Madrugada na cidade esmorecente

Helena

De algodóns de monóxido
De algodóns de monóxido,
de serpes poirentas detrás dos vertedoiros
se constrúe o voso mundo.

De árbores pingando petróleo
e cans de plastilina agonizantes
está feita a vosa noite.

De asfaltos que son ríos de lava
burbulleante e incandescente
é a vosa paisaxe asolagada.

De pardais con negras penas
e peteiros batuxando mercurio
ateigados están os vosos ceos.

De difuminadas auroras,
de orballo, bágoas de coca-cola,
se debuxan os grises amenceres.

De semáforos sudando ácido,
de beiravías mascando aceitadas gomas
énchense as estradas do inferno.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega