O fillo

Vicente de Quengo

Confiaba no seu fillo

     Confiaba no seu fillo. Confiaba nel como noutrora confiara nos seus propios pasos, nas propias decisións, nas propias ideas, no trunfo. Confiara nel mesmo antes de ter nacido. Sabía que ía ser o fillo soñado, un fillo case ideado, planificado, creado como o prmeiro home moldeado por deus, á súa imaxe e semellanza. Agradáballe incluso que tivera nos ollos a escuridade verde que o namorara da nai. Era como un sinal de conformidade que lle enviaba o seu fillo nada máis chegar ó mundo. Confiaba nel día a día, paso a paso, e o neno íase facendo merecedor de tanta confianza, nas súas palabras, nos feitos, nas trasnadas, na fonda sinceridade coa que sempre lle falaba, co agraecido respeto, porque entre eles non era posible a dualidade obediencia-desobediencia. A obediencia era en todo caso a expresión coherente e lóxica dos feitos e as ideas, unha necesidade, A desobediencia apenas unha contradicción do mundo. Confiaba nel porque era el dalgunha maneira ou de tóda-las maneiras. Era el noutro tempo, noutra época, a natural continuación da súa vida. Agora a obra estaba rematada. Agora tocáballe a el o turno, chegara ó seu momento, o momento de deixar de ser dous e pasar a ser un. Colleu a pistola, meteuna na boca e cando estaba premendo o gatillo pensaba en canto confiaba no seu fillo, tanto que a fe trocáraelle en saber i estaba seguro de que se non quixera ser el mesmo que dera ese último paso pola súa propia man, nese caso o seu fillo non tería problema algún en ser quen fixese cuspir lume a aquela pistola. ¿Quen o acusaría de suicidio?


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega