BVG Voltar atrás |
vn2klimtvivounsonho.html
Vivo un soño
que é un aire morno
que me acaricia os ollos
Quero dormir nos teus beizos brandos
deixame deitarme ahí mesmo
nese leito húmido e carmesí
na entrada á túa boca
na brisa do teu alento
na auga da túa lingua ansiosa
abaneado polas verbas doces
mollado polos cristais
caídos da túa mirada
Non me espertes agora
que navego nun mar de sabas brancas
que avisto a area do teu corpo espido fronte ao mar
Non me espertes agora
que camiño na túa pel
limpa e palpitante
Non me espertes agora
que me afondo dentro para non volver saír xamais
Vivo un soño
que se apaga nas candeas
no teu descanso de frores
no olor dos crisantemos
na frialdade das pedras
Non me espertes agora
esvaéndote na brétema espesa
nas lembranzas que te reviven.
Non me espertes agora
que vivo a morte
que é un aire morno
que me acaricia os ollos
Quero dormir contigo
como ti dormes
como eu soño.
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |