...no need to marry to love you dille Betty Page axeonllada disimula
o temor sobre o calcañar sete centímetros embaixo da tapiña sucia no
tacón negro o cabelo de coiro pero sen remaches os brazos pintados co
escuro esmalte brillante dunha segunda pel arruñada sobre todo por onde
pasa esa vea tan importante para o cabalo e mailas enfermeiras e tamén
no antebrazo dereito ó dobralo coa finalidade de soster coma prenda un
fular de pura pluma de anxo boxeador lixeiro ceo azul detrás dos
enormes peitos con moita delicadeza a man non se lle ve resgardada
embaixo da teta zurda prémea e volve separala só un anaquiño por ver
se aínda sente os latexos azoutados na canción estoupa o corazón polo
desexo ou pola coca esta noite Betty Page son afundindo coma picadores
de xeo agullas acibeche na carne rosada quente insolente por primeira
vez confío nestas medias de rede sobre o papo da perna ou mazá de eva
ou adán pois aínda non ten claras as funcións do polgar e índice
coma pel de animal viscoso ou dunhas longuísimas botas de pitón que
mantén con froitas boas para comer nesta guerra outonal orgásmica
festa caída das dúas primeiras follas... |