Eu, eu cheguei despois dun naufraxio, o do
barco onde viña. O barco era portugués, eu non, eu son dun pouco máis
ó sur. De ilegal, claro. Ocorreu en novembro, íamos na bodega todos
amoreados. Dacordo, escomenzou un pouco antes, cando nos raptaron;
porque eu, querer, o que se di querer, non quería vir; pero así che
son as cousas. Xa no barco, ó primeiro foi moi tranquilo, pero o mar
revolviuse e emborcamos, en segundos todos espallados polo mar, non
volvín velos meus compañeiros, a algúns coñecíaos desde pequenos,
algún era meu irmán. Espero que estean ben, eu trato de saber deles. A
min, despois de todo, foime ben, aquí estou tan ancho, pero custoume.
Esto non era precisamente có que soñaba, eu queríame facer un sitio,
aló onde nacín, ter familia, esas cousas. Varei no Orzán, tiña tanta
auga dentro que tardei anos en secar, as malas linguas din que cando me
enfado rezuma o salitre. Que digan o que queiran. Da praia leváronme
ós almacéns do concello, e alí estiven ata que decidiron que facer
comigo, levoulles o seu tempo, xa case estaba resignado a quedar alí
para sempre. Ó final leváronme ós xardíns, púxeronme ó par dun
banco desfeito, e ... convertíronme nesto que son. Se polo menos me
destinaran ó paseo marítimo, có bonito que é o mar, ai, o mar. Eu
púxenlles cara de pena, a ver se pasaba por vez, pero nada. Tiña que
ser aquí. Os das Ánimas escarállanse a miña conta, que se as pombas
non sei que, que se estou á sombra; que lles dean, que as unllas dos
gatos téñenas que aturar eles. Nestes anos, que se di pronto, pero
levo aquí ... ver, vin de todo, cando escomencei a ve-los colegas con
rodas a toda hostia pola rúa adiante, pensei que xa non me quedaba nada
por ver, pero despois puxéronlles paraugas... agora xa estou curado de
espanto e adícome a cousas máis relaxantes; a rexoubar, basicamente,
có recolledor de amorodos, que ten cara de bo, pero éche un elemento
de moito coidado. Estamos analizando cal será a mellor estratexia para
liar á rapaza esta que ven polas tardes, có coidador, que está moi
só, e ademáis míranse moito. Que romántico! Xa se nos ocorrerá
algo. |