Análise dunha obra do teatro galego dos 90

Pablo Landín

n3diegotaboadafilosofiagratitude.html


Historias Peregrinas
de Miguel Anxo Murado


 

NTRODUCCIÓN


     Nas dúas derradeiras décadas do século XX nace en Galiza unha serie de acontecementos (mostras, festivais, premios editoriais, a creación do Centro Dramático Galego) que darán a pulo á creación de novos autores galegos, uns relacionados con mundo dos escenarios coma Liño Braxe, Cándido Pazó ou Raúl Dans, e outros autores, como Miguel Anxo Murado, que non participan desa experiencia. Todos eles forman unha nova xeración que nacen nos 60 e comezan a publicar nos 90 e son coñecidos como a Promoción dos 90 (Vieites, 1988: 144, 145).
     Era neses anos 80 cando esta nova xeración comezaban a obter unha serie de premios teatrais, como tamén ocorría no teatro escrito en castelán coas novas xeracións dos 80 e 90. Son autores descoñecidos con obra de alto nivel literario e moi ben construídas. Dentro de Galiza hai un grande interese pola comedia, liña que seguen moitos autores: Cándido Pazó (1960), Quico Cadaval (1960), Roberto Salgueiro (1966), Pepe Sendón (1962), Manuel Núñez Singala (1963), Xavier Picallo (1965) Gustavo Pernas (1959) ou Miguel Anxo Murado (1965).
     Este estudio pretende dar a coñecer unha desas obras, Historias Peregrinas, como exemplo de obra ben feita, que atrapa a atención do lector ou espectador grazas á diversidade de situacións e onde o constante humor agocha temas tan trascendentais como a supremacía da razón para chegar a entender a vida, a crítica á senrazón da relixión, a búsqueda da verdadeira identidade das persoas, o amor, a literatura, o teatro. Temas humanos que perduran nos séculos.

I. O AUTOR


     Nacido en 1965, xa en 1983, con só 17 anos, Miguel Anxo Murado obtivo o premio nacional "Café Xixón" coa súa novela Metamorfose Benezianas. Licenciado en Historia, practica todos os xéneros literarios: novela, relatos, poesía, ensaio ou teatro. O seu libro de relatos Ruído, relatos de guerra (1995), tivo cinco edicións. En poesía escribiu Bestiario dos descontentos e Lapidario dos heterodoxos. En teatro publicou dúas comedias: A grande noite de Fiz (1994) e Historias peregrinas (1995), e varios libros de ensaio coma Caderno de Xapón (2001).
Guionista en A lei da fronteira ou Finisterre, realizou unha ducia de documentais sobre xeografía, literatura e política, colaborou en varias series de televisión e na prensa. Estivo como reporteiro en lugares conflictivos coma nas guerras balcánicas, ou como corresponsal en Palestina.

II. A OBRA: HISTORIAS PEREGRINAS


Argumento:
     Unha compañía de cómicos que se dirixía de Burgos a Santiago de Compostela fican perdidos nun bosque. Para máis desgracias o día anterior dous actores desapareceran robándolles o diñeiro e as roupas. Ao pouco aparece un personaxe que se parece moito a uno dos ladróns, de tal xeito que os cómicos cofúndeos. Este novo perxonaxe ha de inventar múltiples identidades para convencelos de que non é o ladrón: ao final resulta ser un perseguido pola xustiza a causa de ter impresos libros que defenden a verdade da ciencia fronte á relixión.

A estructura:
     A obra desenvólvese nun mesmo cadro, un bosque, e pódese dividir en seis escenas marcadas pola entrada e saída de personaxes:
Escena 1: entran dous soldados que falan sós no escenario. Están buscando un puñal prateado.
Escena 2: Marchan os soldados e aparecen catro dos cómicos, vestidos con roupas de actores dun acto sacramental, que descobren que foran robados.
Escena 3: Entra o Home, que é idéntico ao ladrón que contrataran co papel de Home Inocente
Escena 4: Desaparecen detrás do carro os cinco cómicos e van saíndo de novo para representar unha breve peza teatral: O derradeiro milagre do apóstolo.
Escena 5: Entra en escena Perdón Divino que fuxira con Home Inocente (o ladrón). Temos en escena aos cinco cómicos e ao Home.
Escena 6: Entran os soldados que comunican a morte de Home Inocente. Crían que era un impresor de libros herexes.
Escena 7: Saen os soldados. Home descobre aos cómicos a súa verdadeira identidade: el é o impresor que buscaban os soldados.


III. O MÉTODO DA ANÁLISE DA OBRA


     O estudio desta obra céntrase en tres aspectos: personaxes, espazo e tempo.
     Para a análise dos personaxes seguiremos os modelos actanciais de Ubersfeld (Semiótica teatral. 1998). A finalidade dos esquemas actanciais é comprender os personaxes, os seus desexos, e as súas relacións cos demais, así coma determinar a acción principal de cada escena e buscar os actantes desa acción. Para ilo Ubersfeld (1998: 49) determina as seguintes seis cuadrículas:

    

     Se tomamos os cómicos como un personaxe conxunto, vemos que o que buscan é, nun principio, saír do bosque para representar unha peza teatral en Santiago. O que daría o seguinte esquema:

 

     O suxeito (S) sería a compañía de cómicos que intentan saír do bosque (O) coa axuda de Home (A) que, coñecedor da ciencia, sabe buscar o camiño guiándose polas estrelas. A forza que lles fai actuar así é o feito de ser unha compañía de actores (D1) que se dirixen cara a Santiago (D2) a pesar dos obstáculos como poden ser o feito de que lles roubara o Home Inocente (Op)
     Este esquema pode variar segundo se priorice o obxecto. Así temos que se o que buscan é actores para representar unha obra, teriamos:

 

     Se o obxecto cambia, tamén o fai o opoñente. Agora os Cómicos son o suxeito (S) que desexan actores (O), pois o Home Inocente e Perdón Divino (Op) marcharon roubando a recaudación.
     Para facer unha análise completa, cada personaxe da obra debería aparecer como suxeito dun esquema actancial (Ubersfeld, 1998: 102), e iría variando continuamente pues en cada escena buscaría cousas diferentes, cambiando tamén o resto dos compoñentes dese esquema actancial. Centraremos a análise facendo un esquema actancial con cada un dos personaxes, e determinado o obxecto (O) que predomine ao longo da obra.

No espazo seguiremos a división de Bobes (1997: 395):
 - espazos dramáticos, creados polo drama para situar aos personaxes
 - espazos lúdicos, creados polos actores coas súas distancias e movementos
 - espazos escenográficos que se reproducen no escenario mediante a decoración, a luz, etc.
 - espazos escénicos: lugarer físicos onde se representa, son os escenarios, prazas...


     Así temos que o espazo que crea a fábula (o dramático) ha de ser representado no espazo real (o escénico) cunha escenografía (o escenográfico) onde se moven os personaxes (o lúdico).


Repecto ao tempo, podemos falar de tres tipos (Bobes, 1997: 363):
a) O tempo da historia que pode ser máis ou menos extenso.
b) O tempo do discurso que non pode extenderse máis alá do tempo do espectáculo: non poden seguir falando trala caída do telón
c) O tempo da representación.
Analizaremos aquí os dos primeiros que son os que teñen relación coa peza teatral xa que o último corresponde ao espectáculo.


IV. OS PERSONAXES


     A análise dun personaxe presupón seguirlle o fío ao longo da obra, que se pode modificar ao cruzarse con outros personaxes. En Historias Peregrinas, o grupo de cómicos que traballan como actores de autos sacramentais son os seguintes:


1. HOME que se dividen en dous:
    - HOME INOCENTE: rouba aos cómicos cos que traballou nun primer momento. Remata apresado e morto.
    - HOME (impresor): buscado pola xustiza polos seus libros de contidos herexes e científicos.
2. EMPRESARIO quere manter a compañía e aumentar a recadación.
3. GRACIA SANTIFICANTE muller do empresario.
4. MORTE XUSTICIERA inocente até o absurdo.
5. PECADO namorada do Home Inocente e, posteriormente do Home impresor.
6. PERDÓN DIVINO Desengadada tras fuxir con Home Inocente volve coa compañía.
7. SOLDADOS 1 e 2 (suxeito colectivo) buscan o puñal prateado.


     Agás os soldados o resto son cómicos. Vexámolos a partir dos esquemas actanciais:


HOME
Este primeiro personaxe desdóblase en dous:
- Home Inocente: o ladrón que nunca aparece en escena.
- Home: o impresor que aparece a partir da escena tercera.

HOME INOCENTE
     Este Home Inocente (S), quere escapar (O) co roubado. A forza que o move era a necesidade pois roubou até as roupas (D1). Os opoñentes deste personaxe son os cómicos e os soldados (Op), e Perdón Divino é a axudante (A) que escapa con el. O derradeiro interese sería conservar a vida (D2). O esquema sería o seguinte:

 

     O Home Inocente é o ladrón do que se fala nas primeiras escenas pero que nunca chega a saír ao escenario e o que sabemos del é polo que din del. Na escena III aparece un doble do anterior: Home.


HOME
     Este personaxe, ao longo da obra, inventa toda unha serie de historias nas que vai cambiando de identidade: ladrón, peregrino, apóstolo, príncipe, pero ao final resulta ser un impresor de libros, entre eles o Códice Calixtino. A causa de escribir estes libros herexes ten que escapar da xustiza (O). A forza que o move seica sexa o medo a ser preso, (D1) e o seu opoñente é a Santa Inquisición (Op) materializado nos soldados que obedecen as súas ordes. Os axudantes son os cómicos (A) que o encobren e o seu interese , leitmotiv da obra, é a procura da verdade nas ciencias e na razón (D1), anque tamén está o seu interese de conservar a vida.

 

     As historias que va contando este Home ao longo da obra provocan moitas situacións humorísticas da obra. Como exemplo sirva a aparición de Home vestido de apóstolo na representación do Último milagre do Apóstolo:


     GRACIA: (Abraiada). Colleu o lugar do actor que o representaba
     MORTE: Como no milagre?
     EMPRESARIO: (Feliz) ?Teño un discípulo de Cristo contratado na miña compañía?
     GRACIA: (Ao empresario) Cala, por Deus, que nos perdes. (Historias Peregrinas, p. 57)


     Estas situaciones cómicas mestúranse con reflexións filosóficas sobre a vida e identidade do Home:


     HOME: Non sei quen son, pero si quen me gustaría ser. ¿Cal das dúas cousas é máis importante, realmente? Nacín e vou morrer. ¿Tanto importa o que hai no medio?

                (Historias Peregrinas, p. 60)


     Máis tarde, ao descubrírselle ao Home un puñal prateado, inventa que é un príncipe que tivera que marchar do seu reino con só un coitelo co escudo gravado. Segundo conta, o seu pai herdara o trono ao nacer uns segundos antes que o seu tío, o que provocou que o tío sempre devecese por vingarse e terminou por envenenalo, que nos lembra ha historia de Hamlet. A linguaxe anacrónica segue batuxando de humor os diálogos:


     HOME: Eu naturalmente, denunciei publicamente o crime. Pero miña nai fixo un desmentido, desautorizándome e casou co meu tío
                (Historias Peregrinas, p. 75)


     No remate da obra, O Home recoñece a súa verdadeira identidade: un impresor buscado por herexe, e séntese culpábel por estar vivindo a vida doutro:


     HOME: ? E todo porque ese pobre Home e eu nos pareciamos. E agora aquí estou eu, vestindo as súas roupas e el pendurado de miña corda en Compostela?
                (Historias Peregrinas, p. 97)



EMPRESARIO
     O empresario (S) é o personaxe máis preocupado por conservar a compañía (O) e comparte co resto dos cómicos o desexo chegar a Santiago (D2) e poder representar os Milagres do Apóstolo. O feito que o move é o de ser actor (D1), os seus cómicos son os seus principais axudantes (A), pero o feito de ser roubado, de estar perdidos e, sobre todo, a falta de actores son os seus obstáculos (Op).
 


 

     Aínda que este esquema actancial é o que predomina na obra, os obxetivos que persegue nas diferentes escenas varían:
 - na escena II: encontrar aos cómicos fuxidos,
 - na escena III: averiguar a identidade do Home,
 - na escena IV: representar o Último milagre do Apóstolo Santiago.


     A actitude do empresario vai cambiando segundo as circunstancias. Cando todos cren que Home é un príncipe, el se amosa servicial:


     EMPRESARIO. (Modesto): Maxestade, nós somos uns humildes cómicos sen éxito, pero estamos para vos servir como queirades. Estamos ós vosos pés.
                                             (Historias Peregrinas, p. 78)

 

     Noutras ocasión amósase emprendedor; así cando pretende que o presunto príncipe vingue a seu pai, o empresario, enfervorizado, escóndeo trala cortina do carro e dá en organizalo todo. Prepara entón unha breve representación teatral na que asigna a cada un o seu papel: Perdón será a camareira, Gracia a raíña, Empresario o rei e Pecado a noiva. O Empresario non dúbida en dirixir aos seus actores. É un Home de teatro que leu moito Shakespeare.


     EMPRESARIO: Pero é un papel extraordinario. A nova serpe do Mal que como no Pecado Orixinal contamina a mazá e fai mortais ós Homes. O axente desencadenante

                            do drama, como o pano en Otelo. O Inocente símbolo da fatalidade.
                            (Historias Peregrinas, p. 84)


    
Cando os cómicos deciden defender a Home, que cren un príncipe, o Empresario aconsella que o fagan coas armas dos actores. O seu plan, baseado na simulación, tirouna dunha obra de Cunqueiro:


     EMPRESARIO: Non? Quiteino dunha obra. ¿Seica non coñecedes "A traxedia do señor Hamlet, príncipe de? "(Non se lembra) "? ¿portugal?"
                            (Historias Peregrinas, p. 80)


    
O humor e o teatro definen a este pesonaxe no seu discurso:


    EMPRESARIO (soñador): Por unha vez fariamos teatro realista, como quixen eu sempre. O actor total. O plano ficcional e real, por fin mesturados. O teatro dentro do teatro ou

                                          a vida dentro da vida. O dilema do real e o inventado, nunca mellor exposto.
                                          (Historias Peregrinas, p. 81)



GRACIA SANTIFICANTE
     Gracia (S) é a muller do empresario que, que tamén quere saír do bosque, e seguir coa compañía (O). O causante destes sucesos fora Home Inocente (Op), de aí que vexa con desconfianza ao novo Home. Móvelle o feito de ser actriz (D1) e estar casada co empresario da compañía (A), axuda imprescindíbel para conseguir representar en Santiago (D2)

 

 

 

 

     É o personaxe máis sarcástico. A súa personalidade materialista e interesada, axudada pola expresión anacrónicas, achégaa á sociedade actual:


     GRACIA: ? Pois si que nos saíu "inocente" o "Home". Ti, como contratas ao primeiro que ves? ¡Coa de parados que hai para escoller!
                       (Historias Peregrinas, p. 25)


     Como muller do Empresario, preocúpase por seguir as modas teatrais da época:os autos sacramentais.O humor segue a estar na utilizacón da linguaxe de hoxe en día:


     GRACIA: Ademais, o da Muerte Justiciera é o que máis lle gusta á xente. Xa me prestaría a mí facer un papelón así. Pero téñome que amolar e facer de Gracia Santificante, que é

                   un rollo. Pero, claro, como só che son a muller do xefe?

                   (Historias Peregrinas, p. 27)


     O carácter deste personaxe, socarrón e prácticos amósase cando, nunha da súas historias, o Home conta que tivo que saír do seu reino levando nada máis que o coitelo cun escudo real, e ela repóndelle:


     GRACIA (Incrédula): Mágoa que en vez dun coitelo non trouxeras un tenedor e así ceabas?
                                   (Historias Peregrinas, p. 76)


MORTE XUSTICIERA
     A Morte (S) busca facer comedias (O) movido polo feito de ser actor (D1) xunto á compañía (A) coa que se dirixe cara a Santiago (D2). Ademais do interese que comparte coa compañía para saír do bosque, o que quere é representar teatro cómico, opinión que non comparte o Empresario (Op).

 

     Na escena segunda a Morte é quen se decata da desaparición dos cómicos e do roubo, e vai espertar aos seus compañeiros aínda vestido de Morte. As situación absurdas, e as expresións anacrónicas, marcan o carácter cómico deste personaxe:


     MORTE: Encarnarse nun simple actor de reparto... ¡que grande paso no recoñecemento de noso humilde gremio!
                  (Historias Peregrinas, p. 58)


     Non faltan nel as súas críticas ao teatro do S.XVII e as súas preferencias pola comedia:


     MORTE: ¡Pois si! ¡Por que temos que representar sempre este... (Despectivo) "Teatro alegórico"! O Barroco está superado, toda esta relixiosidade macabra, tan característica da

                  nosa época, o tenebrismo, ou sic transit gloria mundi, ¿Por que non deixamos este estilo dunha vez?
                  (Historias Peregrinas, p. 28)


     Reflexións metateatrais onde tampoco se salva o teatro clásico:


     MORTE (A parte, para o público). Deus, o da traxedia clásica é para volverse un tolo. Case prefiro facer alegorías: o demo ten cornos e as doncellas recollen flores. Todo se recoñece

                                                      axiña. (Historias peregrinas, p.81)


PECADO
     Pecado (S) é unha muller que busca o amor (O) e facer obras románticas. Namórase do Home Inocente pero éste escapa con Perdón. Móvea os ciúmes e o amor (D1) na procura da felicidade (D2). Que o Home que lle gustaba escapase con Perdón representa un obstáculo (Op), para acadar namorarse, anque o novo Home (A) semella darlle esperanzas.

 


     O seu carácter namoradizo reflíctese nos seus gustos teatrais:
     PECADO. (Adiantándose, para o público). Eu o que quería facer son obras románticas. Lanzarote e a Raíña Xenebra. Romeo e Xulieta, Eloísa e Abelardo en versión musical...
     (Historias Peregrinas, p. 29)


     É un persoanxe inocente e confiada que se ve recompesada cara o final da obra co novo amor que está a nacer entre ela e o Home:
     PECADO. (Engaiolada). Eu sempre o souben. A nobreza encintiláballe nos ollos
     EMPRESARIO. Filla, non sexas irrespetuosa
     HOME (A Pecado) Os ollos só reflicten o que ven.

     (Historias Peregrinas, p. 78)


PERDÓN DIVINO
     Perdón Divino (S) tamén busca o amor (O), e, anque traballa coa compañía foxe Home Inocente (OP). Cando este a abandona, ela volve cos cómicos (A). A forza que lle move é o feito de ser unha muller romántica (D1) e o interese último é a súa propia felicidade (D2).
 

     Perdón conta á compañía que se deixara convencer por Home Inocente para roubar e fuxir xuntos. As súas coitas amorosas alternan coa de Pecado:
     As dúas mulleres namoradas, máis que discutir entre elas, se queixan por turno
     (Historias Peregrinas, p. 62)


     Este carácter namoradizo contrasta co seu pasado escuro pois trátase dunha bruxa a quen a compañía de cómicos rescatara cando a exorcizaban, o dará un motivo máis aos seus compañeiros para rir dos augurios que tanta impotancia se lle daba no Barroco:
     PERDÓN: Que importa que queiramos dicir quen somos ou non. Todo o levamos escrito no rostro.
     MORTE (A Empresario, baixo) Esta vaino averiguar, que é medio bruxa.
     (Historias Peregrinas, p. 69)


SOLDADOS
     É un personaxe colectivo. Os soldados (S) buscan o abrecartas (O) por orde do Corpo de Guardia (D1). Ambos os dous axúdanse mutuamente (A) para poder regresar a Santiago (D2) canto antes. Os cómicos (Op) saben que ese abrecartas téñeno o Home pero encóbreno.

 

 

  

 

     Xa dende o comezo da obra, o diálogo entre os dous soldados sobre a existencia do Apóstolo amosa o seu carácter simple. O humor vén de novo a través da linguaxe popular e anacrónica:
     SOLDADO 1: Existe, o que pasa que é un tipo normal. Nin é santo nin nada. Nin fai milagres, nin viaxou, nin nada. Un indocumentado
     (Historias Peregrinas, p. 15)


     A segunda aparición é ao final da obra. Os soldados seguen a buscar o obxecto da primeira escena, o abrecartas prateado que non dan atopado. Logo deberán de volver a Santiago para aforcar ao ladrón que, anque xa está morto, cómpre amosar o castigo para dar exemplo. Este preso morto resulta ser o Home Inocente que os soldados confundiran co impresor herexe, O Home.
     En conclusión os personaxes presentan problemas que se poderían trasladar a hoxe en día: o amor inalcanzábel, a búsqueda da identidade, o absurdo de moitas situación, e a falsedades que se agochan nos augurios e nas relixións.

 

V. O ESPAZO


     O espazo fundamental é o bosque onde se desenvolve a obra, e que é un punto do Camiño de Santiago que van percorrendo os cómicos.
O bosque aparece indicado na acotación inicial. O ambiente exterior vén reforzado polo ladrido duns cans e a aparición duns soldados buscando algo nunha fría noite. Sobre estes soldados cae unha luz que impide ver o resto. Cando fagan mutis os soldados prenderanse as luces que deixan ver un carro de cómicos e unha árbore. Os cans que ladran ao lonxe indican que hai outro espazo imaxinario que non se ve, fóra dos límites do escenario.
     Son espazos aludidos e non mostrados que se fan a partir de:
 - referencias auditivas: ladridos, relámpagos...
 - movemento dos personaxes, coas súas entradas e saídas do escenario, que deixan entrever un espazo extra-escénico onde están eses personaxes ausentes.
 - referentes visuais: o carromato dos cómicos indica outro espazo pechado, así coma o bosque indica un espazo máis grande e aberto.
 - referencias verbais en boca dos personaxes, referencias a espazos latentes nos que se desenvolven outros feitos: ...esta villa..., Santiago..., Belvís de Ourense..., o camiño de Santiago dende Ponferrada..., ou espazos máis lonxanos: Aquitania..., a Grecia antiga, ou países imaxinarios de príncipes e reis.
     O espazo escénico redúcese cando, por exemplo, a luz enfoca aos soldados, deixando o resto do escenario escuro, como se non existise:
     A escena está oscurecida... entran os soldados... a luz só os deixa ver a eles.
     (Historias Peregrinas, p. 15)


     O espazo escenográfico materialízase a través dunha decoración: unha árbore e un carromato parado. A escasez de elementos decorativos reflicte o ambiente dunha época, no Barroco, cando os cómicos percorrían en carromato a Península para representar autos sacramentais.
     Outro elemento escenográfico importante é o son, que entre outras funcións, serve para presentar personaxes, como ocorre na breve peza que representan os cómicos, Milagres de Santiago:
     Nese momento aparece o Home, xusto no lugar que sinala o empresario. Pecado lanza un berro. Efecto sonoro para recalcar a entrada do Home.
     (Historias Peregrinas, p. 35, 36)


     Na representación desta breve peza abundan estas técnicas de luz e son do espazo escenográfico:
     Escóitanse tambores, ruído de cabalos e espadas, berros. Efectos de luces para resaltar a batalla, na que participan os outros actores...
     (Historias Peregrinas, p. 55)


     Outras funcións da iluminación aparecen indicadas nas acotacións:
     A iluminación debe resaltar que é un momento un tanto romántico e triste da obra. As dúas mulleres namoradas, máis que discutir entre elas, quéixanse por turno.
     (Historias Peregrinas, p. 62)


     Hai outro espazo, o lúdico, que crean os personaxes ao moverse:
     Bótanse todos un pouco para atrás. O Home está no outro extemos da escena e non participa nela, mira desde lonxe.
     ...
     Todos se botan cara adiante, sorprendidos
     (Historias Peregrinas, p. 61)


     Estas distancias amosan as situacións afectivas entres os personaxes: amor, amizade, submisión, enfrontamento, dependendo do sentido da obra, o que fai que, por exemplo, unha distancia moi cercana pode reflictir cordialidade ou enfrontamento. As miradas poden xogar un papel fundamental para este espazo lúdico:
     PECADO (Mirándoo fixo): ¿E que diferencia hai?
     HOME (Tamén a mira só a ela embelesado) Que a casualidade é o milagre das matemáticas...
     (Historias Peregrinas, p. 48)


    
Este espazo lúdico aparece xeralmente nas acotacións:
     Perdón Divino cálmase e sóltana. Vai cara el, para examinalo. Da voltas ó seu redor, mirándoo.
     (Historias Peregrinas, p. 67)

     O espazo dramático é o espazo que construímos como lectores a partir do decorado, a iluminación, música, sons, vestiarios, obxectos que rodean aos personaxes. As situacións que viven os personaxes va creando diferentes ambientes dramáticos ao longo da obra. Na escena cuarta, na representación da breve peza aludida:
     Préndense as luces e vemos a Pecado e ó Empresario con turbante e túnica, vestidos como se fosen Sarracenos.

     (Historias Peregrinas, p. 53)


     O Home transfórmase en Apóstolo. Os cómicos cren que esta metamorfose é un milagre, que ese personaxe creado por eles é real. A escenofrafía crea un ambiente ficción-realidade nunha obra que está dentro doutra.

 

VI. O TEMPO


En Historias Peregrinas recréase a vida duns cómicos ambulantes no século XVI e XVII. A acción transcorre nunha noite e parte do día seguinte. Na primeira escena entran dous soldados falando dun tema que xa trataron antes (pre-texto):
     SOLDADO 2 (Volvendo a unha conversación anterior): Daquela, volvendo ó de antes, o que di o libro ese é que o Apóstolo non existe

     (Historias Peregrinas, p. 15)

     Os soldados falan aquí dun libro que negaba os feitos sobrenaturais que se lle atribuían ao Apóstolo. A partir de aquí, e nesta primeira escena, cuestiónase crenzas coma o lugar onde está enterrado o Apóstolo, ou se flotaba a súa gamela de pedra na que chegou a Compostela.
     A historia segue sempre unha orde cronolóxica. Observamos saltos ao pasado, ben cando se fai referencia ao pasado inmediato (roubo do día anterior), ben se remontan a un pasado remoto (as historias inventadas por Home)
     Entre as dúas primeiras escenas transcorren algunhas horas da noite, na segunda escena acéndese as luces e os personaxes comezan a espertar, o que puidese parecer que é de día, sen embargo a fogueira sigue encendida o que indica que non deberon de pasar moitas horas dende que a prenderon. O espertar, máis que pola luz do día, vén provocado por algo inesperado:dous cómicos desapareceran roubando cartos e roupas.
     Gracia explica a fuxida dos actores que desencadenará todo o argumento, á vez que nos introduce un referente pasado, o aniversario da compañía:
     ... ¡Feliz aniversario da compañía! ¿Non o estabamos a celebrar onte? Pois aí o tes. Éche ese o regalo.
      (Historias Peregrinas, p. 23)


     Pasado que se remonta moito máis atrás cando falan da constitución da compañía:
     MORTE (Amolado). Pero se estás farta de verme vestido así... Dez anos traballando xuntos e aínda non te afixeches.

     (Historias Peregrinas, p. 21)


     As referencias ao día anterior abundan na obra pois os cómicos aluden a cotío ao robo dese día. As horas pasan e os personaxes comezan a ver con claridade tódolos obxectos: o puñal, o espello, a roupa.
     O saltos ao pasado tamén teñen por obxecto contarnos a historia dun determinado personaxe. É o caso de Perdón Divino
     GRACIA: ¡Cando a atopamos estábana exortizando entre tres cregos e dous catecúmenos!...
     (Historias Peregrinas, p. 24)


     O non coñecer ao Home Inocente, personaxe extra-escénico pois non aparece nunca no escenario, provoca toda unha serie de confusións humorísticas. Así, na escena 3ª, aparece un Home que os cómicos confunden co que fuxira co diñeiro o día anterior. El non sabe nada dese pasado:
     HOME: ¿Como que volvín? ¿Volvín onde? ¿De que me falades? ¡Non sei de que me falades!
     EMPRESARIO: non o sabes, non. ¿A ti que che parece de que falamos? Falamos das nosas ganancias. ¡E o día que celebramos en aniversario da compañía! ¡É o que máis me doe!
     (Historias Peregrinas, p. 36, 37)


     Este tipo de situacións provocarán ao longo da obra unha serie de malentendidos que farán que o Home se invente unha serie de historias sobre a súa identidade: peregrino, apóstolo, príncipe, e impresor buscado por herexe, e aos cómicos a realizar continuas conxecturas sobre esa posíbel identidade, e que dan lugar a unha serie de efectos humorísticos que chegan até o absurdo:
     HOME: ¿Non me ía coñecer eu, que levo canda min desque nacín?
     MORTE: Niso, a verdade, leva razón.
     (Historias Peregrinas, p. 40)


     Na procura de inventar a súa identidade, Home introduce unha serie de historias peregrinas que dan título á obra:
 - A primeira baséase nunha obra de Terencio na que dos irmáns son separados de pequenos. Un convértese en comerciante de viños cuxo barco é atacado polos piratas. Cando máis tarde é apresado o pirata e levado á forca, o irmán, que o recoñece, manda parar a execución (Historias Peregrinas, p. 46, 47)
 - A segunda historia é unha breve representación do Último milagre do Apóstolo. A acción se desenvolve na época das loitas entre moros e cristiáns. (Historias Peregrinas, p. 52-57)
 - Na terceira historia Home di ser un príncipe. A historia remóntase a cando o seu presunto avó con dous fillos iguais decidira que o que nacese antes sería o futuro rei (Historias Peregrinas, p. 73-75)
 - A cuarta historia de Home é a verdadeira, na que conta o seu pasado: imprime libros onde se amosa que a ciencia está por encima das teorías relixiosas e por isto está buscado. (Historias Peregrinas, p. 94, 95)
     As referencias á época vén determinado pola histora en sí: un grupo de cómicos que percorren a Península nun carromato co vestiario dos autos sacramentais, nos séculos XVI e XVII. Abundan as referencias sociais e históricas como o feito de atopar un alto índice de analfabetismo nos soldados que, na esena primeira, confesan que nunca viran un libro, nin sabían de ningún.
     O que máis abundan son as referencias ao teatro ambulante do S.XVII, ao que se representaba nas rúas, nos carros e nos escenarios:
     GRACIA: ...non podemos facelo sen Home Inocente. ¿Que un auto sacramental sen Home Inocente que se salve ó final? Todas as Danzas da Morte son así
     (Historias Peregrinas, p. 25)


     Os personaxes falan do "Teatro alegórico" do Barroco, da relixiosidade macabra tan característica daquela época:
     MORTE: ...o tenebrismo, o sic transit gloria mundi. ¿por qué no deixamos este estilo dunha vez?
     (Historias Peregrinas, p. 28)


     É a época da persecución da Santa Inquisición, das loitas contra os herexes, mouros e xudeus:
     EMPRESARIO: ... ¿Queres que nos queimen por herexes? Por moito menos que iso puxéronlle lume a algún, alá no noso Burgos natal...
     MORTE: Pois se encima se enteran de que vostede é medio xudeu e medio morisco...
     (Historias Peregrinas, p. 26)


     Na escena sexta, os soldados contan que o Home Inocente escapara do calabozo vestido de freire dominico, bendicindo en latín e armado cun puñal de prata, que resultará se una abrecartas que o Inquisidor se fixo facer en Toledo... para abrir as denuncias anónimas. (Historias Peregrinas, p. 87)


     As referencias culturais chegan até o final, onde os cómicos falan do Codice Calixtino, o mesmo libro que se facía referencia ao comezo:
     HOME (Como avergoñado): Foi a primeira edición que fixen. Non me podía saír perfecta. As páxinas que faltan...
     EMPRESARIO (Empezando a incomodarse). As páxinas que lle faltan, as páxinas que lle faltan... Por isto si que debían aforcar e non pola outra historia das herexías. Co que me   

     custou  atopalo...
     (Historias Peregrinas, p. 100, 101)


     O Home acepta acompañar aos cómicos até Santiago, lugar onde o empresario consigue o seu obxetivo de volver a a ser unha compañía. Imaxinamos que así ocorrerá na post-historia, pero nunca estaremos seguros porque cando se baixa o telón, a historia que continúa máis alá da representación é imprevisíbel.

 

VII. RESUMO:


     Análise dunha obra do teatro galego dos 90: Historias Peregrinas, de Miguel Anxo Murado. Análise que pretende dar a coñecer esta peza do novo teatro galego apartir de recoñecidos estudios de Ubersfeld e de Carmen Bobes, co que se pretende amosar as relacións entre os personaxes, e o reflexo dunha época onde se toca temas tan actuais como o conflicto relixión-ciencia, a busca da identidade, os medos, a procura da felicidade, que aglutinan un fondo serio contado cun humor que engaiola constantemente ao lector-espectador.

Palabras clave: Teatro, galego, comedia, Historias, Peregrinas, Murado

 

VIII. BIBLIOGRAFÍA.

ÁLVAREZ MENÉNDEZ, Rosa Ana: Sistema de signos no verbales en los esperpentos. Análisis semiológico. Universidad de Oviedo. Kassel. Edit. Reichenberger. 1998
BOBES NAVES, María del Carmen: Semiología de la obra dramática. Arco/Libro. Madrid. 1997
FERNÁN-VELLO, Miguel Anxo: O teatro galego actual. Grial, nº 89. Vigo. 1985
HUERTA CALVO, Javier: Historia del Teatro Español. Tomo II. Gredos. Madrid, 2003.
LÓPEZ SILVA, Inma: CDG. Como o gas, a aouga ou a electricidade. Revista Grial. Nº 162. Abril, maio, xuño. 2004. Tomo XLII
LOURENZO, Manuel: O teatro Galego. Edicións do Castro. Sada, A Coruña, 1979.
MURADO, Miguel Anxo: Historias Peregrinas. Editorial Tris Tram. Lugo. 1995
UBERSFELD, Anne: Semiótica teatral. Cátedra. Madrid. 1998.
VIEITES, Manuel F: La nueva dramaturgia gallega. Estudio y antología. Publicaciones de ADEE. 1988
VIEITES, Manuel F: Manual e escolma de la literatura dramática galega. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. 1996
VIEITES, Manuel F: Do novo teatro á nova dramaturxia (1965 - 1995). Editorial Xerais. Vigo 1998.
 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega