¿Amizade, orgullo ou rancor?

Jessica M

n4jessicamamizadeorgulloourancor.html

Ó PRINCIPIO
     Xuntos formaban o trío dos inseparables, dos compañeiros eternos, dos amigos por excepción, pero éche boa verdade que todo ten un principio e unha fin.
**********

     Lois é o típico machote, que un día está con unha e outro día con outra, aínda que por dentro sexa todo corazón, e un amigo incondicional.
     Ten vinte anos, xa sacou o carné de conducir e está a estudiar un ciclo medio de electricidade.

     Marilia é unha moza cun corazón moi grande. Sempre era ela a que daba o brazo a torcer e a que baixaba a cabeza por un amigo. Sufriu moito por amor, pero coa chegada de Marco (un rapaz que traballa en Suíza e que se namorou perdidamente dela) irase esquecendo dese mal home ó que un día ela amou.
     Ten dezaoito anos, púxose a estudiar en Santiago (despois de aprobar selectividade) un ciclo de Dietética e Nutrición, pero a soidade e a falta do fogar fixérona voltar a casa nada máis comeza-lo curso. E aquí, xunto a Lois, Vera e todos os seus amigos e familia conseguiu saír da depresión na que estaba inmersa.

     Vera é unha rapaza moi decidida, un pouco celosa e algo desconfiada.
     Acaba de cumprir dezaoito anos e está a cursar 2º de bacharelato.
     Ela é a mellor amiga de Marilia, coñécense dende pequenas e, aínda que tiveron algúns problemiñas sempre seguiron sendo grandes amigas e dando exemplo do que é a verdadeira amizade.

***********

     Lois, Marilia e Vera eran, para moitos, unha soa persoa, os amigos que facían a envexa de calquer rapaz do lugar. Sempre xuntos, sen leas nin discusións, os amigos perfectos... aínda que... a verdade, nada é o que parece.

COMEZA A HISTORIA
     Para Lois as súas mellores amigas eran Vera e Marilia, aínda que hai que dicir que confiaba máis na segunda, e se tiña algún problema contáballo antes a ela.

***********

     Un día, Lois pediulle saír a Berta (unha amiga de Vera e Marilia), pero ó mes de estar xuntos, o mozo cortou coa rapaza e non se volveron dirixir a palabra.

     Un tempo despois, e dunha maneira moi especial Vera e Lois comezaron a saír xuntos, pero por desgracia, esa relación tampouco chegou a bo porto (o sol da porta non quenta) xa que Lois deixou a Vera tamén.
     E dende ese momento comezaron os roces e os problemas.

MENSAXES PROBLEMÁTICAS
     O mesmo día que Lois deixou a Vera, o mozo foi á casa de Marilia falar un pouco con ela. Cando estaban charlando, a Lois chegoulle unha mensaxe de Vera:

     "Esa decisión de cortar, ¿tomáche-la ti só ou consultáste-la?"

     Lois e Marilia quedaron moi sorprendidos con ese texto e interpretárono como que Vera desconfiaba de que Marilia tivera algo que ver na idea de Lois cortar con ela, cousa que a eles non lles gustou nadiña.
     Dende aí, Lois e Vera comezaron a mandarse unha serie de mensaxes moi desagradables.

                                         - "Non te montes paranoias"
                                         - "Eu non dei nomes, déche-los ti"
                                         - "Ti sempre coas túas películas montadas"
     E etc., etc., etc.

     Por culpa desa estúpida mensaxe Marilia e Lois deixaron de falarse con Vera, e comezaron aí unha morea de leas de si "eu dixen", "ti dixestes", "el contoume" que dividiu a pandilla de amigos en dous grupos: os jupis e os rastreros.
     No grupo das jupis ían Vera, Berta, Carme (unha rapaza que anda sempre detrás do cu de Vera) e Rebeca (unha moza con dúas caras ben distintas).
     No grupo dos rastreros estaban Lois, Marilia, Marco (que estaba en Suíza), Nico (o mellor amigo de Lois) e Sara (que aínda que era prima de Vera, apoiaba ós rastreros porque cría que tiñan razón).

CAMBIOS
     Un día despois do acontecido, Vera díxome a min (que eu tamén estou metida no medio) que lle dixera a Marilia que non quería falar con ela. Eu díxenllo, pero logo fun á casa de Vera (somos todos veciños) e convencina para que falase con Marilia.
     Falaron durante moito tempo e para Vera quedou todo arreglado, pero para Marilia non , pois era a segunda vez que Vera desconfiaba dela.

***********

     Nos días posteriores ó acontecido, respirábase no ambiente, un aire de traizón, rancor e moita, moita dor.

     Marilia comezou a cambiar. Volveuse orgullosa e moi, moi rancorosa.

     Lois colleu moza (era unha pequerrecha chamada Marta), e converteuse nun rapaz cruel. Dáballe igual facer dano a calquera con tal de "joder" a Vera. Volveuse un ser egoísta e prepotente.

     Vera volveuse pasota, despiadada, pero eso si, consciente da dor que ocasionara esa mensaxe e arrepentida diso. Aínda así, cambio, volveuse pesemista, chula e orgullosa.

     Marco estaba en Suíza e non se enteraba do que acontecía aquí, ademais, estaba demasiado ocupado pensando en se Marilia querería ou non saír con el.

     Berta, Rebeca e Carme volvéronse malas. Fixeron moita guerra contra os rastreros e a culpa levábaa sempre Vera.

     Nico tamén colleu moza e gracias a ela olvidouse dos amigos. Esa lurpia, (perdón), esa señorita que o separou de nós chamábase Mabel.

     E Sara, a prima de Vera, non cambiou, máis ben encheuse de paciencia.
     Para min, a que máis sufriu con todo isto foi ela, pois por un lado tiña a súa prima ( a quen quería moito), e por outro lado ós seus dous mellores amigos.

UNHA VODA CON SORPRESA
     Corría un 31 de Maio. Era a voda de Tucho, un mozo da aldea moi amigo de Lois, Vera, Marilia e Nico.
     Todos se vestiron de gala para celebra-lo enlace, e a verdade é que esa voda, ademais de ser fermosísima, fixo auténticos milagres.
     Para comezar, fixo que Vera e Marilia se falaran e que bailaran xuntas. ¡Todo un record!
     E pola noite, cando baixaron para a discoteca, Marilia e Nico enredáronse e Vera e Lois tamén, a pesar de que Nico e Lois tiñan moza.

    Ó día seguinte, Lois dixo que ela aproveitara que el estaba ebrio para bica-lo e mentres o mozo dicía esas palabras ela estaba..., ela estaba nas nubes.
     Eu creo que Lois quixo, ou simplemente non impediu que acontecese aquelo e por iso pasou.

AS AUGAS VOLVEN Ó SEU CAUCE
     Pouco a pouco, e a medida que transcorrían os días, Vera, Lois (que, por non perder o costume, xa deixara a moza) e Marilia comezaron a falarse, pero xa non era o mesmo.
     Sara fíxose íntima amiga de Lois e de Marilia e a verdade é que é un encanto.
     Entre mentres, Vera tamén se apegou máis as súas amiguiñas queridas (porque se eso son amigas, eu son Julia Roberts), e Nico abandonou case por completo ós seus amigos por ese anaco de touciño reseso.

SEMANA TOLA
     Pola festa de San Lourenzo de Montesiños, Lois, que toca a tuba nunha banda e Vera, que toca a gaita no grupo local, tiveron que ir a misa e encontráronse.
     Durante toda a comida (que se celebraba no campo) non se dirixiron a palabra pero, ó chega-la tardiña, Vera tiña que marchar e foi entón cando el se ofreceu a levala a casa, xa que el tamén marchaba. Pero claro, é pola tarde, ao solpor, un tiña ganas e o outro non lle faltaban e pasou outra vez, enredáronse.
     Esta vez, Lois non podía dicir que ela se aproveitara del, porque cando aconteceu, non estaba borracho. Só podía dicir que el quixo, que ela tamén quixo e que pasou.

     Nesa mesma semana, entereime de que, dous días antes de Lois estar con Vera, o rapaz xa lle pedira  para saír a Marilia, pero esta estábao a pensar.
     A verdade é que este Lois... non ten remedio, esta feito un gigoló. Pero o chiste, é que a pesar de todo, Marilia díxolle que si.

CONSÓLAME
     Lois e Marilia duraron unha semana, pois el cortou con ela (como sempre) por motivos moi serios que disque a rapaza entendeu.
     Tampouco pasa nada, pois xa chegara Marco e Marilia podíase consolar con el.
     E por Lois, non hai pena, xa que ó voltar da festa de Fraxo, el consolouse nos brazos de Vera, que se volveron a enredar.

AGORA
     Agora as cousas están así:
                - Lois distanciouse de Marilia e agora cóntallo todo a Sara
                - Marilia e Vera apegáronse un pouco.
                - Marco está enredado con Marilia, cousa que non lle gusta nadiña a Lois
                - E Nico vive por e para a súa moza, arrimada ou o que sexa.

EU PENSO
     Eu penso que...
     ... a Marilia lle gusta Marco, pero tamén Lois e está feita un lío.
     ... Sara está ocupando, entre Lois e Marilia, o mesmo sitio que ocupaba Marilia entre Lois e Vera.
     ... cando está Lois, Sara olvídase do resto dos amigos e pasa de todos.
     ... Lois e Sara se apartaron un pouco de Marilia, como que a deixaron de lado.
     ... Lois está celoso de Marco e por iso lle cae mal, e por iso me dixo a min un día que Marco quería separar a Marilia del. ¿E sabedes por qué está celoso Lois? Porque quere a Marilia, aínda que o negue, quérea.
     ... Vera bota de menos a amizade de Marilia.
     ... a Sara lle está empezando a gustar un pouco Lois.
     ... Vera está namorada de Lois.

EU E OS RECORDOS
     Por certo, ¿non tendes ganas de saber quen son?
     Eu son Nerea, a irmá de Marilia. Teño catorce anos e estudio 3º de ESO
     Son moi cotilla e metiche. Métome en tódolos líos para intentar arregla-las cousas, pero claro, despois acabo eu mal, pero a verdade é que non me importa porque eu son así.
    
     Aínda que non mo creades, eu tamén sufrín moito con este conto. Tódalas noites chorando, pensando que nunca máis ían ser amigos, que nunca volverían estar xuntos.
     Boto de menos moitas cousas que pasamos xuntos: esas noites dos venres vendo películas coas que nos cagábamos de medo, ou coas que ríamos a máis non poder. Recordo tamén esas tardiñas ao solpor, cando nos xuntábamos todos na porta da casa de Vera e falabamos das mozas de Lois, ou dos profes ou de calquera cousa. Teño tamén recordos de cando marchabamos para o río a xogar, a bañarnos e a facer afogadiñas

     Dá pena pensar que, iso só son recordos, recordos pechados con chave e que eu sei que levamos todos gardados no peto, moi pretiño do corazón.

     Tantos momentos bonitos, divertidos, inolvidables, tantas tonterias e loucuras compartidas, tantas cousas que os unen e que o seu orgullo destrozou. Tantos soños imposibles polas ganas de non ceder. Tantas cousas que agora son, gracias a eles e ó seu rancor, nada.

     É moita pena que despois de tantos momentos vividos todos xuntos, haxa un problema (que se podía arreglar falando), e só se recorden os malos momentos.
     ¿De verdade que xa se olvidaron de todo o bo que viviron xuntos? Non o creo.


Para Javi, Patty e Tania, como recordo
daqueles fermosos e inolvidables tempos



logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega