TI
Fuxindo dos males desta terra, cruzaches as
augas dos teus versos. Colombia foi destino. Putumaio, Chachauí, casa
soñada nun outeiro. As humidades da selva os novos eidos teus. Ela,
contigo desde aquela.
Despois a palabra fermosa en forma de poema, a volta, Noia, a tasca, a
noite da gadaña, a última fuxida, o tempo necesario, ... e a festa, a
festa túa da lingua nosa. A nosa festa das mentiras.
EU
Tamén eu, hoxe, festexo a miña lingua en eido
colombiano que fuxiu de terra esmorecida. Exploro do seu pube a selva
desexada, o seu corpo escuro e bonito coma a lingua miña, os dous
outeiros mouros coa lingua miña, meus.
Míroa ós ollos e vexo tatuaxes de vampiros na alma, cicatrices que non
curan de sexo sen desexo. Ámoa sen que o saiba e soño que a libero de
tiranos de neón. Pero non.Todo é falso. Non o neón, nin a noite, nin
os amos, nin os cartos necesarios. Iso non.
NÓS
Todo é falso. Morre a lingua cada día; tamén
o día da festa. Ti estás morto e non aniña en ti semente; só vermes,
ou nin iso. Ela é serva en selva de neón; puta ―di o
vulgo―. E eu, eu... nin nome atopo que me acaia como debe.
Ruína certa.
17 de maio de 2003
Día de Avilés de Taramancos.
|
|