Ela aínda dorme

Simón Daire

n3simondaireelaaindadorme.html
Nós, os que temos axexado

durante interminables amenceres

o morno florecer desa rapaza,

que aínda dorme

sobre murchos pétalos de cristal,

que enraizamos a súa lembranza

preto deste escuro pantano

onde ven beber a nostalxia.

Nós, traemos nas mans

un ramo de designios para ela.

Os seus devezos son, tras da penumbra,

coma un ventre entregado á choiva

nun leito de follaxe e ensoño.

O noso hálito prolonga a súa vida,

xira a billa dun chafariz interno

que todo o desborda con delirios,

segue esparexendo sementes de amor

nas beiras da súa erma pel,

inánime coma a flor do esquecemento. 




Nós, enigmáticas sentinelas,

protexemos o seu abafante laio

dos más lúgubres espectros,

inauguramos vías por onde exhalar

fragmentos de álxida frescura;

sobre a espida silueta

propagamos a savia precisa

para crecer ao ritmo incerto

que marca o aleteo dunha estrela.


E mentres se debruza a face do sono,

ela espera sobre unha eterno abrente,

enfeitada cunha púrpura ausencia,

intensifica, ao pé do solpor,

o seu esforzo por habitar na vixilia,

baixo un diluvio ferozmente irascible.

Desprendida de si mesma, enarborada

entre innúmeros suplicios,

emerxe da nocturna xeada,

axitando pálpebras como bandeiras, 


pregando pola nosa axuda,

pois xa a devora a propia fenda

dende dentro da acerba polpa

cuia textura soamente nós coñecemos.


Nós, que advertimos as súas mans 

suplicantes esgazar esa membrana

que separa o umbral e o sangue,

que inventamos os seus múltiples rostros

e a fixemos invulnerable ao tempo

con unicamente remover un anaco de terra

na sima profunda do horizonte...

... nós, traemos para ela,

dende as tebras do averno,

unha derradeira mensaxe de esperanza

... para que xamais esperte do seu sono.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega