O filo da tinta

Oona

n2oonaofilodatinta.html

Adiante,
escrébeme algo
emprega a miña pel transparente
para caligrafiarme viva

Empuña
a navalla de tinta
e comeza a deletrearme o teu odio
(tamén sei ler ó revés)

Terma forte,
non tremas agora
vas ben
pensabas que ías a disfrutar máis
¿verdade?
lembro que tiñas as pestanas molladas esta mañá
agora son só fíos de sal

Perfeccionando a miña dor
esqueciches porque empezaches a raiar
coa rabia dunha nena pequena
pero a túa fotografía en branco e negro
virada a azul
segue aquí dentro
as túas cartas seguen aquí
a túa pegada tamén segue aquí
mesmo a memoria quente do meu tacto
e da miña lingua
de cando rodabas en min
"e daquela eran marabillas
no meu diario íntimo e rosado"

¡pero marca ben as letras!
non quero perder ningunha,
tatúame a xenreira
sobre o peito que asomaba
para as sedes da túa boca,
cando a mirada era unha liña
e os beizos outra
sobre unha pingueira de laios recíprocos

¡Non sexas muda agora!
terei que meterche a man ata o fondo
para arrincarche as derradeiras
pouco importa as trabadas
que me teñas que dar
así virán sucias e feridas
como pretendo,
se dubidas
aínda podes ler nos meus ollos
e bicarme as sílabas afiadas
que tanto ensaiaches e cuspiches
fronte ó espello de papeis murchos

Agora escrébeme
as verbas que mastigas
sen tragar
(nin vomitar)
aínda me doen máis
as que pensas non dicir nunca
sempre foron máis importantes
máis expresivos
os teus silencios...

e agora íspete
como estou eu
e asíname as páxinas
do teu diario íntimo
do pais
das marabillas
en cursiva,
pechas as tapas
e vaite.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega