¡Moviuse!

Raquel Couto Antelo

Respirei os zumes todos deses tempos dourados e escollín a memoria por ilícito presente

 

¡Moviuse!

- ¡Moviuse! -dixo emocionada- ¿viches Lúa? moviuse.
Lúa mirábaa inqueda mentres o tractor araba a eira. Todos os seus aforros estragados por aquel monstro que facía demasiado ruído e cheiraba mal. Ela ladroulle, ensinoulle os dentes e todo; pero o único que conseguiu foi que a mamá a obrigase a quedar sentada no patín atada cunha corda á man da pequena.

Lúa quería moito á pequena, xogaba con ela, non se asustaba cando lle poñía as patas enriba e sempre lle daba cousas ricas de comer; pero tiñan que entendelo, eran os seus aforros, cada anaco de carne magra, cada onza de chocolate, e sobre todo os chimos. ¡Co que lle gustaban a ela os chimos!

Agora, vendo o traballo de toda unha vida estragado, pensaba en canto mellor lle fora comer todos aqueles manxares cando a pequena llos dou ¿por que tiña aquela teima de gardalos para un momento mellor?

- Non hai momento mellor que o presente -decidiu mentres analizaba con atención o sacho do tractor- non hai que perder a calma -pensaba ao tempo que se movía dun lado a outro coa marxe que lle daba o cordel- igual non o perdín todo, igual só cambiou de sitio.

Deitouse, suspirou:
- Co ben organizado que o tiña -pensou Lúa- a carne tíñaa debaixo do limoeiro, porque as galiñas non ían por alí desde que ao quiquiriquí lle caiu un limón en toda a cabeza, hi,hi,hi -ría para si- o chocolate tíñao ao carón da corte das vacas, porque aínda que a elas ben que lles gusta, que o sei eu, con eses pes grandes que teñen non o dan pillado, hi,hi,hi -ría Lúa- e os chimos tíñaos xusto diante da caseta, por se me daba o antollo de noite.

- Mira Lúa, volviuse mover -dixo mirándoa- ¿que non se moviu? si ha, mira, si que se moviu.

Lúa non lle encontraba o chiste a aquel espeto alto con tres paus no bico, pero a pequena estaba tan ilusionada e poñíalle aqueles olliños soñadores que de cando vía un avión que... miráronse e suspiraron.
 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega