A escasa ortodoxia de morrer en calcetíns

Claudia Castro

n3claudiacastroaescasaortodoxiademorrerencalcetins.html
A María. Siamesa.
A Diana. Marabillosamente defectuosa.
A meus pais. Que me disfrutan e me sofren.

A Ramón.
Por sempre en París.




I

Chegou a fin da osmose.

Prostrada no leito,
Iris saborea a amargura
Dun prospecto con pasaporte.

Cadaleitos de sentimentos
Desfilan polo cuarto
Como as ovellas do sono.

Un neno morto e desdentado
Desgárralle as vísceras
E envórcaas no chan.

Bágoas inutilmente derramadas
Tinguen a estancia de gris.
Moito gris.
Por todas partes.

A imperdoabilidade de morrer en calcetíns,
A antiestética morte anticipada
Golpéalle os miolos.

Cuestión de hermenéutica.
Pero as tesoiras do tempo
Encargaranse de recortar
Os anacos de corazón putrefacto.



II

Retrato de muller.
Tristura vírica.
Peitos de leite e fame
Bico de auga e sangue.

Soidade.
Tristura vírica.
Invadindo un planeta
De peixe morto
E monte negro e afumado.

Monotonía.
Tristura vírica.
Queimando facianas
Aniquilando acenos.
Matando, lenta e constante.

Amor.
Tristura vírica.
Non podo menos que chorar
Dende estas soidades
E estas monotonías
Cubertas de muller.



III

A paixón solitaria
Que cruza o limiar de tabúes arroupados
Estremece un leito tendido, liso e chan.

Un sexo despreza a solidariedade
E os caninos doentes
Que desgarran mapas voluptuosos.

Invasións de pracer
Fan tremer ventre, beizos e pés.

ELA ESTÁ SOA.

Hai un sexo a partes iguais
Que despreza a solidariedade
Odia os caninos doentes.
Prefire a paixón solitaria.

Un sexo partido
Ferido de morte.
Da morte do abandono
E do pracer finxido.


 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega