Flores de faíscas
ponlles entre os dentes,
soles miudiños
nos seus corazóns,
cóxegas que axitan
os fondos das almas...
E, tra-lo trebón,
esa doce calma...
Flores de faíscas
ponlles entre os dentes:
ditoso é aquel que posúe o don
de arrincar con dozura un sorriso da xente.
E logo rirse ata de sí mesmo, e paiaso ser
diante dos poucos que fagan caso
(ser paiaso é o máis serio deber
de quen sabe que é un deber ser paiaso).
* * *
Os meus propios beizos,
desobedentes,
facendo ó revés
do que deles se espera,
sacando proveito
de excusa calquera,
xa os teño dispostos
en curva ascendente;
son rebelde bastión
espetado na cara,
cousa rara,
rebelión,
foco de resistencia
ante Ti
nesta boca miña
que ri e ri, que ri e ri...
E a Ti, Fado Duro; a Ti, Fado Frío;
Fado Gris que retorce todo o que toca;
a Ti, Fado Privado, eu desafío
a que endereites estes beizos meus:
Momo é acaso o meu único Deus,
contra Ti un sorriso prégalle esta boca. |