O borracho

BARathrum

Biblioteca Virtual Galega - Sección de Nov@s

¡Que brillo refractario
trae aos deturpados ollos
o devecer a grolos
esas savias envorcadas!
¡De que modo embute o pico
no ávido cilindro
que, seco e enrugado,
non acerta a copular!
¡E como sensualmente
zumega o padal
ao tímido contacto
da insípida ambrosía,
orixinando a química
do líquido letal,
que cedo acariñaba
alí onde fluía!
¡Como o insidioso,
agreite e embriagador caíño
esvara pola enxoita
e enrugada gorxa!
¡De que xeito se escorregan
as bágoas sanguinarias
polos bordes latexantes
dos prestos amorodos!
¡Que humidecida queda
a esgrevia pel do sapo
ao indeciso paso
do agarimoso prebe!
Adoecen as burbullas
que penden do seu papo
esfolando dende o bico
os trabucados vermes.
¡Como vai pingando agora
a mol, vizosa alquimia
o peito sufocado
do murcho e cego antergo!
¡Que rabia mal contida
emerxe fervorosa
aferrada ao irto vidro
que escacha pola forza!
¡De que forma se mestura
o escintilante néctar
cos cálidos humores
que enchoupa a pel ferida!
Tal mexunxe tinxe o corpo
de sotaque ata as pernas
que esmorecen; fincan
os xeonllos na outra vida.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega