A conquista de Irlanda polos galegos

Lartovedo das Mariñas

n2lartovedodasmarinhasaconquistadeirlandapolosgalegos.html

No ceu estremecíanse as estrelas,
o frio vento azul
da noite as envolvia;
o mar ficaba quedo
nun silencio que soaba a eternidade.
Dende a torre que na costa de Brigantia
obserbaba maxestuosa
o infindo laiar da auga no inverno,
o fillo d’aquel primeiro galego,
o fillo de Breogán e irmán de Bile,
axudado pola luz azul da lua,
esculcou lonxe, moi lonxe, unha illa.
Querendo coñecer aquela terra
embarcou n’aquela noite estrelecida,
mais só foron canda él dez dos seus homes.
Cando na azul area d’unha praia
o barco a súa áncora
deitou durmida entr’ós azuis sargazos,
o neto do rei Brath, príncipe Ith,
ferido foi no peito
pola espada dun Tuatha de Danann,
dun fillo do rei sen pé, sen man, sen ollo.
Voltar quixo a Brigantia, mais no barco,
cando alboraba o día no mar verde,
o príncipe Ith esgotou o seu sangue,
pechou o puño esquerdo sobr’o peito
e cubriron as pálpebras
os seus ollos polo vento verdecidos.
O neto de Breogán,
que reinaba sobre tódo-los da Iberia,
vendo morto ó seu tío cando o barco
arrivou as costas verdes de Brigantia
decidiu vingar aquel terríbel feito.
Partiu Mil con Aimirgin e con Donn,
e cinco naos de homes ateigadas;
o rei, o cabaleiro e o druida
derrotaron ós Tuatha de Danann,
que marcharon
pra un mundo no que o tempo se esvaecera
entre as ondas verdes dun mar infindo.
Así chegaron os primeiros homes
e Irlanda comezou a ser nación.
Comprida a sua débeda os galegos
voltaron pra Brigantia,
pois só en Galicia gobernar podían,
mais deixaron en Irlanda aos seus fillos.
Dende entón lusitanos e irlandeses,
galegos escoceses e mais galos,
xunto cá Illa de Man e cos de Gales,
foron as nacións celtas que mais tarde
ficarian baixo os fillos do imperio.
Mais un día o rei Artur
voltará dende Avalón para salvarnos.



Xuño do 2004


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega