LOITA
I
Ficou o mencer durmido
nun longo soño,
pra ó espertar
reciver o somnífero d’aqueles
que viven na escuridade da noite.
Agora sigue soñando.
Rematemos cá alborada,
demos paso ó día,
pois non so se debe soñar,
tamén facer.
II
Hai persoas
que no canto de nome
levan un número de serie.
Persoas que morren
ó lles podrece-la carne.
Persoas que non sofren
máis dor q’á das suas feridas.
comer, durmir,
comer;
viver e morrer.
Persoas nas que os coñecimentos
non atopan oco entre tanto baleiro.
Persoas que, na súa ignorancia,
non ven as cadeas de ferro
que os atan irremisibelmente
á tráxica rutina da súa vida.
nascer, medrar,
reproducirse;
morrer.
Nembargantes, hai persoas
cuxa lembranza endexamáis s’esvaece,
xa que máis importantes q’ó seu ser
son os seus feitos.
Son persoas que non poden
permanecer impugnes ante o mundo.
Pero sí voar,
voar, pensar,
admirar, sentir,
amar;
contemplar, viver,
viver, loitar,
loitar,
loitar.
O FIO DO QUE TERMAMOS
As badaladas penduran no ar,
pendura o tempo;
lánguidas penduran as estrelas,
coma pequenas faíscas.
Penduran as olladas
i as verbas da xente.
Penduran as bágoas
d’aqueles que esgazaron
as froliñas que nascian libremente
nos vales, que agora tamén penduran.
Penduran os xílgaros das ponlas
e tamén as árbores máis altas
que xa non lembran as súas raices.
Penduran os soños dos homes laceirados
e maila vida.
|