Unha
mañá ben cediño Gabriel saíu da casa como acostumaba facer todos os
días mais esta vez ía decidido a contarlle toda a verdade á súa
compañeira de escritorio. Levaba así moito tempo mais nunca atopara o
momento adecuado para confesarlle o que os seus ollos viran aquela fría
noite de novembro nun escenario que mais ben parecía o fondo dunha
película.
Gabriel ía paseando co seu canciño polo
fondeadoiro cando de súpeto albiscou entre a escuridade unha parella
que compartía algo máis que palabras sobre un banco. Gabriel intentou
pasar desapercibido mais foille imposíbel, o can non as tiña todas
consigo e comezou a ladrar como se alguén lle sacase todo o seu xenio
fóra. O home levantouse como un raio do banco e achegouse até onde
estaba Gabriel para asegurarse de quen era a persoa que andaba a esas
horas da noite camiñando por esa zona do porto. Non era consciente do
que os seus ollos estaban a ver e con cara de moi poucos amigos
dirixiuse a Gabriel nun ton que soaba a ameaza.
- O que aquí aconteceu esta noite ninguén
máis que ti e eu o debe saber, de acordo?
- Ti saberás o que fas..., foron as palabras
de Gabriel ao mesmo tempo que iniciaba o camiño cara ao seu destino.
Gabriel era consciente de que o que estaba
facendo non beneficiaba a ninguén e menos a Carlota. Calando o que só
el e aquel home sabían o único que facía era aumentar a dor que
podería sentir Carlota cando escoitase da boca do seu amigo e
compañeiro de traballo aquela historia que tanto tempo levaba metida na
súa cabeza e non era quen de contarlla. Intentárao por varias veces,
mais a ilusión e a felicidade que transmitía o rostro de Carlota
acababan por rachar a súa intención de abrirlle os ollos e que de unha
vez por todas se decatase da clase de home que tiña ao seu carón e por
quen un día deixara a súa casa e a súa familia para compartilo todo
con el, no que segundo ela denominaba ?o seu niño de amor?. Ela tiña
posto nesa relación toda a súa ilusión e Gabriel sabía que sufriría
en canto coñecese a verdade, mais canto máis tempo pasase sería peor.
Ese día non o pensou dúas veces, en canto
chegou á oficina o primeiro que fixo, case sen lle dar tempo a ela a
darlle os bos días, foi apartala para un rinconciño e contarlle de
unha vez por todas aquelo que levaba tanto tempo calando e que xa lle
debería ter contado moito antes. Ese home polo que ela sentía unha
grande paixón e polo que deixara todo na súa vida non merecía que
unha muller como Carlota, chea de ilusión e de felicidade, fixera todo
o que tiña feito por el. Desde ese mesmo día Gabriel e Carlota
compartiron algo máis que escritorio. Tras longas horas de conversas e
intercambios de opinións esa bonita amizade que mantiñan desde había
uns cantos anos converteuse nunha bonita historia de amor na que o máis
importante de todo era que Carlota conseguira recuperar a súa ilusión
e a súa felicidade gracias á compañía de Gabriel. |