Mamá sempre me deixa ir xogar, non di nada,
só sorrí; non fala moito, bueno, é que non sabe, fala cousas dela
nada máis, non lle dou ensinado. Aínda así, é xenial.
Hoxe imos á casa dos peixes, imos moitas
veces, polo monte. É moi fácil baixar e o coidador nunca nos rifa, eso
sí, algúns míranos raro; pero eu paso deles. A min non me gusta que
chova, non me gusta nada, a auga dame arrepíos, cando mamá me quere
bañar trato de fuxir, pero sempre me acaba convencendo, mira que llo
explico, que non, que me da alerxia, que non me gusta, pero ela nin
caso. Cando chove, subo e xogo cós veciños de enriba, son pequenos
pero moi divertidos, xogamos ás carreiras e a pillar, eles fan sempre
trampas, e aínda así gano eu sempre. Unha vez na rúa collemos pola de
Cervantes cara a de Hércules e despois, despois, ven o difícil,
cruza-lo paseo marítimo. Ser, somos grandes, pero nada, eles nin nos
ven, veñen coma tolos e se non unhas pernas atléticas píllante e xa.
Mamá unha vez asustouse moito, ela fora da-lo seu paseo de cotío e eu
ía cruzar, non me dera tempo pedirlle permiso antes de marchar; ela
tratou de avisarme á sua maneira, é que non sabe deci-lo meu nome. Eu
botei unha carreiriña e... non me berrou, nunca me berra, e mira que as
veces fago cada unha ...
Eu prefiro ir despois de cear, porque todo
está máis tranquilo e mamá non ten que agardar para darme a cea; o
coidador fai que non nos ve, está ó seu, a min as focas gústanme
moito, sempre que imos, quedamos alí con elas, pero a elas tamén lles
gusta eso da auga, aló cada un cás suas manías. A verdade é que
véndoas parece divertido, mergúllanse, dan voltas, xogan ó balón.
Unha vez case me tiro. Á xente facémoslle gracia, algúns sácannos
fotos, mamá ten moitas fotos miñas, das que me saca ela, non das que
saca a xente esta. O outro día aínda nos sacou unha ós tres. E ás
veces, cando non ten que facer, perségueme para ver se fago unha das
miñas e despois partirse vendo a foto, éche así, hai que aguantala.
Así que ti es Diana dime o visitante,
aloumiñándome debes ser boa cazadora logo.
Eso pensaba eu, pero un día subín ó faiado e vina xogando cós
ratos mamá, sorrindo. |