Metrópole

O Brecht

Metrópole

Non estamos obrigados á felicidade
tampouco á hipócrita moderación
do indiferente; a indiferencia só
é sinceira consigo mesma: o
refuxio do «home práctico»
perante as verdades.

Estamos xa en tempos de decir verdades,
sen medo:

A metrópole, o imperio do pracer
inmediato, a hipertrofia do espírito

A metrópole: musa creadora do efímero,
apoloxía da nada a curto prazo.

A gloria, a fama, a «american way of life»,
as luces de neón, as rockstars do intrascendente
a caótica espiral da vida moderna, a salvación
na absurda filosofía do escaparate.

A metrópole: Sodoma e Gomorra da
postmodernidade, fábrica do patriotismo
sensacionalista, xérmolo cultural da
aquiescencia e da neurose.

Tra-los rañaceos de cristal, e o ruido incesante
só se agocha o silencio do baleiro e a soidade
humana.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega