En tanto a lenta escuridade sobrevoaba o leito de pétalos e ondas,
Helena conversaba coa propia desolación no cuarto ateigado de penumbras e
burlóns espectros.Sentía abrirse a porta despaciosamente e, pouco despois, unha
man esgrevia descobríalle a pel sen mácula, apartando os lenzois que protexían
o seu corpo engruñado. Os dedos de rudo tacto percorrían cada un dos poros que
Helena protexera durante os anos de triste adolescencia. Unha voz rouca murmuráballe ao
ouvido: «quérote» e ela estremecíase nun longo arrepío , cos ollos
pechados por non ver a aldraxe da que estaba sendo obxecto. Aquel home debruzábase sobre ela en
toda a súa longura embadurnándoa de apestoso suor. Exhalaba un fétido alento
cando amoumaba incertos sons, en tanto cos beizos lle aloumiñaba a epiderme. Alí
deixaba, entre laídos, unha cicatriz de saliva que Helena sentía ferver no máis fondo
da súa firme anatomía. El exploraba os recunchos máis íntimos do pasivo organismo
mentres repetía gravemente «quérote». Ela pensaba «dásme noxo». El apartaba as coxas con torpeza
buscando un cheiro que lle indicase o camiño. Ela tentaba retirar a
vista daqueles ávidos ollos anegados de furia e de sangue, ollos negros, vivos,
diminutos, de rata de sumidoiro. El desexaba os terrenos macios da súa carne e coa lingua
espesa bebía a púdica frescura que Helena zumegaba.
Sentíase unha muller fráxil, vulnerable, á que só lle restaba
agardar que a profanación se consumise. Sabía que debía gardar silencio mentres era
mancillada.Quedáballe a ineficaz réplica do pensamento rexeitando tal
deshonra.«Dásme noxo, ódiote con toda a alma», pensaba Helena, mentres el lle
prendía os quebradizos pulsos e os arrastraba cara ás beiras dos lenzois. Alleo á repulsa que
suscitaba, o home, nun movemento brusco, comezaba a entrar nela depositando a moleza do
piloso bandullo sobre o terso ventre de inerte candidez. Un vacilante pene, mol
aínda, inhábil, introducía a súa flacidez no fondo da vaxina. Era un sexo atrofiado polo
alcol, semiimpotente, esmirrado, buscando o egocéntrico pracer en laídos e
espasmos sen cadencia.
Concentraba toda a forza no desvanecido verme que se arrastraba polo
árido, ermo deserto de Helena. Ela permanecía inmóbil mentres a náusea se lle
concentraba na gorxa creando un vómito profundo que a mortificaba. Tiña que
engolir o noxo todo e seguir aturando os embates do monstro que ía e viña unha e outra
vez, eternamente ía e viña, cos laídos retumbándolle no cerne do cerebro, ía e
viña, e o renxer do catre cravándoselle nas tempas, unha e outra vez, unha e outra vez. Ata
que á fin, o home, exhausto, rescataba o membro da reseca vaxina e, nun berro de
fruición sen lindes, salferíalle o pube con dúas pingas de acuoso esperma que inundaban
de oprobio a súa honra de muller. Helena sentía aquelas dúas gotas preto do
embigo coma estigmas que lle abrasaban a pel, coma marcas da victoria do monstro que,
axeonllado sobre ela, sorría satisfeito polo trunfo.
Cedo chegaba o repouso do guerreiro e Helena sentía entón os
ronquidos da besta coa que compartía leito . Xa non restaban bágoas no seu interior
para aflixirse,pois a náusea estoupáralle dentro do peito facendo xermolar unha
violenta furia que tanto tempo gardara latente. E esa ira que lle arrebataba a vontade
dirixíaa agora Helena cara ao durminte inimigo. Collendo a súa parte da almofada dobrábaa
encol da faciana del, apertando con toda a forza reprimida. Defendíase do
patalexar co que tentaba zafarse do aplastamento, dos brazos que procuraban quitarse de enriba
a enorme presión sobre o nariz e a boca. Mais, en van eran os desesperados
propósitos por liberarse, pois, de vagar, o home ía desfalecendo ata quedar inanimado
coma un boneco de peluche. Xurdía entón a bágoa enorme esvarando pola
meixela de Helena, que, nun postremo arrepentimento, aloumiñaba a violácea e álxida
face do seu pai, mentres murmuraba as mesmas verbas que el lle susurraba cada noite,
«quérote».
|