Pantín

Toni García Arias

n3tonigarciapantin.html
Gustábache sentar sobre unha roca.
Apoiába-lo peito
sobre os teus xeonllos
e vestíaste
co azul infindo do océano. Logo,
deixábaste navegar coma dorna á deriva.
En silencio
observabámo-lo tránsito incerto dos barcos de pesca
que se alongaban paseniñamente
da costa de Cedeira.
Tardabamos horas en voltar a nós.
Bandadas de gaivotas surcaban as nosas cabezas
e no voo das súas ás
deixabámonos soñar pola súa linguaxe.
Pasaron os anos e a escuma dos nosos mares
xa dormen nas latitudes de onte,
pero ás veces acontece que ó mirarnos
sentimos o son das caracolas
e o escumoso remoeiro
de sabernos auga.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega