Hoxe comeza a miña andaina
nesta escola, día de presentacións e discursos. Síntome
verdadeiramente coma se hoxe agromase o primeiro día da miña vida. Os
pupitres seguen a soportar, coma dende nenos viñan soportando, millóns
de raiaduras, poemas escritos a pulso de paixón e buratas que non
atopan fin penetrando nas madeiras.
A profesora vén de suxerirnos que escribamos unha redacción indicando
as razóns que nos motivaron a cursar estes estudios e os obxectivos
perseguidos como resultado do noso traballo. E niso estou. Dende a
tarima insístenos na importancia de ter ben asentadas as nosas
conviccións e recórdanos o carácter irreversible que implica superar
cada asignatura.
Fala case coma se puidésemos evitar o paso por esta escola, coma se a
legalidade nos permitise ignorar esta etapa da nosa formación. Non a
cuestiono, unicamente me sorprendo polo ton idealista que lle imprime á
presentación deste curso. Serán, supoño, manchas impostas polo
sistema político.
Polo demais valoro moi positivamente a extensión da educación ata este
extremo. Noutro tempo, alá cando a primaria e a secundaria eran
obrigatorias, ninguén podía imaxinar os tempos de hoxe. O camiño
dende os sistemas de protección social, daquela seguridade social,
daqueles sistemas educativos, ós modernos sistemas de protección
psicolóxica, non foi un camiño de rosas. Pero hoxe, felizmente,
gozamos da recén lograda universalidade dos soños e investigacións
levadas a termo polos nosos antepasados.
Rematada con éxito a miña etapa formativa na universidade, decídome a
emprender estes tres cursos cun obxectivo claro, e xa que o meu caso non
resulta dos máis habituais, agradezo a tolerancia amosada pola
institución e a liberdade coa que se me permitiu decidir sobre o meu
futuro.
Comparecín, xa vai para tres meses, diante do tribunal de selección
desta escola, aportando os meus títulos de licenciado en filosofía e
doutor en filoloxía nas tres linguas máis usadas do mundo, con
postgraos en incontables disciplinas relacionadas, todos estes estudios
concluídos con porfía vocacional.
Escrutado o meu expediente, recibín as felicitacións de parte dos
máis doutos e contrastados catedráticos sobre a materia, e verbas de
admiración dende a comunidade universitaria. Pero cando o comité
procedeu á lectura do meu formulario de ingreso, as caras longas de
reprobación non puideron ocultarse, alguén tentou mediar entre a
normalidade e os meus desexos, utilizando certa violencia para xulgar a
miña actitude, sen acadar ningún resultado, por certo.
Eu fágome cargo das recomendacións dos consellos interuniversitarios.
Respecto a vontade da maioría que non dubida en someterse a tales
preceptos, pero eu decidín utilizar a miña liberdade, non en contra da
sociedade, máis ben a favor do meu proveito.
"Especifíquenos, por Deus, unha por unha as razóns que o levan a
cometer semellante atrocidade." Exhortábame conmovido o presidente
do tribunal de selección.
"As razóns son máis ben escasas, e moi pouco específicas."
Ó remate dos estudios académicos, tódolos cidadáns, obrigados pola
lei, han de superar os tres anos correspondentes á formación
postacadémica. Normalmente a xente elixe materias que durante a súa
traxectoria deixou máis descoidadas. Así, un matemático, normalmente
cursará disciplinas relacionadas coas letras, un mecánico entregarase
á filosofía e un avogado procurará completar a súa formación polo
vieiro das belas artes. Eu, pola contra, apartado de calquera contacto
coa liña media, prefiro asentarme nun dos extremos da campá de Gauss,
sabendo que as tempestades sopran máis forte nas rochas e nos cabos e
que os suburbios adoecen de incomodidades e incomprensións. Pero aínda
así asimilo tódolos inconvenientes e procuro manterme firme nas miñas
decisións. Volvendo á campá de Gauss, direilles que cando unha persoa
se afianza no seu proxecto de vida, e se guía da man da coherencia, as
contrariedades trocaránselle en vantaxes. É difícil decidir que o
destino dun se atopa na desviación, pero cando se dá o paso e se
comeza a construcción dun fogar, comprobarase que o terreo para
edificar resulta máis barato nos extremos da campá ca no seu groso, ca
nos seus núcleos arracimados en torno á normalidade.
