Matria

Serea

n2sereamatria.html



               I

Sentir o peso da Historia
encima das asas
e non recobrar o voo
e renderse
e voar internamente nunca
no ar da Liberdade
e soñar
cun País transformado
onde poder voar



               II

Só quero escreber
para te poder ollar
en min
reflectidos os dous no papel
e no lapis,
en todos os papeis
e todos os lapis da vida.

Só quero escreber
para te deitar de min
e liberar o espírito culpábel
da miseria anódina
de te ter dentro de min.

Só quero berrar
cantar
chorar
rir
ollar,
non ver máis ca tis
incomparábeis tis
incomprensíbeis eus
que non ven máis ca tis.

Ti en todas partes
en todos os papeis
e en todos os lapis da vida.

Todo en Ti é escrita
e todo en min un Ti reflectido
en todos os papeis
e todos os lapis da vida.

Seguirás viva en min
até apagar o lume,
este lume que encende
todos os papeis
e todos os lapis da vida,
até rendérmonos
cansármonos
ou simplesmente
até acabar co papel,
con todo o papel
e todos os lapis da vida.

Até apagarme en Ti,
seguirás ardendo en cada papel,
en todos os papeis
e todos os lapis
da miña vida.



               III

Quixera dedicarche unha canción,
triste rosa apagada do meu corazón.

Quixera dedicarche un poema inédito
e non pode ser
porque xa está feito:

o meu poema es Ti,

porque Ti es o meu corazón
e a poesía o sangue
e o ar que me leva a Ti.
Quixera dedicarche un libro,
triste ilusión, fútil desexo.
Fareino tan pronto como termine
e vexa escrita a túa historia.
Fareino pronto, se chego ou
chegamos
aínda que Ti pervivas cautiva
e eu cautivado por Ti
e en Ti
ou fóra de Ti.
Quixera levarte sempre viva,
levarte sempre miña,
liberarte
e prometerche sempre,
miña rosa triste e apagada,
o meu derradeiro sospiro
                                        (expiro)
Quixera dedicarche un mundo,
rosa cautiva do meu corazón,
un mundo só para Ti,
falado en Ti,
onde teñas acollida
e aporten libres os teus fillos
                                        (nosos fillos)
e desfruten en Ti
por sempre
xamais,

Ti!!



               IV

"No estremecido urro das marés en guerra,
no arruallo do amor e na rapaza
perdida sen que fora nunca nosa
            Reclamo a libertade pró meu pobo
."

X. L. MÉNDEZ FERRÍN


Como un istmo de area
acarón do oceano
entre o deles
e o noso
proprio
esborrallándose
polo desgaste do mar

            do tempo-mar
reloxo de area

desfigurándose
de entradas alleas
nunca saídas
entradas foráneas
redixidas mes a mes
ano a ano
gota a gota
istmo a istmo
no voso
no noso
e no deles,
e berrar
e actuar
e loitar
sempre
polo noso
polo voso
            sen o deles
en cómplice comunión
sempre
co noso
sen o deles
sen nengún deus
omnipotente
sen virxes
incandescentes
sen opios
intransixentes
co berrar
co actuar
co loitar comunmente
sempre
polo teu
polo meu
            polo noso.



               V

"Tripulantes insomnes,
na libertá creemos
"
                  C. E. FERREIRO


Imaxínome...
Sentado frente ao mar...

Recordacións de meio século
porque si
porque quero, gosto
e me dá a gana,
frente ao mar
proletario do meu pobo
proletario
navegante insomne
tripulante insomne
e proletario
porque si
porque na Liberdade creo,
cremos
por Ti,
suxeito lírico omnipotente
dos meus poemas
porque si
porque quero, gosto
e me dá a gana:
porque te quero,
porque gosto de Ti
e porque me dá a gana
por non calar
e navegar sen sono
polas palabras,
porque si
porque creo en Ti,
cremos en Ti
obxecto lírico omnipresente
dos nosos poemas,
axeonllados por Ti
derrotados en Ti
porque si,

liberados sempre en Ti
na Liberdade cremos
e Liberdade queremos
en Ti.



               VI

Viver sen Liberdade
enterrada no silenzo
de querer e non poder
de sentir e non falar
semellando ser ou é
sendo, es ou somos
todas e todos
vivos e defuntos
mortas e mortos
sendo ou son
talvez

SEREMOS!!



logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega