non, Baldroas é que cando ía cara a túa casa atopeime con este nenos que me dixeron se quería ver os seus papaventos.—
     — E logo o coche? —
     — Xa, pero temos tempo así que primeiro quero facer un papaventos. —
     Baldroas precisaba da axuda do seu amigo para facer o coche, polo que tivo que ceder, así que e entre os dous puxéronse a facer un papaventos.
     — E que materiais precisamos?, — preguntou o rapaz.
     — Pouca cousa, cana de vasoira, papel e cordel de bramante. —
     — E onde pensas que podemos coller todo iso? —
     — Nas casas do centro da vila antes de que pasen os do camión de recolleita de lixo colleremos algunha vasoira vella, os cordeis e o papel nas portas dos comercios, cando pechen, claro. Ti sabes que deixan sempre o lixo para que o recollan pola noite os do camión, así que nós iremos antes e colleremos o que precisemos. —
     Meu dito, meu feito; ese serán, antes de que seus pais pecharan os seus negocios, os dous socios percorreron as rúas do centro da vila, e bastante máis rápido do que imaxinaron xa tiñan todo o material preciso.
     Da porta dunha pensión recolleron unha vasoira case que nova, tan nova que lles daba pena ter que partila.
     Dunha tenda de roupa recolleron tal cantidade de papel fino que lles daba para facer alomenos unha ducia de papaventos. Dunha paquetería colleron case que un rolo de fío de envolver.
     — Mañá comenzaremos a montaxe, — dixo o Churreiriño, — e cando rematemos iremos voar o papaventos ao parque, e logo cando remate a tempada remataremos o coche. —
     Baldroas non quedou moi contento con esas ideas, pero non tiña máis remedio que facer o que lle dicía seu amigo, así que ao día seguinte puxéronse a traballar no papaventos.
     Cun coitelo de cociña, que collera Churreiriño, sen permiso de seus pais, cortaron a cana de vasoira en catro cachos, logo partiron cada cacho en dous, así tiñan oito pedazos, con eles fixeron unha cruz, que logo pecharon en rombo, todo atado e ben atado co fio de bramante.
     Despois procederon a forrar o rombo con papel fino, e para rematar puxéronlle unha longuísima cola adornada cos restos de papel fino de mil cores.
     Logo ataron o cordón ao medio da cruz.
     — Listo!, agora ao parque. Imos voar esta marabilla. —
     — O caso é que voe — dixo Baldroas.
     — Voará , non o dubides — respostou Churreiriño.
     Ao chegar o parque viron un fato de rapaces voando papaventos.
     A meirande parte deles eran feitos de plástico, con moitos debuxos e vistosas cores, outras tiñan formas raras, con caras de animais, ou bruxas voadoras.
     Os dous amigos puxéronse nun curruncho do parque a preparalo todo.
     Estiraron a cola no chan, logo Baldroas colleu o papaventos polo medio da cruz, mentres Churreiriño soltaba parte do fío cunha man, e coa outra collía o carrete.
     Cando estiveron listos puxeronse a correr coma tolos para darlle impulso, logo soltaron de súpeto e o papaventos comezou a elevarse maxestuosamente polo ceo do parque.
      Paseniñamente as rapaces foron achegándose ao grupo de voadores de papaventos.
     — Eih!, ollade cara ao ceo!. — Berraron os do outro grupo.
     — Ese papaventos é precioso. E non é mercado!. Voa mellor que os nosos! —
     Baldroas e Churreiriño non cabían en si de gozo. O seu papaventos voaba mellor que os dos outros nenos, ademáis tiñan a admiración dos cativos porque non era mercado, senón feito por eles. Hoxe eran os reis do parque.
     Durante varios días máis foron facer competicións de papaventos, e o deles era o que máis tempo estaba no aire, mentres que os outros caían moi rápido.
     Por fin chegou o mes de Xuño, e as clases eran só pola mañá, así que agora tiñan tempo abondo para construír o coche, ademais como xa non había tanto vento xa pasara a época de voar os papaventos.
     Comezaba a apretar a calor, e os carriños de xeados xa estaban na rúa.
     Xeados artesáns de cucurucho, de varios sabores que os rapaces choupaban con moito gusto.
     Diante dos carriños había longas colas para mercalos, claro que os dous rapaces non estaban na cola, eles estaban chupando outros xeados, tamén artesáns.
     Cando o camión do xeo repartía as barras polos bares do centro sempre lle caían anacos ao partilas, e eses anacos remataban nas mans de Baldroas e Churreiriño que os degustaban con sumo pracer, ademáis sacabánlles a sede moito mellor que calquer xeado.
     E así cun anaco de xeo en cada man, que ían choupando de camiño, foron cara á corredoira a traballar no coche, e telo rematado para cando principiaran as vacacións de verán.
     — O primeiro é poñer todas as puntas dereitas — díxolle o Baldroas a seu amigo, vaino facendo ti mentres eu vou xuntando as taboas. Dixo todo isto pensando nos golpes que levara nos dedos a última vez que intentou endereitar puntas.
     Chureiriño púxose á faena entre xemido e xemido, xa que a cada pouco levaba un golpe nos dedos.
     Baldroas foi xuntando as taboas para montar o "chasis" do automóbil.
     Cando todo estivo listo comezou a cravar as taboas, logo prepararon o banco, comprobaron que a dirección funcionaba perfectamente, e por último puxéronlle as caixas de bólas.
     Os dous sudaban a máis non poder, pero o gusto de ver rematada a súa obra dáballes forza para continuar.
     As vacacións de verán chegaron ao mesmo tempo que o remate do prototipo de coche dos rapaces.
     Nos primeiros días de Xullo facía unha calor abafante, case que non se atopaba un sitio fresco por onde andar.
     Un día polo serán, cando xa empezaba a fresca e todo os rapaces da vila ían a xogar ao parque, os dous amigos levaron a rastras o seu coche.
     Cando chegaron subiron unha costa para logo lanzarse por ela cara abaixo.
     Baldroas como inventor e deseñador foi a primeiro que subir ao coche, o seu amigo deulle un lixeiro empuxón e o coche comenzou a deslizarse pola costa abaixofacendo un ruído terrible.
     — Eeeeeeeeh!, por fín xa o temos. —
     — Siiiiiiiiii!, conseguímolo, beeeeeeeen! —
     Os amigos non cabían en si de ledicia.
     — Agora tócame a min — dixo Churreuriño.
     — Si, agora sube ti — respostoulle a seu amigo.
     E así unha e outra vez.
     E mentres o Baldroas baixaba polas costas co seu coche facendo un ruído ensordecedor, todo os nenos e nenas ollaban para eles admirados.
     Cando o coche parou os nenos fixéronlles corro arredor, entón ao baixarse do coche recoñeceu entre eles ao dono do coche azul e amarelo que o miraba tanto ou máis apampado que el o fixera o día de Reis cando o outro estreaba coche.
     — E o teu coche? — preguntoulle o Baldroas.
     — Estragueino contra un banco do parque, agora non ten arregro e tireino ao lixo, pero non importa, o vindeiro ano pedireille aos Reis Magos outro máis novo e moderno. —
     — E pensas que cho traeran? — volveulle preguntar o Baldroas.
     — Pois claro!, xa me dixeron meus pais que só teño que ter paciencia. —
     — Que sorte!, — dixo o Baldroas, — eu cando sexa maior hei vivir no centro da vila, así os Reis visitaranme tamén na noite da ilusión. —
 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega