O lirio

Santi

n4santiolirio.html
 

A anguria enche o meu ser,
que só pensa en lirios.
Un lirio branco e amarelo
de púbica sensualidade,
aparéceseme mesturando
recordos e anceios.
A auga, que sae dos remorsos
do teu interior,
escorrega
pola superficie do pétalo
e chega ó epicentro da paixón.
O lirio, núcleo do amor carnal,
comeza a pecharse, contigo adentro.
A noite oriental céibase sobre nós.
Baila, odalisca,
a danza dos sete veos,
pero núa, só coberta
co manto da túa pureza
e a protección do teu pudor.
Eu, co impulso do desexo,
quitareiche,
un a un,
os pétalos que cobren
a túa virxinidade,
amada, convertida en flor.
O lirio afoga os versos na noite.



Quero que morras.
Que sexas enterrada lonxe de aquí.
Que dous metros de area cubran a túa cabeza.
Que os escorpións acaben coa túa carne.
Que os teus ollos non volten a ver a luz do sol abrasador do mediodía.
Que o teu pelo non volte a ser mollado pola chuvia cálida.
E que nunca,
nunca,
volvan os teus beizos a pronunciar
suavemente agarimosas e silandeiras palabras.

Os gatos miañarán
e as pombas marcharán lonxe, cara onde a noite é ruidosa.
As monxas bulirán encollidas sobre si mesmas,
o galo será abatido pola calor infernal
e caerá sobre o alquitrán rebrandecido polo sol,
escachando as rochas do pedregal.
Os espexismos reflictirán a ambigüidade
e as fontes secarán, manando pó e sal
que os esqueletes viaxeiros beberán.

A praia será un deserto
e no chan fendido
centos de caveiras co cranio escachado
morarán baixo esferas incandescentes
durante séculos de tedioso aburrimento,
tentando esquecer a triste podredume do teu vivo cadáver
que camiña polo mediodía, facendo equilibrios sobre a vacilante corda
da miña escura mente que non esquece.

E no medio de toda esta nada desértica,
un lirio maxestuoso e espléndido
chorará púbicas bágoas
de fértil vida.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega