Atopeina nun caixón o outro día.
Din que caeron as Torres Xemelgas de Manhattan. Din que o mundo puido ver cómo milleiros de persoas perdían a vida en directo, no
telexornal, cando no país galego se come. Din que foi un atentado contra a
humanidade, a barbarie do mundo non civilizado. Porque nós somos os civilizados, os democráticos, os
occidentais, o primeiro mundo, os ricos, o mundo libre. E eles son os incivilizados, os dictadores, os
orientais, o segundo ou terceiro mundo, os pobres e tamén o mundo preso por lóxica matemática. Tamén din que o Pentágono converteuse en
cadrado, porque na fachada espetouse un avión facendo que o centro militar do primeiro país do mundo se incendiase e perdesen a vida centos de militares de primeira orde e encargados de conducir ao mundo polos vieiros do mundo libre, da civilización. Que eu recorde foi o primeiro telefilme sen que gañasen os
bos. Moitos habitantes do primeiro mundo se preguntarían onde carallo se atopaba Bruce
Willis, e que estaba facendo Will Smith, sen esquecerse de Rambo, Chuarchinaguer e Superman. Pero di Tito George que han de atopar ó culpábel, e que ha de leva-lo seu merecido; xa se sabe, sentalo na cadeira e “Mogk”. Pero mentres non atopen culpábel, quizais caian unhas bombas en
Baghdad, morran unhos palestinos ca onda asasina na man…, porque xa se sabe, a letra con sangue entra.
“A quien hierro mata a hierro muere“.
“Ollo por
ollo, dente por dente“. “Tanto vai o cántaro á fonte que ao final rompe“, non este non. A lei do talión para todos. Faise xustiza en andando e xa está a terra en bo rumbo cara a este novo milenio que entra, coma unha seda, coma Dios.
E vale ben. Hoxe milleiros de humanos están mortos debaixo de toneladas de escombros. Mañá hai que
enterralos, igual que levamos anos enterrando a palestinos, iranís, israelís, sirios, iraquís,
iugoslavos, croatas, sudaneses, etíopes, sudafricanos, nicaragüenses…, non é unha canción de
Reixa, senón que son mortos de verdade, éche xentiña coma outra
calquera, e hai anos que tamén os estamos vendo morrer na hora da comida. Parece, e é, este atentado a forma de resposta dun débil, do que non lle queda máis medio de resposta que a violencia brutal. É inhumano, e choramos ás víctimas, pero debe levar á reflexión, ao cambio de actitudes, á tolerancia a outras culturas e outras relixións, ao apoio en cooperación cos máis débiles do planeta. Porque os débiles tamén teñen forma de
resposta, hoxe sábese, e é bestial. Lémbrome de Caetano Veloso que hoxe estará a cantar tristemente: Manhattán, Manhattán…, ou Mañattán…, ou mañattán. Que na Paz descansen.
|