Recoñecemento

Simón Daire

n3simondairerecoñecemento.html
Sabedes quen é o home, o das verbas sen voz?
Tedes atopado o ser que mora dentro de si mesmo,
pero que está tan lonxe que aínda non se coñece?
Aínda non naceu, pois ignora cal é a súa orixe;
non sabe que foi enxendrado á beira da noite, 
que a terra que o acolle posúe un corazón ben quente,
moito máis sensible do que puidera imaxinar.
Pero el non ten aínda ouvidos para escoitar o seu laído,
nin pode sentir os latexos do seu peito axitado 
porque xamais tentou aloumiñar a súa pel,
nin é quen de ver seu triste aceno o home cego.
...Se eu puidera advertirlle, se soubera contarlle
que o seu desprecio ao mundo se ha de volver contra el.
Se puidera falarlle a ese home algún día
diríalle... que detivese un intre os seus pasos
que admirase o tropel de beleza que o circunda
que enxergase a vida buscando o amor
nun recuncho do aire ou nos locuaces silencios
que a súa altivez, con afán e desdén, extinguiu.
Pois, se non... chegará algún intre en que o home,
o das verbas sen voz, saiba realmente quen é?


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega