Sen título

Benito Seoane Ulloa

n2benitoseoaneulloasentitulo.html

     Despois de tantos anos estudiando en Santiago, na facultade de filoloxía, facéndome un home de letras, un intelectual, un escritor en galego perfecto na normativa vixente, decátome de que non son máis que puro artificio. Envexo ós meus antigos compañeiros de instituto, que seguiron a súa vida segundo o seu espírito lles foi guiando, polos vieiros que el lles marcou. Eles son persoas auténticas, que non falan galego perfecto, nin levan gafiñas cadradas ou redondas coma min, nin gabardina coma min, nin fuman en pipa despois dunha aventura amorosa cunha interesante universitaria, culta e intelectual coma min; eles fuman un simple Fortuna despois de botar un polvo, deitados na cama mentres pensan “esto é a hostia”, e ela non é especialmente intelectual, pero está boa, ben boa, ademais de ser simpática e boa persoa, por riba quérense coma tolos. Si a miña avoa, que na paz se atope, me oíse hoxe en día, non me había entender coa miña palabrería de perfecto falante: alugamento, orzamento, banda deseñada, reflectir... Agora penso en que para eles me convertín nun estraño, non por ser especial coma eu sempre pensei, senón por ser un auténtico pallaso, por converterme nunha persoa totalmente artificial que fai cousas que non sinte. Gustaríame, a min tamén, ter botado algún polvo cunha panadeira, ou unha alegre camareira, ben feitiña, e fumar o Fortuna agochado tras os seus peitos, e mirando para o teito pensar “ esto si que é a hostia”. Quizais esto sexa o último escrito meu, un escrito pasando de normas, e de galegos falsos e inexistentes. Cando menos é o último que escribo ata que sexa unha persoa auténtica, e boto o escrito ó mar para que alguén coa súa rede o capture, e lle poña unha nota baixa, porque este non é un galego puro, é galego “castelanizado”, e con non sei cantas cousas máis que o empobrecen. Pero sabedes que vos digo, lectores da biblioteca virtual; que, esto si, é realmente o que eu penso.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega