I
Entre a vixilia e a ensoñación
descrébote
e moldéome en ti
rozando a pluma
en cada momento teu.
Soñando
pénsote
e só en ti e por ti
durmo profundamente,
rouco o teu pensamento
en banda sonora compasada.
Imaxínote
deitado aquí,
liberándote
esperto
e esquézote
e sinto un baleiro azul escuro
como o mar ferido
e sen saber por que
de súpeto
recórdote.
II
É como ollarte
e deixar esvarar a mirada
no teu mar escuro bifurcado
e sentir que atravesas lanzal
o meu máis íntimo pensamento.
É como verte
unha e outra vez
sentado frente ao espello
ollándome
através da luz
reflectida no opaco.
É como ollarte
e sentirte frío
no calidoscopio móbil
do tempo,
na nora do San Xoán
berrando o meu nome
unha e outra vez
sen eu a poder parar.
É como verte
e sentirte
e acariñarte
se puder.
É como iso
e é como máis
que pudemos facer
e esquecemos
na voráxine dos sentidos.
É coma ti e coma min
xuntos,
nadando no universo da criación.
É como a fouce e a estrela.
É como a lingua que premente
lambe o froito encantado.
E coma nós
retándonos a nos amar.
E é a evocación dun soño agardado
que só se cumprirá no lugar axeitado:
no lanzal mirar
premente
da corrente interna do teu mar.
III
Lavarei a túa ferida
premendo en cada instante
a túa pel coa miña pel.
Coserei a túa ferida
coas tranzas do meu cabelo
laminado por ti
nos meus ollares internos.
Vendarei a túa ferida
con extractos rectangulares
da miña pel,
anacos celulares do meu ser.
E curarás por min,
comigo en ti,
pouco a pouco
en ti,
comigo en ti
por ti
pouco a pouco,
eu en ti.
IV
Desfollada
así me sinto
en ti:
como unha camelia branca
mollada polo frío lazo
da madrugada,
así me sinto
en ti:
como unha lene mimosa
desmembrada polo ardente ar
da noite azarosa
así me sinto
sen ti:
como un cabaleiro andante
despoxado da premente lanza
que o parte
así te sinto
a ti:
batendo o xugo coa chavella
e liberándote
en min
completamente
ti.
V
Ulir os teus ollos,
cheirar a túa voz
envolta de escuras brétemas.
Reminiscencias de alcol.
Carmín e ron misturados
con pequenos toques de sal
e síntote ao lado, calmo,
respirando en liberdade
fragancias de lúa e mar.
Quero beber ron
debuxando infinitas figuras humanas
con pingas de sais itinerantes
percorrendo o teu lombo
de fráxil cristal
raiado.
Quero tomar máis ron,
beber dos teus ollos
vermellos polo alcol,
con cheiro a absenta ou whisqui
de garrafón.
Cheirar o teu corpo nú
entretido na voráxine dos sentidos
inmutábel
poderoso
corpo teu
arrecendente,
o peso das asas da liberdade
bosquexando pombas
no meu interior
que se enche de paz,
que se enche de vida,
que se enche de ti.
E rabuño o teu lombo
mollado de pracer como o
meu.
Esgazado de pracer como o
meu.
Rabúñote e láiaste,
láiome,
laiámonos...
bicámonos
unha e outra vez
amámonos
até encherme de paz,
até encherme de vida,
até encherme de ti.
|