Coma experto en letras e pensamento a miña dirección debera
encamiñarse cara ó estudio das ciencias duras, cecais as matemáticas,
cecais a física. En cambio para culminar definitivamente a miña
formación preferín continuar coa filosofía, coas letras e coa
literatura. Non pretendo ofrecer un reto ó mundo. Aprobo as intencións
do sistema educativo que pretende aumentar a eficiencia profesional e
desprender de traumas psicolóxicos ó cidadán, pero nembargantes para
o meu caso particular non vexo outro xeito de colaborar con esa
perseguida eficiencia social.
Cando tan só era un rillote, con doce ou trece anos, soñaba con ser
escritor, pero cos estudios filolóxicos xa ben avanzados comprendín
que o escritor non era máis ca un cúmulo de estereotipos mudando
segundo as esixencias do mercado. Aquelas primeiras barbas da
adolescencia semellaban perigar diante da navalla do escepticismo,
afiada sobre a pedra do tempo. Pero afortunadamente, xa daquelas, e en
actitude que hoxe veño a confirmar, non abandonei o meu soño
adolescente e confiei en que o segundo escritor xenuíno da historia
había de ser eu. O segundo, ocupando un posto na historia, despois
daquel descoñecido homínido que decidiu transmitir por primeira vez as
súas ideas apoiándoas nun código para lanzalas de sorpresa contra un
saurio ou un rinoceronte coma arma de caza. E seguireino intentando, e
aquí teñen a principal razón que motiva a miña decisión: inventar a
literatura.
O medo non me asalta, non me dedicarei a queimar o meu pasado nunha
fogueira, agora vostedes coñecen o meu propósito constructivo.
Dou gracias, pola contra, ó mundo no que vivo, por ter incluído nos
plans educativos a formación postacadémica. Se non fose por esta
escola do esquecemento as miñas aspiracións serían irrealizables.
Foi moi boa idea institucionalizar e obrigar ó cidadán, logo de
rematar a súa formación, a cursar estudios na escola do esquecemento,
na que o alumno esquece ou desaprende as materias das que non precisa
saber e supera os exames cando o ultimo coñecemento sobre a disciplina
avaliada desaparece. De certo aumenta a efectividade dos profesionais,
un avogado debe esquecer todo rastro que o sistema educativo lle
imprimise sobre belas artes, un matemático ha de desterrar do seu
inconsciente todo rastro de letras para poder dedicarse a pleno
rendemento ós seus cálculos, ¿non temos mostras suficientes sobre o
aumento da eficiencia e da seguridade nos talleres se os mecánicos
eliminan da súa memoria toda pegada filosófica?.
Agora a profesora pasa lista, trinta e cinco alumnos dispostos a
esquecer coñecementos inútiles. Conviviremos durante estes tres anos e
observaremos como nos vai cambiando o humor a medida que desaparezan das
nosas mentes os tragos amargos sufridos durante o estudio daquelas
regras de tres que non nos encaixaban no seso nin empuxándoas con
trinta noites seguidas de insomnio.
Gracias, a tódolos psicólogos e psiquiatras, políticos, pensadores e
expertos en didáctica así coma a tódolos pais da patria que fixeron
posible a escola do esquecemento.
A min servirame para desterrar da mente tódolos tópicos posibles,
esquecerme das regras e das formas literarias, dos pensamentos
concibidos en estricta pureza filosófica. Así poderei volver á miña
adolescencia, retornar á compaña das miñas primeiras barbas. Para,
sen saber o que sei, con axuda do azar, intentar ser escritor unha vez
máis. |