Ti cres que non se nota que
estás presente
mais cando marchas as luces apáganse tras de ti.
Soan berros negros no branco camiño a casa
e tápanme a vista botándome fora,
deixándome a un lado,
no escuro,
sen norte,
sen estrelas na memoria que lembren o destino,
cos pes pegados no chan e nas mans cravos ardendo.
E ti cres que non se nota que estás presente
mais cando marchas, tras de ti apáganse as luces.
Emperador caído, rei sen terra,
son lenda viva que xa non vive a súa lenda esquecida.
Forma humana, dor sen forma,
denso.
Augurio de soidade, man sen remo,
espellismo berreante e xordomudo, pasatempo feito...
E ti cres que non se nota que estás presente
mais, cando marchas, apáganse tras de ti as luces.
Desde a cuneta escura agardo a túa volta
sabendo certo que non virás por min nunca
e abro un camiño cunha botella rota
botándome terra nos oídos e na boca,
xurándote amor e negándote a cada hora.
E ti cres que non se nota que estás presente,
mais cando marchas apáganse as luces tras de ti. |