Paixón de amor

Eusebio

n2eusebiopaixondeamor.html

Carlos


Eu non sei escribir. Os daredes conta disto a medida que avancedes no relato. O certo é que non fun moito á escola, e o pouco que fun non estaba para escoitar o que me contaban os profesores. Necesitaba sentir, vivir, e non que me ensinaran as cousas. Pero o feito de que eu non saiba escribir non ten nada que ver coa miña falta de asistencia á escola. Ben, quizais si a miña falta de coñecementos ortográficos, pero o mais importante para a miña ignorancia é o pouco tempo que lle dediquei á lectura. Non estaba entre os meus pasatempos o de coller un libro nas mans. E arrepíntome, dígoo de verdade. Podería poñer moitas escusas, pero mentiría. Na casa dos meus pais sempre tiñamos libros, milleiros; cada habitación da casa tiña a súa biblioteca particular. Eu tiña na miña habitación libros e libros; regalos de reis, aniversarios e caprichos dos meus pais e avós que tentaban que prendera en mi o lume da lectura. Ben, xa sabedes que non prendeu. A min tirábame a rúa, os amigos... Un bulebule, un fervellasverzas, dicía meu avó. Era certo..., é certo. Nin paraba antes, nin paro agora. Hoxe lle dirían a miña nai que teño hiperactividade, daquela dábanme unha labazada e mandábanme para a casa dicindo que non me aguantaban. Pero non vou queixarme, sempre fixen o que me apetecía e a miña vida non é tan mala...ó menos ata agora.
O caso é que coñecín unha muller (xa sei, xa sei,...a vella historia) e isto non é raro, coñecía moitas dada a miña personalidade. As engaiolaba, gustáballes o meu ímpeto, o meu "non parar",...o que pasa é que non eran quen de segui-lo meu ritmo. A min tamén aburríanme elas cando comezaban a pedirme compromisos; eu non quería compromisos, había tanto que facer, tanto (e tantas) que coñecer. Entón chegou ela. Isabel.
Era a rapaza mais guapa que vira nunca: de pelo negro, pel morena e ollos divertidos...xa sabedes, eses ollos que teñen muxicas. En canto a mirei parouse a vida, a miña vida; a celeridade coa que vivira sempre deuse de cara contra un muro. Un muro de fermosura, de beleza inesquecible. Todo o meu redor perdeu sentido. Todo o día andaba á procura de Isabel; buscábala pola rúa, nos bares que ela frecuentaba,...pero non era capaz de falarlle,... nada,... nin ola.
A miña acelerada vida trocou nunha vida desesperada por sentir a súa presenza.
Entón un día ocorreu. Atopábame co meu amigo Moncho nunha terraza cando sentaron á nosa beira unhas rapazas; Moncho levantouse a saudalas e díxolles que sentaran con nos. Pensei morrer. Alí, diante miña estaba Isabel, fermosa, cos ollos divertidos, cheos de muxicas. Moncho presentounos, pero non fun quen de articular palabra, sorrín coma un parvo e quedei alí, calado. Ata Moncho preocupouse. Cando se foron as rapazas (cando se foi Isabel) preguntoume si estaba enfermo. Mentín díxenlle que non me atopaba ben...e era certo, estar tan cerca de Isabel desfíxome por dentro.
Aqueles días seguintes durmín pouco, non comía; xa non era aquel rapaz tolo,...era patético.
Decidín ceibarme de Isabel e do seu feitizo, chamei ós amigos; bailamos, bebemos e todo volveu ser como antes....ou case.
Unha noite estabamos nun tugurio; eu xa estaba hasta arriba de todo. Entón entrou ela, fermosa, coas muxicas bailándolle nos ollos. Dinme de conta que non me desfixera dela. A observei bailar, rir,...para ela eu non existía.
Entón despediuse das súas amigas e foise; marchou sen ollar para min. Levanteime e seguina.
Cando colleu unha pequena e escura rúa apurei o paso e pousei a man no seu ombro. Asustouse. Mirou para min e respirou aliviada."Ti es o amigo de Moncho". Quedei calado, contento de que me recoñecese, pero tiña que poñer fin o meu pesadelo.
Agarreina forte e biqueina con paixón violenta. Ela protestou, pero eu non podía deixar pasar a ocasión de demostrarlle meu amor. Arranqueille a camisa e quedaron á vista os seu peitos: pequenos, fermosos,..Ela golpeaba o aire, o meu peito, pero a miña forza e o meu desexo por ela facían inútil a resistencia. Baixei con rabia os seus pantalóns vaqueiros piratas. Escoitábaa chamar a súa nai. Abrín a súas pernas. A pequena e delicada e fermosa Isabel non podía facer nada contra meu ímpeto de amor. Penetrei nela con forza. Berrou. Descarguei todo o meu amor retido tanto tempo. Choraba, sen forzas, rendida. Erguinme. Xa non era tan fermosa. Xa non había muxicas nos seu ollos.
Deixeina alí. Volvín cos meus amigos. Bailei toda a noite. Sentíame libre daquela pesada carga do amor. O día seguinte a chamaría. Quedariamos para falar do que pasara. Aínda quedaba un oco para a amizade.





Isabel


Chámome Isabel. Ata agora era unha rapaza como calquera outra, e era feliz. A verdade é que aínda son feliz, pero penso que deixei algo no camiño que xa non recuperarei. Teño vinte anos e a miña vida é moi sinxela: os estudios, a miña familia e as amigas, por esta orde; é raro porque a maioría das mulleres da miña idade terían outras respostas, pero eu téñoo moi claro. En canto aos homes, xa tivera un par de relacións mais ou menos estables, pero non conseguiron que sentira por eles mais que cariño...eu quería mais. Entón coñecín a Carlos. A verdade é que non cheguei a coñecelo...ou o coñecín moi ben.
Carlos apareceu na miña vida de repente; mirábao pola rúa, nos sitios nos que eu paraba,...pareceume un rapaz moi guapo, pero non parecía interesarse por min.
Un día quedei cunhas amigas nunha terraza. O chegar alí vimos a un compañeiro da facultade, Moncho. Convidounos a sentar con el e con un amigo. Quedei de pedra. Seu amigo era Carlos. Sentín meu corazón palpitar a cen por hora, pero el non nos fixo caso. O día seguinte Moncho desculpouse por el, xa que dixo que non se atopaba ben. A min no me consolou; pensei que a Carlos eu non lle interesaba nada.
Despois diso non o volvín ver con tanta frecuencia. Ata unha noite que...
Cústame contar isto así que vou comezar polo principio. Esa noite celebrabamos o aniversario dunha amiga. Fomos cear e logo de estar en varios sitios, quedamos en tomar a última nun local preto de casa. Cando cheguei alí non o podía crer. Alí estaba Carlos, e hoxe non se atopaba enfermo, bailaba como un tolo, cos seus amigos. Pensei que non se acordaba de min, xa que, aínda que me mirou, non me saudou.
Logo de estar alí un anaco, pensei que non lle interesaba e decidín volver a casa. Era tarde, pero a miña casa quedaba cerca e por alí sempre había xente.
Cando xa entraba na rúa que vivía notei que alguén pousaba a man no meu ombro. Asusteime. O dar a volta, o vin a el. Meu corazón brincou de novo, pero de felicidade. "Ti es o amigo do Moncho" díxenlle. Mirou para min con ollos vidrosos e souben que estaba bébedo. De repente e sen dicir nada, abalanzouse sobre min e bicoume. Eu quería quitalo de encima miña, dicíalle que parara,...Arrancoume a camisa. Eu golpeábao, pero estaba como un tolo. Tiroume o chan e din un golpe na cabeza. Non puiden facer nada cando arrancou os meus pantalóns. Chamei a miña nai. Entón sentín dentro de min a súa covardía e chorei con rabia.
Ergueuse e ollou para min, unha ollada sen sentimento ningún. Odiei as miñas bágoas. Quixen cuspirlle á cara, chamarlle cabrón,...chamarlle de todo. Pero estaba cun forte atordamento.
Foise. Deixoume alí sen preocuparse o mais mínimo.
Erguinme e fun para casa. Espertei a miña nai. Chorou o tempo xusto para pensar o que tiñamos que facer. Aínda que desexaba sacar de encima de min o cheiro daquel porco, o primeiro que fixemos foi ir a urxencias, alí pedín que me fixeran exploracións e que me deran a píldora do día despois; chamamos á policía e fixemos a denuncia. Din tódolos datos necesarios, así como o informe de urxencias.
Cando o detiveron non foi capaz de negalo; chorou como un neno que era. Moncho e outros amigos del viñeron a xunta miña a pedir que o perdoara, que estaba bébedo, que non era mal rapaz, un pouco tolo,...díxenlles que non. Foderíalle a vida como el fodera a miña.
Deixárono en liberdade despois de pagar a fianza, xa que non tiña antecedentes.
Atopeino un día pola rúa. Xa non era aquel homiño seguro de si mesmo. Pareceume patético. Baixou a cabeza para non ollar para min. Mirei para el, sen medo. Tiven pesadelos por aquilo, pero non os tería mais. Miñas amigas acercáronse e rodeáronme cos seus brazos cálidos. Sorrín e seguimos a facer o que facían as rapazas da nosa idade. Vivir, e soñar co príncipe azul.

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega