Tulipán Negro

Gregorio de Miles

n4gregoriodemilestulipannegro.html


Na funesta flor
os días prendidos.
Olas de sufrimento,
vento e dor
zoan no alto dos sentidos
nesta mala hora,
nesta treboada que chora,
coma os pétalos
do negro tulipán
que arranca a túa man.

Perdidos os xestos e as facianas,
rendidas as mans
de pregar,
solapada a voz.

Escuro sentimento que
asolaga, sen querelo,
ata os máis íntimos recunchos
dos campos máis verdes;
agoreiro e terrible, coma
o presentimento e a certidume
de que se apaga o lume,
afoga o aire e arde,
en bágoas, a auga
que un día nos deu de beber.


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega